div-crtvg-top1

Publicidade

Menu Display

Logo de CSAG

Camiño de navegación

A G2 e AGalega.gal retransmiten este mércores o derbi Ourense-Básquet Coruña

O mércores e o xoves, os espectadores gozarán da Copa do Rei de fútbol xuvenil, cos partidos Celta-Betis e Deportivo-F. C. Barcelona

csag.gal 10/03/2026 11:41

Santiago, 10.03.2026.-    Esta semana o fútbol e o baloncesto van ser protagonistas na programación da segunda canle da Televisión de Galicia e na plataforma AGalega.gal. O mércores, ás 18:30 h, o estadio Anxo Carro acolle a primeira semifinal da Copa do Rei de fútbol xuvenil entre o Celta de Vigo e o Real Betis. Tomás Alonso porase á fronte da emisión, apoiado polo exfutbolista Roberto Lago, formado na canteira celeste. Os olívicos chegan a esta cita tras recortarlle dous puntos ao Deportivo na pelexa polo campionato do grupo primeiro, mentres que o seu rival lidera o grupo cuarto, pero só cun punto de vantaxe respecto ao Granada.

A continuación, contra as 21:00 h, o pavillón Paco Paz será o punto de directo para a retransmisión do derbi galego da Primeira Federación de baloncesto entre o Ourense e o Básquet Coruña, da man de Roberto Prado e Edgard Paz. Os das Burgas reciben o líder co obxectivo de repetir a vitoria lograda hai unhas semanas ante o segundo clasificado, o Obradoiro. O equipo herculino saltará á pista ourensá sabendo de antemán o resultado dos santiagueses, que xogan o martes no Multiúsos Fontes do Sar ante o Cartaxena.

O xoves, tamén ás 18:30 h, chegará a segunda semifinal da Copa do Rei de fútbol xuvenil co Deportivo da Coruña e o F. C. Barcelona xogando por unha praza na final do domingo. Desta volta, Patricia Rodríguez Juste encargarase da narración, cos comentarios do adestrador Tito Ramallo, perfecto coñecedor da canteira branca e azul. Fronte a fronte estarán dous dos líderes da competición ligueira: os coruñeses, no grupo primeiro, e os azulgrás, á fronte do grupo terceiro.   

Cobertura do Celta-Olympique de Lión

O Celta de Vigo afronta esta semana un dos partidos máis importantes dos últimos tempos. O xoves pola noite recibe en Balaídos o Olympique de Lión, na ida dos oitavos de final da Europa League. A Televisión de Galicia ofrecerá durante toda a semana amplos espazos dedicados a esta cita dentro dos informativos ‘Bos Días’, ‘Telexornal Mediodía’ e ‘Telexornal Serán’. Ademais, nas redes sociais de ‘En Xogo’ e na web G24.gal os afeccionados estarán informados ao momento, coa previa, os 90 minutos de xogo e as declaracións posteriores na sala de prensa e na zona mixta do estadio.   

Publicidade
Publicidade
Publicidade
CRTVG VIVA

div-crtvg-top2

Publicidade