Chega ás tardes da Galega 'En compañía de Loli': emoción, compañía e novas ilusións desde este luns na TVG - CSAG
Chega ás tardes da Galega 'En compañía de Loli': emoción, compañía e novas ilusións desde este luns na TVG
Loli Gómez e Marcial Mouzo conducen o programa, en que persoas de toda Galicia compartirán historias de vida e buscarán novas amizades
Este formato, que triunfa xa nas canles autonómicas de Andalucía e Castela-A Mancha, chega á TVG nunha adaptación próxima e moi pegada á realidade galega

Santiago, 31.5.2026.- Televisión de Galicia dá a benvida ao mes de xuño coa estrea de ‘En compañía de Loli’, programa diario para a sobremesa (15:50 h) presentado por Loli Gómez e Marcial Mouzo. O espazo, un formato de éxito nas canles públicas de Andalucía e Castela-A Mancha que se adapta agora á Galega, chega a TVG para acompañar, escoitar e axudar as persoas que sofren unha soidade non desexada.
‘En compañía de Loli’ mestura entretemento e servizo público nun formato próximo e sensible, moi pegado á realidade galega, en que terán especial protagonismo as persoas que viven situacións de illamento ou a falta de vínculos sociais. Cada tarde, de luns a venres e durante dúas horas de programa en directo, os espectadores coñecerán as historias de vida de dúas persoas, home e muller, que compartirán as súas experiencias e se abrirán á posibilidade de iniciar novas relacións.
Os presentadores son dúas caras ben coñecidas e queridas da canle, a xornalista Loli Gómez e Marcial Mouzo, ata hai pouco presentador do ‘Quen anda aí’ da TVG e do histórico espazo da Radio Galega ‘Pensando en ti’. Eles escoitarán os convidados e axudaranlles para evitar decisións precipitadas. Todo listo no plató para a gran estrea do luns e co teléfono 881 365 999 dispoñible para quen queira participar, contar a súa historia ou axudar a alguén que se sinta só.