'Expediente Oculto' analiza este luns o coñecido como o crime de Mondariz e a desaparición do mozo ferrolán Pedro Yáñez - CSAG
'Expediente Oculto' analiza este luns o coñecido como o crime de Mondariz e a desaparición do mozo ferrolán Pedro Yáñez
O programa presentado por Patricia Abet (22:40 h) tamén porá o foco nos accidentes con tractor, unha preocupante realidade en Galicia

Santiago, 20.04.2026.- No programa deste luns, ‘Expediente Oculto’ analiza o crime de Mondariz, un caso tan brutal como inquietante, marcado pola violencia exacerbada, do que os espectadores poderán ver imaxes e vídeos exclusivos. Un tabique separaba a vítima do asasino, o seu veciño de cuarto nun hostal, co que tiña problemas de convivencia e que lle asestou 90 puñadas e se desfixo do corpo tirándoo polo balcón. Ocorreu en 2021 e poucas veces se pode presenciar, dun xeito tan gráfico, o ensaio dun crime, xa que o asasino non quería fallar e adestrouse a coiteladas contra un armario.
O espazo da TVG tamén abrirá este luns o expediente dun caso envolto en incógnitas: o da desaparición de Pedro Yáñez, o mozo ferrolán afeccionado á fotografía que desapareceu en 2012 sen deixar rastro, camiño dunha sesión de fotos á que nunca chegou.
En canto á actualidade, o programa presentado por Patricia Abet porá o foco nos accidentes con tractor, unha preocupante realidade en Galicia, á cabeza de España neste tipo de sinistros, que deixan cada ano numerosas vítimas. Da man dos expertos, hoxe buscaranse respostas a esta verdadeira praga.
Para botar luz sobre estas historias, ‘Expediente Oculto’ contará coa colaboración de Xurxo Melchor, Berta Rodríguez, Rubén Penín e José Antonio Vázquez Taín.