A TVG inicia hoxe a programación especial con motivo das Letras Galegas coa estrea do premiado filme 'O corno' - CRTVG
A TVG inicia hoxe a programación especial con motivo das Letras Galegas coa estrea do premiado filme 'O corno'
Participado pola Televisión de Galicia, ‘O corno’ fixo historia ao ser a primeira longametraxe en galego que gañou a Cuncha de Ouro no Festival de San Sebastián
A cineasta vasca Jaione Camborda, residente en Galicia, presenta un drama rural ambientado na Galicia dos anos 70, en que unha muller, tras un suceso terrible, vese na obriga de fuxir a través dunha ruta de contrabandistas

Santiago, 10.05.2025.- Televisión de Galicia comeza esta noite unha programación especial para conmemorar a festividade das Letras Galegas coa estrea de ‘O corno’ (22:30 horas), segunda longametraxe da directora e guionista Jaione Camborda, participada pola TVG, que fixo historia na edición do 71 Festival de Cine de San Sebastián ao acadar a prestixiosa Cuncha de Ouro á mellor película, o máximo galardón do certame. A cineasta vasca, residente en Galicia, marcou un fito ao ser a primeira directora española que alcanzou este premio, que tamén recaeu por primeira vez nun filme en galego e de produción galega.
Este drama rural ambientado na Galicia dos anos 70 está protagonizado pola bailarina Janet Novás, no que é o seu debut no cinema, e conta no seu elenco con Carla Rivas, Nuria Lestegás, María Lado, Siobhan Fernandes e Diego Anido, entre outros.
‘O corno’ foi rodada en galego e en portugués en varias localizacións das comarcas de Arousa e Baixo Miño (Pontevedra) e Alto Miño (Portugal) e narra a historia de María, unha mariscadora e tamén parteira que, tras un terrible suceso, se ve obrigada a fuxir a través dunha ruta de contrabandistas.
