Xabarín celebra os 40 anos da TVG no derbi Básquet Coruña-Breogán no Coliseum - CRTVG
Xabarín celebra os 40 anos da TVG no derbi Básquet Coruña-Breogán no Coliseum
A mascota da Galega fará de mestre de cerimonias no encontro de Leymita e Máximus, as do Leyma Básquet Coruña e do Breogán
Ás 11.00h na Fan Zone e logo na pista do Coliseum, Xabarín desexará boa sorte ás dúas afeccións
Ás 12.30h arrancará o partido, que retransmite a Radio Galega en directo por FM e na plataforma AGalegaAudio.gal

Santiago, 14.03.2024.- O Xabarín da TVG vai participar este domingo na Coruña na festa do baloncesto galego na Liga ACB, co gallo do 40 aniversario da TVG e a Radio Galega e do derbi que enfronta o Leyma da Coruña co Breogán de Lugo (Coliseum, 12.30 h).
Pola mañá, a mascota do Club da Galega vai intervir no acto de irmandamento entre as dúas mascotas dos clubs, Leymita pola parte coruñesa e Máximus polo club lucense na Fan Zone que estará instalada en ExpoCoruña. Os tres personaxes trasladaranse despois ao Coliseum para participar da festa e do ambiente do partido.
A TVG e a Radio Galega informarán desta festa deportiva cunha programación especial, desde os seus informativos e espazos deportivos. A Radio Galega retransmitirá en directo o encontro por FM e AGalegaAudio.gal, coa narración de Alfonso Pardo e Raúl Villares a pé de pista. Tamén pode escoitarse na opción de audio nº 2 da canle con dereitos (Movistar). Os comentaristas do partido serán o adestrador Carlos Cotovad e Roberto Anidos.
Xabarín.gal é a plataforma infantil dos medios públicos galegos e contén a maior oferta de contidos en galego para a cativada da historia da televisión en Galicia. Nunca antes houbera un lugar onde os pícaros tiveran un espazo de seu á carta onde gozar de contidos exclusivos e categorizados por idades.
Os clásicos do Xabarín como ‘Shin Chan’ teñen un público fiel na plataforma que sitúa esta serie como o segundo contido máis visto xunto cos vídeos do Xabarín. O primeiro posto é para á ultima irrupción en Xabarín.gal. A serie musical para os máis pequerrechos, ‘Bibopalula’, situouse dende o seu lanzamento o pasado venres como o máis visto en Xabarin.gal. Está dispoñible en versión web e na app Xabarín tanto en IOS como en Android.
TVG e Radio Galega naceron hai 40 anos. A primeira emisión da emisora foi o 17 de febreiro de 1985 e a primeira da TVG tivo lugar o 25 de xullo do mesmo ano, Día de Galicia.