div-crtvg-top1

Publicidade

Navigation Menu

Logo de CRTVG

Camiño de navegación

Especial 'Galicia en goles' coa retransmisión este mércores do partido Tenerife-Deportivo

Ás oito e media da noite, desde o Heliodoro Rodríguez López, pola FM da Radio Galega e AgalegaAudio.Gal

crtvg.gal 28/01/2025 11:16

A Radio Galega programa para a noite do mércores unha nova xornada de fútbol. A partir das oito e media, Roberto Carlos Carballo conduce a retransmisión do partido de Liga da Segunda División profesional entre o Tenerife e o Deportivo da Coruña. O partido foi adiado o pasado 15 de decembro polo temporal que azoutou a illa canaria e volveuse programar para o día 29 de xaneiro, no estadio Heliodoro Rodríguez López.

O Deportivo afronta esta cita co obxectivo de recuperar os puntos perdidos o pasado sábado en Riazor ante o Levante, mentres para o cadro local o único marcador válido é a vitoria. Na clasificación, o conxunto de Óscar Gilsánz é décimo sétimo con 28 puntos, catro de colchón sobre a zona de descenso na que o Eldense é o mellor situado. Álvaro Cervera chegou hai unhas semanas á entidade “chicharrera”, pero ata o momento non conseguiu o obxectivo de abandonar o furgón de cola. De feito suma só 15 puntos na penúltima praza, a doce do Burgos que é o club que marca a permanencia na categoría.

Javi Torres encargarase da narración do xogo, cos comentarios do ex futbolista Ayoze Díaz, que reside en Tenerife. A emisión de ‘Galicia en goles’ continuará ata as doce da noite para escoitar os adestradores na sala de prensa e os principais futbolistas na zona mixta.

Os afeccionados que teñan previsto seguir o partido polas distintas plataformas que posúen os dereitos televisivos poderán escoller nas opcións de audio a narración da Radio Galega.

Na fin de semana, o ‘Galicia en goles’ estará en antena o venres de oito e media a doce da noite, con atención á xornada da Liga feminina de baloncesto na que compiten tres equipos galegos: Universitario Ferrol, Ensino de Lugo e Celta de Vigo. O sábado, desde as dúas e vinte da tarde, a axenda do día estará marcada polo fútbol de Primeira RFEF co Celta Fortuna-Nástic de Tarragona desde Balaídos xunto ao Deportivo-Valencia en Riazor, correspondente á Primeira profesional feminina. Pola noite, o baloncesto tomará o mando coa cobertura do Basquet Coruña-Gran Canaria, da Liga ACB.

Xa o domingo, a emisión deportiva durará máis de doce horas de xeito ininterrompido. Desde as doce menos do mediodía o protagonismo será para o Tenerife-Breogán de baloncesto. A partir das tres da tarde, a audiencia gozará dun man a man dos grandes do noso fútbol, coa retransmisión dos partidos Valencia-Deportivo, desde Mestalla, e Éibar-Deportivo, en Ipurúa.

A próxima xornada da Liga de fútbol prolongarase ata a noite do luns, xa que o Rácing de Ferrol completará o calendario da Segunda División visitando o Levante no estadio Ciutat de Valencia. Desta volta, o ‘Galicia en goles’ comezará ás oito e cuarto do serán ata as dez e media da noite, hora na que tomará o mando o espazo ‘Ao contraataque’ coa análise do xogo por parte dos especialistas na información do conxunto departamental.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
CRTVG VIVA

div-crtvg-top2

Publicidade