div-crtvg-top1

Publicidade

Menu Display

Logo de CSAG

Camiño de navegación

A Galega logra 12 candidaturas no Celtic Media Festival 2026

As películas ‘Antes de nós’ e ‘+ Cuñados’, a serie ‘Lume’, o programa ‘Hit List’ ou as producións animadas ‘Bibopalula’ e ‘Pipo’, entre os candidatos galegos no certame

A Radio Galega, seleccionada na categoría ‘Mellor estación de radio do ano’

Os galardóns entregaranse en xuño en Belfast, na 47ª edición deste prestixioso festival internacional, que promove a cultura e a lingua dos países celtas

csag.gal 11/03/2026 15:40

Santiago, 11.03.2026.-    Doce candidaturas da CSAG competirán no Celtic Media Festival en Belfast o vindeiro mes de xuño. O anuncio dos nomeamentos, feito público este mércores, consolida os medios públicos galegos como referente da produción audiovisual no eido internacional. A 47ª edición deste certame recoñecerá os mellores traballos do sector en televisión, radio e novos medios dos países celtas. As producións galegas compiten con canles como a británica BBC, as irlandesas RTE e TG4, a galesa S4C, a escocesa MG Alba ou a bretoa FR3. Entre as producións elixidas este ano atópanse ficcións, longametraxes, programas de entretemento, espazos infantís e proxectos radiofónicos que reflicten a diversidade e a calidade da programación da CSAG.

A ficción galega, unha aposta forte

En Single Drama (filme dramático), foi seleccionada a película ‘Antes de nós’, dirixida por Ángeles Huerta, unha ollada íntima á figura de Castelao a través da relación coa súa muller, Virxinia Pereira.  Na categoría de comedia televisiva, foi seleccionado o filme ‘+ Cuñados’, a secuela da exitosa película ‘Cuñados’, que presenta unha nova aventura do trío interpretado por Miguel de Lira, Xosé A. Touriñán e Federico Pérez.

Ademais, a CSAG compite no apartado de Drama Series (serie dramática) con ‘Lume’, a coprodución galego-portuguesa protagonizada por Cristina Castaño no papel dunha xornalista que desentraña unha rede de intereses tras un incendio devastador na fronteira con Portugal. No eido do entretemento foi nomeado o programa ‘Hit List’, un gameshow musical para toda a familia presentado por Rafa Durán e a exconcursante de OT Miriam Rodríguez, en que os concursantes poñen a proba os seus coñecementos sobre a historia da música.

Na categoría infantil, competirán ‘Bibopalula’ e ‘Pipo’, dúas producións de Undodez para a Televisión de Galicia. ‘Bibopalula’ é a primeira serie de animación musical rodada en galego e narra as aventuras da Banda do Bosque e a súa descuberta dos ciclos naturais. Pola súa parte, ‘Pipo’ é unha serie web que conta a historia de Berta, unha rapaza de seis anos que acolle o extraterrestre que atopa no patio da súa casa.

Producións de AGalega.gal

No ámbito das artes é candidato ‘Espazo mural’, programa de AGalega.gal que se mergulla no mundo do graffiti e a arte urbana, mostrando o proceso creativo de diversos artistas galegos. Outra produción da plataforma dixital nomeada é ‘Incalculable’, no apartado de Factual Entertainment. Este espazo amosa como viven e se relacionan as especies animais e vexetais galegas. Tamén é candidata, na categoría de Short Form, a webserie 'Postcoito’, dirixida por Héctor Rodríguez, da que AGalega.gal conta cos dereitos de emisión e que retrata situacións, conflitos e emocións que xorden xusto despois de ter relacións sexuais. 

Ademais, Duarte Galbán, presentador do concurso ‘Gaña a túa aldea’, en que os participantes deben responder preguntas sobre as bisbarras galegas, está proposto para o premio ao presentador de televisión do ano.

Radio Galega

No eido radiofónico, a Radio Galega loitará polo premio á mellor emisora de radio do ano, mentres que ‘A bóla extra’, programa de humor e información da Radio Galega conducido por Kiko Novoa e Cristina García, é candidato na categoría de Sound Comedy. Ademais, a edición de ‘Seres’, espazo presentado por Rubén Riós, titulada ‘Os que quedaron sen nada tralos incendios’ foi proposta no apartado de Factual Series

O Celtic Media Festival, que promove a cultura e a lingua dos países celtas nos ámbitos do cinema, a televisión, a radio e os novos medios de comunicación, ten lugar desde hai 47 anos de forma rotatoria entre Irlanda, Escocia, Gales, Illa de Man, Cornualles e a Bretaña francesa. Trátase dunha cita obrigada para poñer en valor os produtos audiovisuais galegos no ámbito internacional e nel a Corporación establece sinerxías con televisións internacionais europeas, que posibilitan, entre outras cousas, acordos de cesión de contidos e proxectos comúns. 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
NOTICIAS CORPORATIVAS

div-crtvg-top2

Publicidade