A CRTVG aposta polo deseño galego co novo videopodcast 'Movendo marcos' - CRTVG
A CRTVG aposta polo deseño galego co novo videopodcast 'Movendo marcos'
Dispoñible desde esta semana nas plataformas AGalega.gal e AGalegaAudio.gal
Os deseñadores Dani Bembibre, Uqui Permui e Marcos Dopico son os primeiros entrevistados
AGalega.gal é a maior plataforma dixital de contidos audiovisuais en galego e conta xa cun millón de usuarios e arredor de 22.000 propostas de video e audio
Santiago, 06.11.2024.- A Radio Galega estrea novo videopodcast co deseño e a creatividade como protagonistas. 'Movendo marcos', dispoñible desde esta semana nas plataformas AGalega.gal e AGalega Audio, tanto en formato de vídeo como de son, vai poñer cara aos creadores e creadoras que fan deseño en Galicia ou que, sendo de Galicia, fan deseño arredor do mundo. Desde o deseño gráfico ata a arquitectura, pasando pola ilustración, o deseño de interiores e a artesanía, entre outros moitos eidos, cada capítulo proporá unha hora de conversa en profundidade con algúns dos profesionais máis relevantes de Galicia.
'Movendo marcos' é conducido polo deseñador Daniel Portela e a xornalista Clara Rial e nas súas primeiras tres entregas ofrece entrevistas con Dani Bembibre, do estudo Costa, sobre o concepto de rebranding ou redeseño de identidades corporativas; coa deseñadora Uqui Permui, nunha conversa centrada no deseño social; e co deseñador e educador Marcos Dopico, neste caso arredor da formación académica e a tipografía. Cada episodio explora o traballo dos profesionais e os seus proxectos máis emblemáticos, co fin de dar a coñecer a importancia do deseño galego, o seu impacto social e tamén económico, tanto a nivel local como internacional.
'Movendo marcos' pode seguirse nas plataformas AGalega.gal e AGalega Audio e é unha mostra máis do compromiso da CRTVG co talento e a creatividade do país, dando un espazo para recoñecer e visibilizar os grandes nomes do deseño galego, ao tempo que se achega ao público un contido ameno e en formato accesible.
AGalega.gal ofrece preto de 22.000 contidos en galego, en aberto
AGalega.gal, a plataforma de contidos audiovisuais en galego e en aberto máis grande do mundo, supera xa o millón de usuarios, desde a súa creación en xaneiro. A plataforma, xunto con AGalegaAudio.gal e a app para os máis pequenos, Xabarin.gal, suma xa case 22.000 contidos, dispoñibles tanto en versión web como a través das app.
Ademais dos podcasts de todos os programas de Radio Galega e Radio Galega Música, na plataforma AGalegaAudio.gal poden atoparse podcasts e videopodcasts exclusivos de humor, cine, historia, ficción, cultura, música, etc.