'Desafíos criminais' descobre as claves do crime de Aranga: dous asasinados, desmembrados e agochados nunha fosa séptica - CRTVG
'Desafíos criminais' descobre as claves do crime de Aranga: dous asasinados, desmembrados e agochados nunha fosa séptica
O 20 de novembro de 2008, Ubaldina Tajes acode ao cuartel da Garda Civil de Noia. Desde o día 9 de novembro non sabe nada do seu fillo

Santiago, 25.05.2025.- Televisión de Galicia achega esta noite unha nova entrega de ‘Desafíos criminais’ (23:00 h), docushow procedemental de carácter policial, que descobre as claves que permitiron resolver os casos máis relevantes da historia recente de Galicia baixo a investigación da Garda Civil.
A entrega deste domingo, que leva por título ‘Rescatados do inferno’, ten como punto de partida o 20 de novembro de 2008, cando Ubaldina Tajes acode ao cuartel da Garda Civil de Noia. Desde o día 9 de novembro non sabe nada do seu fillo. Esta denuncia desentrañaría o caso dos desmembramentos de Aranga, en que dous veciños de Muros, Javier Toledo e Manuel Ramón Luces foron asasinados no domicilio de José Ramón Blanco Vila, alias Koke, e posteriormente desmembrados os seus corpos e ocultos nunha fosa séptica de Fonteculler, coa colaboración doutras seis persoas -cinco amigos seus e a súa muller-.
Cada un dos casos que recolle ‘Desafíos criminais’ ten unha compoñente única que engancha aos espectadores desde o primeiro momento. A serie conta con testemuños de persoas que viviron o desenvolvemento dos casos, que non só reflicten a complexidade e diversidade dos crimes en Galicia, senón tamén a capacidade das autoridades para resolvelos e levar aos culpables ante a xustiza