A Radio Galega é a emisora pública líder en Galicia, medrando un 19% con respecto á mesma onda de 2024 - CRTVG
A Radio Galega é a emisora pública líder en Galicia, medrando un 19% con respecto á mesma onda de 2024
Os datos do EXM sinalan que Radio Galega acada 118.000 oíntes diarios, un 19% máis que na mesma onda do ano anterior de luns a venres
Radio Galega Música tamén experimenta unha forte suba do 90% con respecto á mesma onda de 2024 e sitúase nos 19.000 oíntes
O conxunto de emisoras públicas alcanza os 137.000 oíntes, o que supón un incremento do 26% con respecto á mesma onda do ano anterior
A Radio Galega segue a liderar entre as emisoras públicas en Galicia, duplicando amplamente a audiencia de RNE (45.000)

Santiago, 22.04.2025.- A Radio Galega reforza o seu papel como emisora pública de referencia en Galicia tras os resultados da primeira onda do Estudo Xeral de Medios (EXM) de 2025, publicada este martes. A emisora pública galega acada 118.000 oíntes diarios de luns a venres, o que supón un incremento do 19% respecto á mesma onda do ano anterior.
Este aumento convértese na maior suba porcentual entre todas as emisoras xeralistas que operan en Galicia con respecto ao mesmo período do ano pasado, e todo isto nun contexto de descenso das cifras de audiencia da radio xeralista en ámbito Galicia.
Tamén Radio Galega Música experimenta unha evolución moi positiva, con 19.000 oíntes diarios, incrementando un 90% a súa audiencia de hai un ano. O conxunto de emisoras da Radio Galega suma 137.000 oíntes de luns a venres e 129.000 no global da semana, o que representa un notable incremento respecto á mesma onda do ano anterior: un 25,69% máis de luns a venres (con 28.000 novos oíntes) e un 14,16% máis no total da semana (con 16.000 novos oíntes).
Estes algarismos fan que a Radio Galega sexa de novo a emisora pública líder en Galicia, duplicando amplamente os datos de RNE (45.000). A Radio Galega tamén é a radio pública líder en canto a share, cun 15%, e a segunda con mellores datos de todas as canles que operan en Galicia.