'As liñas descontinuas', 'Antes de nós', 'Pipo' e 'Bibopalula', premiadas cos galardóns previos aos Mestre Mateo - CSAG
'As liñas descontinuas', 'Antes de nós', 'Pipo' e 'Bibopalula', premiadas cos galardóns previos aos Mestre Mateo
Os XXIV Premios Mestre Mateo entregaranse o 21 de marzo nunha gala que será retransmitida en directo por Televisión de Galicia e AGalega.gal
TVG conta con 60 candidaturas nesta edición dos galardóns da Academia Galega do Audiovisual

Santiago, 10.03.2026.- As películas apoiadas pola TVG ‘As liñas descotinuas’, e ‘Antes de nós’, e as series de animación ‘Pipo’ e ‘Bibopalula’, tamén participadas pola canle pública, foron recoñecidas cos premios especiais dos Mestre Mateo, na xuntanza dos finalistas dos galardóns celebrada en Lugo.
O Premio Abanca ao impulso da sostibilidade recaeu na serie de debuxos animados ‘Bibopalula’ por integrar “de forma coherente, creativa e responsable” os valores da sostibilidade. E o Premio Deleite á promoción da lingua foi para a serie web ‘Pipo’ polo seu labor na creación de contidos audiovisuais que achegan o galego ás novas xeracións dun xeito “natural, creativo e próximo”.
No eido do cine, o galardón Martín Códax Rías Baixas, Fillo do Atlántico recaeu no filme ‘As liñas descontinuas’, que acumula 11 candidaturas aos Mestre Mateo, pola súa “sensibilidade e capacidade de proxectar unha Galicia auténtica e contemporánea”, en que a música ocupa un papel esencial. E o Premio Especial do Público Galicia Calidade foi para a longametraxe ‘Antes de nós’, co actor Xoán Fórneas na pel de Castelao, que conta con 18 candidaturas nesta edición dos galardóns. Dirixida por Ángeles Huerta e con guión de Pepe Coira, esta película ofrece unha ollada íntima á figura do intelectual galeguista a través da relación coa súa muller, Virxinia Pereira.
60 candidaturas da CSAG aos Mestre Mateo
Televisión de Galicia conta con outros moitos filmes, programas e profesionais con candidaturas para o vindeiro 21 de marzo, ata un total de 60. Entre elas destacan as películas ‘San Simón’ e ‘Meu ilustrísimo amigo’; a longametraxe animada ‘Decorado’; as series ‘O home perfecto’ e ‘Punto Nemo’; a serie web ‘Bechos’; os espazos ‘Cos Pés na Terra’, ‘O videoclub’ e ‘Raíña-me’, e os comunicadores Xosé Ramón Gayoso, Lucía Veiga e Miguel Canalejo.