A primeira canle da TVG ofrece este sábado en directo o decisivo partido entre o Básquet Coruña e o Obradoiro - CSAG
A primeira canle da TVG ofrece este sábado en directo o decisivo partido entre o Básquet Coruña e o Obradoiro
A Radio Galega e a plataforma AGalega.gal tamén retransmitirán, a partir das 19:00 h, este apaixonante derbi, en que se pode decidir o ascenso á Liga ACB
Os medios públicos galegos teñen preparada unha ampla despregadura, que comezará coa emisión dos Deportes do ‘Telexornal Mediodía’ desde a pista central do Coliseum coruñés

Santiago, 09.04.2026.- A primeira canle da Televisión de Galicia e a plataforma AGalega.gal ofrecen este sábado en directo o derbi de baloncesto entre o Básquet Coruña e o Obradoiro, en que os dous equipos galegos xogan o ascenso. A retransmisión comezará ás 19:00 h desde o Coliseum da Coruña, onde se vivirá un auténtico partidazo en que practicamente se decidirá a promoción á Liga ACB entre o primeiro e o segundo clasificado na táboa, con só tres puntos de vantaxe para os laranxas.
O equipo de deportes da TVG ten preparada unha ampla despregadura que comezará ás 15:00 h coa emisión desta sección do ‘Telexornal Mediodía’ desde a pista central. A presentadora Irene Lourido estará acompañada polo director deportivo do Básquet Coruña, Charlie Uzal; o director xeral do Obradoiro, Héctor Galán, e o ex-xogador Miguel Juane. Minutos antes das sete da tarde comezará a retransmisión do derbi provincial, coa narración de Tomás Alonso e os comentarios de Edgar Paz. A Radio Galega tamén estará presente neste decisivo partido, de onde pode saír o campión da Primeira FEB, con praza directa para a máxima categoría.
Coas entradas esgotadas, o feudo coruñés vivirá un cheo total neste apaixonante derbi con todo en xogo. No partido da primeira volta, o ambiente en Fontes do Sar xa foi unha caldeira, con 6.000 afeccionados nas butacas, practicamente a ocupación completa do pavillón. Naquela ocasión, o Obradoiro impúxose ante a súa afección. Agora, o Básquet Coruña quere facer o mesmo ante a súa.