A gala 'Bícame Pucho' celebra esta noite na TVG o legado do mítico cantante Pucho Boedo, cando fai 40 anos do seu pasamento - CSAG
A gala 'Bícame Pucho' celebra esta noite na TVG o legado do mítico cantante Pucho Boedo, cando fai 40 anos do seu pasamento
Desde o Palacio da Ópera da Coruña e presentada pola xornalista María Lamela, contará coa presenza dos artistas que máis dominan o seu repertorio e doutros emerxentes que están reinventando o seu patrimonio musical
Pasarán polo escenario, entre outros, a orquestra Los Satélites ao completo, Paco Lodeiro, Manoele de Felisa, César Romero, Eris Mackenzie e Ortiga

Santiago, 01.04.2026.- A Televisión de Galicia ofrece esta noite un grande evento para celebrar o legado histórico e musical do mítico cantante coruñés Pucho Boedo cando fai 40 anos do seu pasamento. A gala ‘Bícame Pucho’ (22:40 h) celebrará este aniversario desde a cidade que o viu nacer e triunfar e desde un dos centros artísticos máis importantes de Galicia: o Palacio da Ópera da Coruña, cun auditorio completo de case 2.000 espectadores.
Presentada pola xornalista e comunicadora galega María Lamela, será unha gran gala que contará coa presenza dos artistas que máis coñecen o legado de Pucho e outros novos que están reinventando o seu repertorio para que este patrimonio musical nunca morra. Tamén estará presente nesta homenaxe a filla do cantante, Raquel Boedo, que intervirá na gala.
A orquestra Los Satélites, coa que Pucho Boedo viaxou a Venezuela, na que foi a primeira xira dunha formación galega en América, será unha das grandes protagonistas no evento, en que participarán o seu director, Javier Saavedra, que foi compañeiro de Pucho, e todas as súas voces: Noly, Arturo Moreno, Alejandra Pais e María José Pereira. Tamén se lembrará o seu paso por Los Tamara, grupo onde se converteu nun artista de referencia a nivel nacional e internacional e en que destacou por facer versións moi exitosas de temas que arrasaban nas radio fórmulas e nos programas da época.
Ademais, actuarán en ‘Bícame Pucho’ Paco Lodeiro, o herdeiro actual do seu legado, coas súas épicas interpretacións de temas do mítico artista; Manoele de Felisa, un autor comprometido coa música tradicional, que interpretará ‘Unha noite na eira do trigo’, canción imprescindible na carreira artística de Pucho Boedo; o cantante Yenia, que revisará outro poema galego, esta vez de Celso Emilio Ferreiro: ‘María Soliña’, e César Romero.
Na gala participarán artistas emerxentes galegos, como Eris Mackenzie ou Ortiga, interpretando os temas que desde ben novos escoitaron nos seus fogares. As versións actualizadas de temas de Pucho tamén chegarán da man de Xoán Fórneas, premio Mestre Mateo ao mellor actor, que fará unha espectacular versión do tema ‘Monólogo do vello traballador’, gravado no disco cos Tamara, e de Gabriel Fandi e o coro góspel Singing With Soul, que interpretarán dun xeito épico ‘Mi tierra gallega’. Esta emotiva homenaxe pecharase con todos os artistas cantando o clásico ‘A Santiago voy’.