div-crtvg-top1

Publicidade

Menu Display

Logo de CSAG

Camiño de navegación

A G2 e AGalega.gal emiten este martes ás 20:30 a final da Liga de hóckey entre o Liceo e o Igualada

Na Radio Galega, programación especial desde unha hora antes e ata a medianoite

csag.gal 22/06/2026 15:34

Santiago, 22.6.2026.-   O Liceo e o Igualada xogan este martes o título da OK Liga no quinto e decisivo partido da final. A cita é ás oito e media da tarde no palacio dos deportes de Riazor, cunha ampla despregadura do equipo de Deportes da Corporación de Servizos Audiovisuais de Galicia. A G2 e AGalega.gal emitirán o encontro a partir das oito e vinte e cinco, coa narración de Roberto Carlos Carballo e os comentarios de López Regos. Mentres, a Radio Galega e AGalegaAudio.gal programan unha edición especial de ‘Galicia en goles’, da man de Lucía Junquera e cos especialistas Fernando Romero de Paz, Miguel Álvarez e Pablo Arias na cancha herculina.

A serie chega ao seu desenlace cun marcador de 2-2 tras catro mangas de contrastes extremos. O Liceo dominou con autoridade os dous primeiros puntos en Riazor. No primeiro, o conxunto coruñés arrasou o Igualada cun contundente 8-2, chegando ao descanso cunha vantaxe de 6-0. No segundo, nova exhibición verde e branca con outro 8-2, no que Dava Torres e Arnau Xaus lograron cadanseu triplete.

Con dous triunfos de vantaxe e a un só paso do título, o Liceo viaxou a Igualada, onde o guión cambiou por completo. No terceiro, en Les Comes, o conxunto arlequinado deu a volta ao marcador na segunda parte tras ir perdendo 0-1 ao descanso e acabou impóndose por 5-2, con Nil Cervera como único dobre goleador liceísta. O cuarto, tamén en Igualada, confirmou a reacción local vencendo por 4-2, con Matías Pascual e Marc González goleadores por partida dobre.

O Liceo denunciou episodios de tensión e intimidación que afectaron a familiares e a afeccionados desprazados desde A Coruña a Cataluña a pasada fin de semana. Para facer do pavillón unha caldeira, o club herculino realizou un chamamento para encher as bancadas, dando entradas de balde aos acompañantes dos socios e reducindo a un prezo único de 5 euros o acceso á instalación para o público en xeral.

A final chega xusto na noite do San Xoán, de gran tradición na Coruña. Antes dos fogueiras na praia de Riazor, o pavillón de deportes acollerá os últimos cincuenta minutos dunha temporada que pode ser redonda para o Liceo, despois de conquistar a Copa do Rei hai dous meses fronte ao Calafell.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
CRTVG VIVA

div-crtvg-top2

Publicidade