div-crtvg-top1

Publicidade

Menu Display

Logo de CSAG

Camiño de navegación

'Como ser feliz' reflexiona este sábado na TVG sobre a xubilación

Con convidados como o exfutbolista Donato, expertos como a filósofa Josefa Ros e historias reais, o programa analizará como afrontar unha das grandes transicións da vida 

csag.gal 13/06/2026 02:00

Santiago, 13.06.2026.-    A TVG emite este sábado unha nova entrega de ‘Como ser feliz’ (22:00 h), o programa que cada semana busca respostas a unha das preguntas máis universais: que necesitamos para ser felices. Nesta ocasión, o espazo abordará un tema que tarde ou cedo afecta a todas as persoas: a xubilación.

Presentado por Loly Gómez, Manuel Viso e Rafa Durán desde o Teatro Jofre de Ferrol, o programa analizará como vivimos o paso da vida laboral a unha nova etapa chea de oportunidades, pero tamén de medos, cambios e desafíos persoais.

Entre os protagonistas da noite estará Donato Gama da Silva, histórica figura do Deportivo da Coruña e do fútbol español, que compartirá a súa experiencia tras abandonar o deporte profesional e afrontar unha nova etapa vital. O exfutbolista falará sobre a retirada, a adaptación ao cambio e os novos proxectos que dan sentido á súa vida actual.

‘Como ser feliz’ tamén contará coa participación da filósofa e investigadora Josefa Ros, especialista en procesos de envellecemento e benestar, que ofrecerá claves para entender a xubilación máis alá do final da carreira profesional. A experta explicará a importancia de manter ilusións, proxectos, relacións sociais e actividades con sentido para afrontar esta etapa de maneira positiva.

Ao longo da noite, os espectadores coñecerán historias tan diversas como a dunha comerciante recentemente xubilada tras máis de catro décadas de traballo, a dun exfutbolista que tivo que retirarse con apenas 35 anos, a dunha muller que con 77 anos segue traballando porque non concibe a vida doutro xeito ou a dunha influencer de 86 anos que triunfa nas redes sociais.

Tamén haberá tempo para falar das persoas que non poden xubilarse, das amas de casa que nunca cotizaron, das parellas que afrontan a retirada en momentos diferentes e das oportunidades que ofrece unha etapa cada vez máis longa e activa da vida.

Con emoción, humor, retranca e moitas experiencias reais, ‘Como ser feliz’ propón esa noite unha reflexión aberta sobre o significado da xubilación no século XXI e sobre como converter esta nova etapa nun tempo de plenitude, aprendizaxe e felicidade.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
CRTVG VIVA

div-crtvg-top2

Publicidade