div-crtvg-top1

Publicidade

Menu Display

Logo de CRTVG

Camiño de navegación

'A miña gran cidade' reúne esta noite en Ferrol a Paloma Lago e Xurxo Fernandes

A presentadora e modelo ensinaralle ao artista convidado a súa visión especial da cidade naval

crtvg.gal 30/04/2025 00:01

Santiago, 30.04.2025.-    Ferrol é a localidade protagonista da nova entrega de ‘A miña gran cidade’ esta noite (21:50 h) na Televisión de Galicia. Paloma Lago exercerá durante un día de anfitrioa na súa cidade natal para o artista Xurxo Fernandes. O seu obxectivo será convencelo de quedar uns días de vacacións. Aínda que pasarán un día xuntos, Lago só disporá dunha hora en total para levar a cabo experiencias únicas e inesquecibles que sorprendan o seu convidado e decida quedar. 

Os dous percorrerán os lugares que para Paloma fan de Ferrol un destino en que quedar, unha cidade da que Paloma se considera namorada e embaixadora alá por onde vai. Para sorprender o seu convidado, a modelo e comunicadora intenta conquistalo con experiencias únicas, como subir a unha fragata no Arsenal da Armada, un paseo en bicicleta por Coruxeiras, gozar dun xantar de alta gastronomía ou escoitar unha rondalla tradicional na praza do concello. 

Tamén haberá tempo para o humor e a anécdota. Xurxo Fernandes descobre sorprendido, de primeira man, que Emilio Aragón lle dedicou a súa famosa canción ‘Cuidado con Paloma, que me han dicho que es de goma’ a Paloma Lago. 
    
No seu itinerario, Paloma levará a Xurxo ao Arsenal de Ferrol, un lugar pouco visitado e coñecido polo público xeral. Alí non só verán as instalacións da Armada, senón que subirán a unha fragata con visita guiada por profesionais en activo. Paloma e Xurxo atoparán moitos puntos en común, entre eles, como a música. Fernandes aproveitará tamén a ocasión para sorprender a súa anfitrioa con música e danza tradicional ao ter unha visita inesperada do seu grupo PanSenFron. 

Tras unha intensa hora chea de emoción, humor e moitas sorpresas, Xurxo deberá tomar unha decisión: marchar de Ferrol ou quedar uns días pola gran cidade de Paloma Lago. A escolla non será nada doada. 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
CRTVG VIVA

div-crtvg-top2

Publicidade