O espazo 'Sala G' réndelle esta noite tributo a Pucho Boedo, o artista que fixo grande a verbena galega - CRTVG
O espazo 'Sala G' réndelle esta noite tributo a Pucho Boedo, o artista que fixo grande a verbena galega
Nesta nova batalla musical, enfrontarase un equipo que defenderá o seu legado con himnos que forman parte da memoria colectiva e outro disposto
a rachar co pasado e poñer o público a bailar cos ritmos actuais

Santiago, 21.06.2025.- Este sábado, a ‘Sala G’ (22:10 h) abre na Televisión de Galicia as portas do seu templo musical para renderlle tributo ao artista que fixo grande a verbena galega e a fixo voar polo mundo enteiro: Pucho Boedo, o galán coruñés, a voz eterna dos Tamara, o ídolo que emocionou emigrantes, salas de festa e mesmo o Olympia de París.
Nesta noite única, Roi Casal, Luis Rey, Javi Maneiro, Adrián Castiñeiras e Diego Barbazán defenderán o seu legado con himnos que forman parte da memoria colectiva galega. Un equipo de luxo para facer vibrar a ‘Sala G’ co espírito e o estilo inconfundible de Pucho.
En fronte, o equipo de Todos, armado por Manuel de Andrade, presumirá de variedade, retranca e moito ritmo: Laura Añón, Awa Fami, G Face, Xurxo Fernandes, César Romero, Capitán Sabrosura e o explosivo King África están listos para rachar co pasado e poñer ao público a brincar co mellor da verbena actual. Neste enfrontamento de Pucho Boedo contra Todos, os espectadores da TVG vivirán unha velada de lembranza, festa e ledicia.
Pero a ‘Sala G’ non é só música, senón tamén espectáculo puro, co incombustible Arturo Fernández á fronte, o imprevisible Fran Nogueira repartindo tarxetas e salseo entre o público e o mestre de mestres DJ Rokiño, encargado de subir a temperatura ata o último minuto.
Ao longo do programa repasarase a vida e a traxectoria de Pucho Boedo: os seus éxitos, anécdotas, o seu estilo de crooner galego e todo o que fixo del unha icona que transcende xeracións.