A CSAG retransmitirá en directo o VII Foro La Toja, centrado na nova orde mundial - CSAG
A CSAG retransmitirá en directo o VII Foro La Toja, centrado na nova orde mundial
A G2 e a plataforma AGalega.gal ofrecerán a totalidade dos relatorios e o ‘Telexornal Serán’ deste xoves emitirase desde a illa da Toxa
A cobertura comeza o 2 de outubro, coa inauguración a cargo do rei Filipe VI e a entrega do Premio Josep Piqué aos ‘pais’ da Constitución Miguel Herrero e Miquel Roca

Santiago, 01.10.2025.- A sétima edición do Foro La Toja-Vínculo Atlántico poderase seguir en directo e de xeito íntegro pola Televisión de Galicia. Do 2 ao 4 de outubro, a G2 e a plataforma dixital AGalega.gal ofrecerán todos os actos e os relatorios deste espazo para a reflexión e o debate, unha cita ineludible para a análise dos retos sociais e económicos actuais, e que este ano abordará a nova orde mundial tras o comezo do segundo mandato de Trump.
A programación especial terá como condutora principal a xornalista Noelia Vázquez, que contará co apoio dos analistas Santiago Calvo, Cristina Ares, María Bastida e Venancio Salcines desde o set da TVG na sede do foro. Alí serán entrevistados, entre outros, a economista Alicia García Herrero; a exministra de Asuntos Exteriores Arancha González Laya; a presidenta de CEPYME, Ángela de Miguel; a presidenta do Cercle d’Economia, Teresa Milà; o expresidente de México Ernesto Zedillo; o presidente do Consello Económico e Social, Antón Costas; a presidenta da Asociación Española de Banca, Alejandra Kindelán, o CEO de Alto Intelligence, Álex Romero; a filósofa e profesora na Universidade de Oxford Carissa Véliz e o catedrático Cecil e Ida Green de Física no Instituto Tecnolóxico de Massachusetts, Pablo Jarillo-Herrero.
Ademais, a primeira canle da TVG e a Radio Galega realizarán un amplo seguimento do evento, con conexións en directo e entrevistas nos distintos espazos informativos. A cobertura comezará o xoves ás 16.30 h cun adianto informativo pola primeira canle, presentado por Marcos Sueiro, que transmitirá a chegada do rei Filipe VI e o acto de inauguración, que contará coa presenza do presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda. Ademais, Pablo Muñoz presentará o ‘Telexornal Serán’ (20:55 h) do xoves día desde a illa da Toxa.
No marco desta sesión inaugural, farase entrega do Premio Foro La Toja Josep Piqué a dous dos sete ‘pais’ da Constitución Española, Miguel Herrero y Rodríguez de Miñón e Miquel Roca i Junyent. Nesta xornada terán lugar tamén a conferencia de Michel Ignatieff, Premio Princesa de Asturias de Ciencias Sociais 2024, en diálogo coa exvicepresidenta do Goberno Soraya Sáenz de Santamaría (18:30 h) e a conversa ‘Institucións e democracia’ (19:00 h), en que participarán Ernesto Zedillo e Mariano Rajoy, expresidentes mexicano e español, e a exministra de Asuntos Exteriores Arancha González Laya.
Axenda do venres 3 e sábado 4 de outubro
A cobertura do venres día 3 iniciarase ás 09:30 h e incluirá, entre outras intervencións, as mesas ‘Factores de competitividade da economía española’, coa participación da presidenta do Cercle d’Economia, Teresa García-Milà, do presidente de Telefónica España, Borja Ochoa, e do presidente de Deloitte, Héctor Flórez; ‘Os retos políticos de Europa’ (10:15 h) e ‘A economía mundial despois de Trump’ (12:00 h).
Os espectadores tamén poderán seguir senllas conferencias do presidente do Partido Popular, Alberto Núñez Feijóo (13:00 h) e do ministro de Economía, Comercio e Empresa, Carlos Cuerpo (18:30 h). Outros actos destacados serán as mesas ‘Crecemento e prosperidade’ (17:15 h) e ‘Tecnoloxía e xeopolítica’ (19:00 h).
Na xornada do sábado, 4 de outubro, salientan as conversas ‘Factores de competitividade da economía europea’ (09:30 h), coa presenza do exministro de Administracións Públicas Jordi Sevilla, ‘Novos conflitos, novas capacidades’ (10:30 h), e o diálogo ‘Gaza: é posible a paz?’ (11:30 h), entre o ex primeiro ministro israelí Ehud Olmert e o activista palestino Samer Abdelrazzak. TVG ofrecerá tamén a clausura do evento (12:30 h), que correrá a cargo do mestre de xadrez, escritor e político ruso Garry Kasparov.
Esta sétima edición do foro centrarase, entre outros asuntos, no futuro de Europa, na situación en Ucraína e Oriente Medio, coa ofensiva de Israel sobre Gaza, e nas novas relacións que se establecen a nivel mundial.