div-crtvg-top1

Publicidade

Menu Display

Logo de CRTVG

Camiño de navegación

A irreverencia e diversión do grupo de pop e glam Nancys Rubias e a especial voz da cantante portuguesa Ana Laíns chegan este venres ao escenario de 'Luar'

Tamén están convidados á velada musical (21:50 h) o Grupo Origen, a Banda de Gaitas Airiños do Castelo, a formación Armadanzas de Laraño e o innovador proxecto da banda lusa Tradição D’Ouro

crtvg.gal 25/04/2025 02:00

Santiago, 25.04.2025.-    O programa ‘Luar’ (21:50 h) contará esta semana coa presenza das Nancys Rubias, o grupo musical de pop, glam e electrónica liderado polo mediático Mario Vaquerizo, que leva máis de dúas décadas sobre o escenario e que ofrece irreverencia e diversión en cada unha das súas actuacións. Con referencias que remiten desde a Ramones ata a Blondie ou Raffaella Carrá, conta na súa recámara cun arsenal de hits, entre os que están ‘Resent’ e ‘Me encanta (I love it)’, que hoxe interpretarán no escenario.

A música portuguesa tamén será protagonista no ‘Luar’ desta noite, que recibirá a visita de Ana Laíns, posuidora dunha das voces máis bonitas e especiais do país veciño. Comezou a cantar desde a súa infancia, amosando un excelente gusto, á par que un eclecticismo que abarca toda clase de músicas, desde o jazz á bossa nova, pasando pola música popular portuguesa e, por suposto, o fado.

Outra das propostas de música popular lusa será a que traia a escenario Tradição D’Ouro, un proxecto musical innovador que promete poñer a todo o mundo a bailar e non deixar ninguén indiferente. O grupo está composto por oito membros que tocan os máis variados instrumentos.

Os ritmos verbeneiros chegarán este venres a ‘Luar’ da man do Grupo Origen, mentres que a música tradicional galega será cousa da Banda de Gaitas Airiños do Castelo e de Armadanzas de Laraño, un grupo que traballa na recuperación de bailes e música de toda Galicia.

O espazo presentado por Xosé Ramón Gayoso e Esther Estévez non se despedirá sen celebrar novas edicións dos concursos ‘Vai de baile’ e ‘Recantos’. No primeiro, enfrontaranse Os Reboliños do Miño e Pura e Lucinda. No segundo, será a quenda de Úrsula Pérez, representante da comarca Terras de Pontevedra, e Joel O Mariachi, por Ourense sur.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
CRTVG VIVA

div-crtvg-top2

Publicidade