div-crtvg-top1

Publicidade

Menu Display

Logo de CRTVG

Camiño de navegación

O Almería-Rácing de Ferrol abre esta tarde a semana de retransmisións en AGalegaAudio.gal

Mañá, partido de baloncesto entre o Zaragoza e o Basquet Coruña pola FM da Radio Galega

crtvg.gal 29/04/2025 13:41

Santiago, 29.04.2025.-  Esta semana está chea de retransmisións deportivas na programación da Radio Galega e de AGalegaAudio.gal. Hoxe martes, desde as oito e cuarto do serán, a plataforma AGalegaAudio.gal ofrece en directo o partido da Segunda División profesional de fútbol entre o Almería e o Rácing de Ferrol, suspendido onte pola apagada eléctrica. O equipo departamental chega ao estadio dos Xogos do Mediterráneo obrigado a puntuar para evitar que se consume de xeito oficial o descenso á Primeira RFEF. Raúl Villares e Nesy Otero encargaranse da narración do xogo, que tamén chegará á FM da Radio Galega a partir das dez da noite dentro do programa ‘Ao contraataque’.

O mércores, a cita é ás oito do serán no pavillón Príncipe Felipe de Zaragoza, onde o Basquet Coruña afronta a visita ao equipo maño correspondente á xornada vinte e sete da Liga ACB. A situación do cadro herculino é xa insostible na clasificación, a catro vitorias da permanencia e con só seis partidos por diante. 

Xa o venres, Roberto Carlos Carballo conduce desde as oito e media do serán a primeira entrega do ‘Galicia en goles’ da fin de semana, coa análise dos partidos máis destacados do calendario, ofrecendo as roldas de prensa dos adestradores e conversando cos principais protagonistas.

O sábado, a partir das dúas e media, a atención da xornada pasará polo fútbol da Primeira RFEF. No Espiñedo, o Arenteiro recibe o Zamora co obxectivo de seguir sumando puntos para entrar na Copa do Rei da próxima temporada. A situación é semellante para o Ourense C. F., que xoga no Couto ante o líder da categoría, a Cultural Leonesa. Cando remate o fútbol chegará o baloncesto ACB, co Manresa-Breogán no Nou Congost. O Obradoiro-Gipuzkoa, da Primeira Federación, completará a axenda da xornada.

O domingo, a edición matinal principia ás doce menos cuarto do mediodía co Lugo-Barcelona B, de Primeira RFEF, e o remate da liga regular na Segunda RFEF, na que o Fabril xoga entrar na fase de ascenso e o Compostela evitar o descenso directo. Os dous xogan na casa, pero mentres o filial do Deportivo depende de si, no caso do equipo santiagués necesita que o Escobedo perda co Llanera. O Coruxo tamén será protagonista, xa que aínda está en perigo de caer á eliminatoria de permanencia e necesita, polo tanto, puntuar en Guijuelo.

A partir das dúas menos cuarto da tarde, a emoción concentrarase no estadio Santiago Bernabéu coa visita do Celta ao Real Madrid. A Primeira División entra nas últimas cinco xornadas e o equipo que prepara Claudio Giráldez ocupa praza de Europa League. Mentres, os de Ancelotti veñen de perder a Copa e apuran as últimas opcións matemáticas para conquistar a Liga. Despois deste encontro chegará o Rácing de Ferrol-Zaragoza, na Malata, e o Celta Fortuna-Osasuna Promesas, en Balaídos. 

No último treito, desde as nove da noite, Riazor acollerá o Deportivo-Albacete co obxectivo coruñés de seguir sumando o maior número de puntos posibles para escalar postos na clasificación, se ben xa é un imposible entrar na promoción de ascenso á Primeira División. O Barcelona-Deportivo, da Primeira Feminina, e o final da liga xuvenil co Val Miñor-Deportivo e o Celta-Covadonga completan a oferta dominical.

Audio da Radio Galega nas televisións

Esta semana, os espectadores disporán do audio da Radio Galega nas retransmisións por televisión dos tres partidos da Liga Profesional: Real Madrid-Celta, Rácing de Ferrol-Zaragoza e Deportivo-Albacete.

#GaliciaEnXogo

Este sábado, o proxecto que leva o cancelo de #GaliciaEnXogo terá a primeira entrega ás catro da tarde coa Volta Ciclista a Galicia de bicicleta de montaña e o campionato galego de halterofilia. Ás once da noite chegará o tempo para o motor e na última media hora do día estará en antena a crónica dos deportistas galegos que preparan os Xogos do 2028.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
CRTVG VIVA

div-crtvg-top2

Publicidade