div-crtvg-top1

Publicidade

Menu Display

Logo de CRTVG

Camiño de navegación

Rácing de Santander-Deportivo da Coruña, partido da xornada no ‘Galicia en goles’ do domingo

O sábado, protagonismo para o baloncesto ACB e a Primeira RFEF

crtvg.gal 24/04/2025 11:00

Santiago, 24.04.2025.-  O ‘Galicia en goles’ celebra coa audiencia o liderado que segue mantendo no comezo do 2025, tras os últimos datos publicados esta semana polo Estudo Xeral de Medios. O programa deportivo da Radio Galega comeza o 2025 sendo o máis escoitado na tarde dos domingos, onde alcanza a cifra de 86.000 oíntes. Mentres, o programa do sábado conta co apoio de 42.000 seareiros que se informan e entreteñen a través da emisora autonómica, pola FM ou pola plataforma AGalegaAudio.gal.

A última xornada deportiva do mes de abril dura catro días na programación da Radio Galega. O venres, desde as oito e media do serán, Roberto Carlos Carballo analiza cos protagonistas os principais partidos do calendario, con atención especial ás categorías elite.

O sábado, desde as dúas e vinte, Xoán Galán dirixe unha edición maratoniana que rematará contra as doce da noite tras a final da Copa do Rei entre o F. C. Barcelona e o Real Madrid. Antes serán noticia os encontros da Liga ACB de baloncesto con presenza galega: Breogán-Joventut e Tenerife-Basquet Coruña. Ademais, o fútbol da Primeira RFEF estará presente desde O Espiñedo, co derbi Arenteiro-Lugo

A edición mediodía do domingo principia ás doce menos cuarto coa retransmisión do Sestao-Ourense C. F. da Primeira RFEF e unha ampla cobertura á penúltima xornada da Segunda RFEF. O Pontevedra é o que menos xoga en Torrelavega xa que é campión desde o pasado domingo. Os outros catro encontros si teñen transcendencia, ben para entrar na fase de ascenso ou ben para evitar o descenso: Ávila-Compostela, Coruxo-Raio Cantabria, Laredo-Fabril e Bergantiños-Escobedo. A partir das dúas e vinte, a sesión de tarde terá como punto de directo o estadio do Sardinero onde o Deportivo da Coruña visita a un candidato ao ascenso á Primeira División, o Rácing de Santander. A situación do equipo herculino a falta de seis xornadas é cómoda respecto á zona de descenso, pero xa semella un imposible alcanzar os postos de promoción. O Zamora-Celta Fortuna, de Primeira RFEF, a xornada de Terceira e o Fuenlabrada-Obradoiro de baloncesto completarán a oferta de retransmisións do día. A partir das dez da noite, os especialistas de ‘Ao contraataque’ analizarán o sucedido nos campos de xogo na mesa de debate máis polémica do noso fútbol.

Xa o luns, a Radio Galega emitirá unha edición especial de ‘Galicia en goles’ para prestar atención desde as oito da tarde á visita do Rácing de Ferrol ao Almería no estadio do Xogos do Mediterráneo. Por mor desta cita, o programa ‘Ao contraataque’ comezará ás dez e media da noite, con toda a actualidade do noso deporte.

Descanso na Liga de Primeira

A disputa da final da Copa do Rei provoca que esta fin de semana haxa descanso na Primeira División de fútbol. Así e todo, o Celta terá unha ampla presenza o sábado pola tarde para dar voz a exfutbolistas, afeccionados e xornalistas sobre as posibilidades do Celta para entrar en Europa ao remate da presente temporada. A falta de cinco xornadas, e tras derrotar o Vilareal, o equipo de Claudio ten moitas opcións de entrar na Conference League e mesmo na Europa League.

Audios nos operadores televisivos

Esta xornada as emisións da Radio Galega estarán presentes nas opcións de audio dos operadores televisivos nas seguintes retransmisións: Rácing de Santander-Deportivo da Coruña e Breogán-Joventut de Badalona.

#GaliciaEnXogo

Este sábado, o proxecto que leva o cancelo de #GaliciaEnXogo terá unha entrega extraordinaria durante a tarde do sábado para falar do campionato galego de halterofilia, programado para o 3 de maio en Narón. Outro dos asuntos de actualidade será a celebración este ano do 60 aniversario do Monte Real Club de Iates de Baiona.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
CRTVG VIVA

div-crtvg-top2

Publicidade