'Bailamos celebrity' entra en semifinais con seis bailaríns dispostos a brillar no escenario - CSAG
'Bailamos celebrity' entra en semifinais con seis bailaríns dispostos a brillar no escenario
Os concursantes elixen as súas cancións favoritas para coreografías que prometen emoción, intensidade e espectáculo

Santiago, 17.8.2025.- O escenario de ‘Bailamos Celebrity’ (22:35 h) acende os focos para recibir a semifinal do concurso, que encara xa a súa recta final cunha competición máis rifada ca nunca. Dos doce famosos que iniciaron esta aventura, só seis continúan loitando polo título e polo premio, que se doa cada semana a unha causa solidaria.
Nesta gala decisiva cada un dos semifinalistas prepara unha coreografía a partir dunha canción elixida por eles mesmos, buscando mostrar a súa esencia artística e deixar pegada no público e no xurado. Trisha Fernández aposta polo ritmo e o estilo con ‘Finesse’, de Bruno Mars; Miguel Canalejo desprende enerxía con ‘Fuego’, de Eleni Foureira, e Miguel Mandayo sorprende cun número que trasladará a audiencia directamente ao universo de Piratas do Caribe, meténdose na pel de Johnny Depp.
María Mera, pola súa parte, emociona co himno ‘Todos me miran’, de Gloria Trevi, mentres Eddy Insua saca toda a elegancia de ‘Feeling Good’, de Michael Bublé. Por último, Noelia Rey saca forza e carisma cun explosivo mix de temas de Beyoncé.
Seis performances, seis estilos e un obxectivo común: conquistar un posto na gran final e seguir facendo do baile unha festa chea de talento e solidariedade.
