'Expediente Oculto' analiza esta semana a historia do coñecido como o Rambo galego - CSAG
'Expediente Oculto' analiza esta semana a historia do coñecido como o Rambo galego
O programa tamén porá o foco nas carreiras ilegais de coches, que proliferan por toda Galicia, e entrará nunha casa do barrio vigués de Matamá envolta en lendas

Santiago, 23.03.2026.- Na edición deste luns, o programa ‘Expediente Oculto’ (22:40 h) falará dun delincuente atípico, dun home capaz de matar a sangue frío, de fuxir varias veces de prisión e de agocharse no monte durante anos. A de Alfredo Sánchez Chacón, coñecido como o Rambo galego, é a historia dun prófugo que nunca se reconciliou coa sociedade e que non coñece o arrepentimento. O espazo da TVG analizará a lenda que envolve este criminal, fraguada polos seus dotes de supervivencia ao límite, pero que non ten anda de heroica.
Na súa mesa de misterio, o espazo presentado por Patricia Abet adentrarase nunha casa do barrio vigués de Matamá, aínda habitada, pero que arrastra séculos de historia e de presenzas. As ruínas desta casa antiga, situada xunto á capela de San Mauro, están envoltas en lendas de fenómenos inexplicables e dun pasado escuro.
Piques a 200 quilómetros por hora, marcas de derrapaxes, quedadas multitudinarias en polígonos e coches espetados. Esta é a fotografía que deixan as carreiras ilegais en Galicia, un fenómeno sobre o que porá o foco ‘Expediente Oculto’, que se multiplica en estradas e polígonos industriais e que ten milleiros de veciños en pé de guerra. O que para uns é espectáculo e divertimento, para outros convértese cada fin de semana nun foco de preocupación e problemas en que a convivencia non parece viable.
Jorge Sobral, José Manuel Míguez, Carlos Tresandí, Jorge Melchor, Juan Pablo Sangiao e José Antonio Vázquez Taín son os colaboradores que hoxe afondarán nestes asuntos.