'Código 092: en primeira liña' acompaña hoxe a Policía Local do Porriño en varias intervencións - CSAG
'Código 092: en primeira liña' acompaña hoxe a Policía Local do Porriño en varias intervencións
Os espectadores verán como os axentes interceptan un condutor sen carné, seguen a pista dun home en busca e captura e atenden incidentes na vía pública

Santiago, 25.01.2026.- Na edición desta semana do programa ‘Código 092’ (21:50 h), o programa da TVG entrará na Xefatura da Policía Local do Porriño. Alí, os espectadores verán como os axentes interceptan un condutor sen carné que, malia non contar coa autorización necesaria, leva os seus fillos ao colexio.
Ademais, tratarán de dar coa pista dun home en busca e captura: rexistrarán a súa vivenda, o seu círculo familiar e o lugar onde traballa, pero a súa localización resulta moito máis complicada do previsto.
A Policía Local do Porriño deberá tamén intervir en varios incidentes na vía pública: unha pelexa con menores implicados e unha lea ás portas dun dos locais de ocio nocturno máis concorridos da vila.