A G2 e AGalega.gal ofrecen este mércores o derbi Básquet Coruña-Ourense - CSAG
A G2 e AGalega.gal ofrecen este mércores o derbi Básquet Coruña-Ourense
O xoves tamén haberá baloncesto, co partido de volta dos dezaseisavos de final da Eurocup Women entre o Baxi Ferrol e o San Giovanni de Milán

Santiago, 16.12.2025.- Semana de baloncesto na segunda canle da Televisión de Galicia e na plataforma AGalega.gal. O mércores, a partir das 20:45 h, chega o primeiro derbi galego da temporada na Primeira Federación. O Básquet Coruña, líder invicto, recibe no Coliseum o Ourense. Os herculinos acaban de gañar en Zamora, mentres o cadro das Burgas non puido xogar en Fuenlabrada por unha intoxicación alimentaria de oito dos dez xogadores que compoñen a lista.
O Básquet Coruña ten trazado como obxectivo principal regresar á Liga ACB pola porta grande, é dicir, quedando campión da liga regular e sen ter necesidade de entrar na eliminatoria de cuartos de final e, posteriormente, na final a catro. O Ourense non aspira a tanto, pero ata o momento está ilusionando os seus afeccionados ao aparecer como noveno clasificado, praza que dá dereito a entrar na fase de ascenso.
O xoves, o baloncesto continuará na G2 e en AGalega.gal, desta volta co segundo partido da eliminatoria de dezaseisavos de final da Eurocup Women. O Baxi Ferrol recibe na Malata o San Giovanni de Milán, ao que xa derrotaron a semana pasada na cancha italiana por unha diferenza de dezanove puntos, 62-81. Así e todo, a superioridade galega non chegou ata o terceiro cuarto, porque no descanso as italianas só perdían por catro puntos.
Na fin de semana, o fútbol tomará o mando da G2 e AGalega.gal coa última xornada de 2025. Así, o sábado, ás 17:00 h e só pola plataforma, os afeccionados poderán seguir desde As Eiroas o encontro da Segunda RFEF entre o Bergantiños de Carballo e o Sámano. O domingo, a G2 e AGalega.gal estarán no estadio de Riazor, onde o Deportivo recibe a Real Sociedade na eliminatoria de oitavos de final da Copa da Raíña. Á mesma hora, no campo Arsenio Iglesias, xogarase o Fabril-Ávila de Segunda RFEF, que se ofrecerá de xeito exclusivo por AGalega.gal, ao igual que o derbi entre a Unión Deportiva Ourense e a Sarriana, ás 17:00 h.