A voz potente e inconfundible de Francisco enche o escenario de 'Luar' este venres - CRTVG
A voz potente e inconfundible de Francisco enche o escenario de 'Luar' este venres
O artista interpreta ‘México’ e unha versión de ‘Torres de Compostela’ nunha noite que tamén conta con Suavecito, a Banda de Rianxo con Brincadeira, Vilamariachi con Marietta e moito baile

Santiago, 23.05.2025.- ‘Luar’ (21:50 h) recibe este venres un dos artistas máis recoñecidos da canción melódica: Francisco, posuidor dunha voz potente e inconfundible, ofrecerá ao público unha noite especial interpretando o clásico ‘Mexico’ e unha versión moi persoal de ‘Torres de Compostela’. Cunha carreira de máis de catro décadas, o artista valenciano promete emocións fortes desde o primeiro acorde.
A gala continúa coa presenza da orquestra Suavecito, garante de festa e ritmo nas verbenas galegas, e cunha nova colaboración entre os músicos mozos e mozas da Banda de Música de Rianxo xunto ao grupo Brincadeira, que mesturan son tradicional e percusión nun espectáculo con identidade propia.
A música cruzará fronteiras coa actuación de Vilamariachi, que comparte escenario con Marietta para achegar sons mexicanos cun toque galego. Pola súa banda, o Ballet Folclórico Galego levará a escena novas coreografías baseadas na tradición do noso país.
O concurso de novos talentos da canción ‘Recantos’ trae hoxe un emocionante duelo entre Úrsula Pérez (Terras de Pontevedra) e Brian Cameselle (Vigo), mentres que no ‘Vai de baile’ compiten os grupos Pés de la e Lumieira. E completan a noite as notas de humor de Campos e Crespo, imprescindibles no espazo máis veterano da Televisión de Galicia.