div-crtvg-top1

Publicidade

Menu Display

Logo de CRTVG

Camiño de navegación

Banda deseñada, cosplay, coleccionismo, videoxogos, ciencia ficción e K-pop, os contidos do novo programa de AGalega.gal 'Galician Friki'

Desde este domingo atenderá semanalmente estes temas e contará os eventos máis relevantes previstos na axenda galega

O primeiro convidado do programa será o presentador Fran Cañotas, quen terá de demostrar o seu coñecemento en materia ‘friki’

Ademais, o mércores 30, a plataforma estreará o docurreality ‘Pasaporte Galego’ e o xoves 1 de maio chegará a serie documental ‘Crónicas da Transición’

crtvg.gal 27/04/2025 09:00

Santiago, 27.04.2025.-    A banda deseñada, o cosplay, o coleccionismo, os videoxogos, o K-pop e a ciencia ficción conforman expresións da cultura popular que en Galicia se viven con orgullo ‘friki’. Para atender estas manifestacións e os eventos máis relevantes no panorama galego, a plataforma AGalega.gal estrea este domingo o programa ‘Galician Friki’.

Este novo espazo dixital, que o vindeiro martes terá a súa posta de longo cun evento que contará coa presenza do equipo e de organizadores de eventos ‘frikis’, recibirá cada semana convidados coñecidos, que terán que demostrar as súas dotes na materia para clasificarse no ‘ranking friki’. O convidado do primeiro programa será o presentador Fran Cañotas. Cada domingo, porase a disposición na plataforma da CRTVG unha nova entrega de ‘Galician Friki’.

‘Crónicas da Transición’, desde o xoves 1 de maio

Outra estrea destacada da semana en AGalega.gal é a serie documental ‘Crónicas da Transición’, que estará dispoñible desde o xoves 1 de maio. Nela ponse o foco na Transición en Galicia, unha etapa de incerteza e esperanza cara á democracia. Destacados persoeiros da política, do xornalismo, da universidade e do activismo político e social analizan, baixo a coordinación de cinco veteranos xornalistas, aquela época de incerteza, pero tamén de esperanza que deu paso á actual democracia. Ese día estréase a primeira entrega na G2 e na plataforma poranse a disposición todos os episodios.

Un día antes, o mércores 30, chegará a AGalega.gal o programa ‘Pasaporte Galego’, docurreality presentado por Isabel Blanco que conta a historia de descendentes de galegos que un día marcharon de Galicia a construír un futuro. Ademais, o luns estréase unha nova temporada da microserie de humor ‘Mataría’, protagonizada por Pedro Brandariz, e o martes porase a disposición un novo capítulo, o quinto, da serie ‘Punto Nemo’, que estará accesible durante 15 días.

En canto ao catálogo de cinema da plataforma, esta semana ampliarase coas películas ‘Dous días e unha noite’ (venres, 2 de maio), en que, tras unha baixa médica, unha muller se enfronta ao dilema imposto polo seu xefe: ou os seus compañeiros renuncian a unha prima de 1.000 euros ou ela perde o emprego, e ‘Deus, por que es tan fato!’ (sábado, 3 de maio), que ten como protagonista a Steffi, unha muller cuxos plans de alistarse na policía se ven truncados por un diagnóstico de cancro, que pon no seu camiño persoas e aventuras que non imaxinaba. Ambos os dous filmes estarán dispoñibles durante 30 días.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
CRTVG VIVA

div-crtvg-top2

Publicidade