A G2 e AGalega.gal retransmiten o mércores e o xoves as finais da Copa Galicia de fútbol sala desde Pontevedra - CSAG
A G2 e AGalega.gal retransmiten o mércores e o xoves as finais da Copa Galicia de fútbol sala desde Pontevedra
Os espectadores poderán ver en directo os partidos entre o Parrulo Ferrol e o Noia, os dous equipos galegos que compiten na Primeira División masculina,
e entre O Castro e o Poio, que disputarán o título feminino
O sábado, a segunda canle da TVG ofrecerá o decisivo Pontevedra-Barakaldo de Primeira RFEF en Pasarón

Santiago, 31.03.2026.- Unha temporada máis, a Televisión de Galicia e a plataforma AGalega.gal volven ofrecer as finais da Copa Galicia de fútbol sala. O mércores, a partir das 20:30 h, os espectadores da segunda canle e todos os usuarios da OTT poderán gozar do mellor partido da categoría masculina co man a man entre os dous equipos da nosa comunidade que compiten na Primeira División: o Parrulo Ferrol e o Noia. O xoves, ás 12:00 h, a Federación Galega porá o título feminino en xogo co enfrontamento entre o Castro e o Poio. Os dous encontros disputaranse no pavillón dos deportes de Pontevedra.
O sábado, o fútbol será protagonista por partida dobre. Ás 16:15 h, o estadio de Pasarón acolle o enfrontamento entre o Pontevedra e o Barakaldo, dous equipos que teñen como obxectivo alcanzar os postos de fase de ascenso ao fútbol profesional. Os granates acaban de perder en Zamora, mentres que os vascos remontaron ante o Real Madrid Castela e atravesan polo mellor momento do curso tras sumar 10 puntos nas últimas catro xornadas. Este encontro chegará aos espectadores a través da G2.
Mentres, a plataforma AGalega.gal emitirá a partir das 18:00 h desde a Ribela o encontro da Segunda RFEF entre a Sarriana e o Sámano. Logo do empate en Soria ante o Numancia, o equipo galego mantén todas as opcións de permanencia na categoría e nesta cita é claro favorito, xa que o rival está matematicamente descendido á Terceira RFEF.
O domingo, AGalega.gal reservará a franxa horaria de 18:00 a 20:30 h a unha sesión de multifútbol cos campos do Couto e O Vao como puntos do directo. O Coruxo, que acaba de gañarlle en Carballo ao Bergantiños, recibe o Marino de Luanco, e a Unión Deportiva Ourense actúa de local ante a Ximnástica Segoviana.
‘En Xogo’
Cando remate a xornada, o equipo de ‘En Xogo’ resumirá todos os partidos dos equipos galegos coas emisións ás 22:30 h na G2, e despois da medianoite na TVG. Gustavo Varela estará acompañado no estudio por Roberto Lago, Dani Mallo e Xabier Rodríguez Campos para ver as mellores xogadas e debater sobre o Valencia-Celta e o Deportivo-Málaga. Nas categorías da RFEF destaca o Pontevedra-Barakaldo por entrar no playoff e o duelo de filiais entre o Castela e o Celta Fortuna.
Redes sociais
A xornada deportiva tamén está durante a fin de semana nas redes sociais de ‘En Xogo’, en X, Facebook e Instagram. Alí os usuarios teñen a información ao momento e as historias máis curiosas contadas á saída dos afeccionados dos estadios de fútbol e pavillóns deportivos. Mentres, a web G24.gal recolle aos poucos minutos do remate os resumos dos partidos que disputan o Celta e o Deportivo nas divisións profesionais.
Deportes nos Telexornais
Os informativos ‘Bos Días’, ‘Telexornal Mediodía’ e ‘Telexornal Serán’ ofrecen amplos espazos de información deportiva. Ademais do fútbol, tamén estarán presentes os resumos de baloncesto nas ligas ACB e FEB. Esta xornada destacan o Valencia-Breogán, Cantabria-Básquet Coruña, Obradoiro-Palencia, Mallorca-Ourense, Ensino-Leganés e Baxi Ferrol-Xirona. O balonmán, mentres, ten tres citas esta fin de semana na nosa comunidade: Cangas-Alacant, Guardés-Elda e Porriño-Granollers.