div-crtvg-top1

Publicidade

Menu Display

Logo de CSAG

Camiño de navegación

'Xente nova, leña verde', novo pódcast de AGalegaAudio.gal para desmontar estereotipos sobre a Xeración Z

A través de convidados e convidadas de perfís moi diversos e procedentes de distintos ámbitos, construirá unha ollada plural e afastada das ideas sobre a mocidade galega

O espazo ofrecerá a partir deste xoves un total de seis episodios, cunha periodicidade quincenal

csag.gal 19/02/2026 10:15

Santiago, 19.02.2026.-    AGalegaAudio.gal incorpora este xoves á súa grella de contidos ‘Xente nova, leña verde’, un novo pódcast elaborado por Iago Castro e dirixido á mocidade galega da Xeración Z. O espazo ofrecerá un total de seis episodios, cunha periodicidade quincenal. 

As persoas coñecidas como ‘zetas’, nadas entre 1995 e 2010, viven unha etapa decisiva marcada polos estudos, os primeiros empregos e a construción da identidade adulta, nun contexto atravesado pola dixitalización e o cambio constante. A pesar diso, a Xeración Z segue a ser obxecto de tópicos e prexuízos, unha visión simplificadora que pouco reflicte a súa realidade diversa e complexa. 

Precisamente para rachar con esas visións nace ‘Xente nova, leña verde’, un programa que busca desmontar estereotipos e ofrecer un espazo propio en que a Xeración Z galega poida verse reflectida e identificada. O pódcast propón unha achega honesta e directa ás súas preocupacións, expectativas e formas de entender o mundo. 

Ao longo das súas seis entregas, o proxecto percorrerá temas que atravesan a vida da mocidade actual, desde o impacto de Internet e a cultura dixital -co arranque en ‘Ser un meme de por vida’, con @aleixosf e Marta Pérez- ata os debates máis recorrentes sobre o emprego e a precariedade, presentes en ‘Os novos non queredes traballar’, con Merce Silva e María Candamo.

A serie tamén se deterá na relación co pasado recente e coa identidade xeracional en ‘A nostalxia da zeta’, con Aida Barros e Ainhoa Otero, así como na carga emocional e nas esixencias sociais que pesan sobre a xente nova, tratadas en ‘Sentir presión’, con Lucía Rial e Iago Roel.
    
Outros episodios abordarán cuestións tan necesarias como a maneira en que falamos dos corpos, en ‘Falamos mellor do noso corpo e do alleo?’, con Anabel Lens e Alejandro Quinto, e tamén a volta ao esencial, ás orixes e ao vínculo co territorio en ‘Volver ás raíces’, con Luís do Río e María.

Con este novo proxecto sonoro, AGalegaAudio.gal reforza a súa aposta polos contidos de proximidade e pola creación de espazos que lles dean voz ás novas xeracións, contribuíndo a un diálogo interxeracional máis realista.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
CRTVG VIVA

div-crtvg-top2

Publicidade