A Radio Galega e AGalegaAudio.gal retransmiten este xoves o PAOK-Celta, da Europa League - CSAG
A Radio Galega e AGalegaAudio.gal retransmiten este xoves o PAOK-Celta, da Europa League
O especial ‘Galicia en Goles’ comezará ás 18:30 h e prolongarase ata as 21:30 h

Santiago, 18.02.2026.- Os micrófonos da Radio Galega e da plataforma AGalegaAudio.gal estarán presentes este xoves no estadio Toumba de Salónica para recoller a retransmisión do partido de ida dos dezaseisavos de final da Europa League entre o PAOK e o Celta. Roberto Carlos Carballo dirixe esa edición especial de ‘Galicia en Goles’, que estará na antena da emisora autonómica desde as 18:30 ata 21:30 h, con Víctor López na narración e os comentarios de Jose Valtierra, Ramón Carnero, Alejandro Reza e Mr Asubío.
O equipo vigués chega a Grecia tras empatar a dous goles fronte o Español de Barcelona, mentres o conxunto grego recibiu o AEK de Atenas co resultado final de empate a cero. Celta e PAOK xa se enfrontaron na liga da primeira fase, coa vitoria galega por 3-1, con goles de Iago Aspas, Borja Iglesias e Swedberg.
A escuadra grega é forte na súa casa. Leva sen perder como local desde hai un ano, cando o perdera ante o CSKA de Sofía na competición continental. Nos últimos 22 partidos gañou 17 e empatou 5, marcando 52 goles e recibindo só 8. De aí que baseara a continuidade na Europa League este curso nos partidos disputados no estadio Toumba. Goleou o Young Boys suízo por 4-0 e mesmo superou o Betis por 2-0. Así e todo, cedeu dous empates, ante o Brann de Austria e o Maccabi de Tel Aviv, e como visitante só puido empatar en Bulgaria ante o Ludogorets. Sufriu tres derrotas, ante o Celta, o Lille e o Olimpique de Lyon. En total sumou 12 puntos, oito deles nas últimas catro xornadas.
O Celta, que rematou a liguiña con 13 puntos, foi un equipo forte na primeira fase en Balaídos e, ademais de superar o PAOK, tamén sumou cadansúa vitoria ante o Lille e o Niza, caendo ante o Boloña. Os outros catro puntos sumounos a domicilio, goleando o Dinamo de Zagreb e empatando ante o Estrela Vermella.
O PAOK-Celta abre o xoves as retransmisións da semana de ‘Galicia en Goles’, que continuarán o venres co Rácing de Ferrol-Celta Fortuna, da Primeira RFEF, e o Básquet Coruña-Estudiantes, da Primeira FEB. O sábado a atención estará posta no fútbol da Segunda División, co Deportivo-Éibar desde Riazor. Xa o domingo, o Celta volverá ser protagonista na Radio Galega e AGalegaAudio.gal, desta volta, na competición da Primeira División ante o Real Mallorca en Balaídos.