'O home e o can', filme participado pola TVG, premio á mellor película internacional no Ciberblue Films Festival - CRTVG
'O home e o can', filme participado pola TVG, premio á mellor película internacional no Ciberblue Films Festival
A película de Ángel de la Cruz, rodada en galego e protagonizada por Manuel Manquiña e Paula Chaves, acumula 16 galardóns en certames internacionais
Santiago, 04.12.2023.- A película ‘O home e o can’, unha produción de Ézaro Films e Caladiño Filmes participada pola Televisión de Galicia, acaba de lograr o premio á mellor longametraxe Internacional no Ciberblue Films Festival de Vigo. Este é o décimo sexto galardón que obtén en festivais internacionais a cinta dirixida por Ángel de la Cruz, encargado de recoller este último recoñecemento.
Rodada integramente en galego e en branco e negro, a película aborda temas como a soidade non elixida, o envellecemento da poboación ou o abandono do rural. Protagonizada por Manuel Manquiña e Paula Chaves, conta tamén no elenco con actores como Gonzalo Uriarte, Isabel Blanco e Estíbaliz Veiga. Ademais, a banda sonora está composta e interpretada polo pianista ourensán Jaime Fernández Garrido.
Segundo o seu director, ‘O home e o can’ é unha homenaxe ao neorrealismo italiano, que quere dar visibilidade a varios dos problemas da Galicia actual. Conta a historia de Manuel, un home coas súas capacidades intelectuais afectadas que non saíu nunca da aldea, onde vive completamente só tras a morte da última veciña. A única compaña que ten é a do seu inseparable can, ata que un accidente deste o obriga a marchar á cidade na busca dun veterinario. No medio deste caos, o protagonista atopará a Paula, quen foxe dun fogar desestruturado en busca de liberdade. Estes dous personaxes, aparentemente antagónicos, converteranse, sen agardalo, en amigos unidos pola soidade.