Fútbol de Primeira e Segunda RFEF, baloncesto e o Mundial de Motocrós integran a oferta deportiva dos medios públicos galegos para esta fin de semana - CRTVG
Fútbol de Primeira e Segunda RFEF, baloncesto e o Mundial de Motocrós integran a oferta deportiva dos medios públicos galegos para esta fin de semana
Os espectadores poderán ver o sábado o partido Arenteiro-Ponferradina e o domingo, o Bergantiños-Valladolid B e o Coruxo-Compostela
Desde o pavillón Paco Paz, ofrecerase o derbi galego da Primeira FEB entre o Ourense e o Obradoiro
O Campionato do Mundo de MXGP vive a segunda cita do calendario no circuíto de Cózar, en Castela A Mancha, a onde se desprazará un equipo da TVG para seguir os movementos do piloto galego Rubén Fernández

Santiago, 13.03.2025.- As emisións deportivas da G2 e AGalega.gal comezarán este sábado ás 17:00 h co fútbol da Primeira RFEF desde o Espiñedo do Carballiño, onde o Arenteiro recibe a Ponferradina, ex da Segunda profesional que aspira este curso ao ascenso. A partir das 19:00 h, a atención pasará polo pavillón Paco Paz, onde se disputa o derbi galego da Primeira FEB de baloncesto entre o Ourense e o Obradoiro.
O domingo, ás 12:00 h, o fútbol da Segunda RFEF estará presente desde As Eiroas de Carballo, co enfrontamento entre o Bergantiños e o filial do Real Valladolid. Pola tarde, ás 17:00 h, chegará a quenda do derbi galego no Vao, entre o Coruxo e o Compostela.
Segunda cita do Mundial MXGP
O Mundial de Motocrós na categoría MXGP vive esta fin de semana a segunda cita do calendario. O circuito de Cózar, en Castela A Mancha, acolle o domingo as dúas mangas: a primeira, ás 13:00 h, con emisión exclusiva por AGalega.gal, e a segunda, ás 16:00 h, que tamén se poderá ver pola G2. Un equipo da Televisión de Galicia desprazouse ata Cózar para seguir os movementos do piloto galego Rubén Fernández, que hai dúas semanas rematou décimo na Arxentina.
En Xogo
O domingo pola noite, contra as 22:25 h, os afeccionados ao fútbol teñen unha cita co historico ‘En Xogo’, a través da G2 e AGalega.gal. Esta xornada, os espectadores poderán gozar de amplos resumos dos partidos Valladolid-Celta e Rácing de Ferrol-Éibar, xunto á última hora do Castellón-Deportivo, que se disputa o luns. Tamén terán os goles do resto de partidos nas categorías profesionais e o máis interesante das citas galegas nas competicións da RFEF, todo analizado polos especialistas Roberto Lago e Dani Mallo.
Deportes na primeira canle da TVG
Durante a fin de semana, a TVG manterá informada a audiencia con tres espazos deportivos dentro dos informativos ‘Bos Días’, ‘Telexornal Mediodía’ e ‘Telexornal Serán’. Ademais do calendario das ligas de fútbol, destaca o derbi galego da ACB que disputan no mediodía do domingo o Básquet Coruña e o Breogán de Lugo, cunha presenza especial na pista xunto ás mascotas dos dous clubs. Xabarín acudirá ao Coliseum para compartir coas dúas afeccións a celebración dos 40 anos da creación da TVG.