div-crtvg-top1

Publicidade

Navigation Menu

Logo de CRTVG

Camiño de navegación

CRTVG Viva

Publicador de contidos

Os Telexornais da TVG estrean este luns o novo estudio de Informativos

Santiago, 04.03.2024.-    O ‘Telexornal Mediodía’ deste luns día 4 de marzo é o primeiro informativo da TVG en emitirse desde o novo Estudio 300 de San Marcos, que foi estreado co gallo do debate electoral de febreiro e o especial ‘Eleccións 18F’.

Ábrese así unha nova etapa para os Servizos Informativos da Corporación cunha imaxe e unha narrativa audiovisual renovadas, e todas as posibilidades tecnolóxicas do estudio. Dotado dunha gran pantalla angulada de 36 metros, a máis grande das canles en España, o estudio estrea o equipamento técnico máis punteiro, e permite integrar imaxe, gráficos, animación 3D e realidade aumentada ao relato informativo.

Nas vindeiras semanas completarase a transición a este novo estudio con outros programas informativos como o ‘Galicia Noticias’, o deportivo ‘En Xogo’ ou o cultural ‘Zigzag’.

A emisión de directos de TVG e da G2 –que emite a diario os ‘Telexornais’ en lingua de signos- pode seguirse tamén desde a nova plataforma dixital AGalega (agalega.gal), tanto en web como a través das apps para dispositivos móbiles dispoñibles tanto para iOS como Android.

ler máis

O atentado da discoteca Clangor de Santiago protagoniza o documental 'Viaxe á fin da noite santiaguesa' na plataforma dixital AGalega

Santiago, 21.02.2024.-    ‘Viaxe á fin da noite santiaguesa’, da serie documental ‘Historias de aquí’, é o novo título que se estrea este xoves, en exclusiva, na plataforma dixital da canle pública, AGalega. Esta peza achégase ao atentado producido na discoteca compostelá Clangor en 1990.

O documental viaxa ao 10 de outubro dese ano. Aínda que é mércores, moitos estudantes universitarios quedan para saíren pola noite en Santiago de Compostela. A cidade vive o apoxeo universitario e as sensacións de euforia e liberdade enchen rúas, pubs e Clangor, o templo desta movida. Paula e Ana atópanse con Fran e Miguel. Apenas se coñecen, pero teñen ganas de pasalo ben. A última parada é Clangor. Cando está soando a primeira canción da sesión do disc-jóckey, as súas vidas vense truncadas para sempre. En ‘Viaxe á fin da noite santiaguesa’, os protagonistas falan da súa vida universitaria, das súas ilusións e da percepción de inmortalidade na noite en que a inocencia morreu e, con ela, a movida compostelá.

‘Historias de aquí’ é unha serie que fusiona o documental e a ficción para dar unha perspectiva única sobre acontecementos, personaxes icónicos e fitos culturais que deixaron unha pegada imborrable na nosa memoria colectiva. Cada caso está dividido en dous episodios de 30 minutos. Neles, as voces dos expertos e dos protagonistas enlazan cunha ficción que non só as complementa, senón que lles proporciona un enfoque distinto. ‘Historias de aquí’ conta historias tráxicas, coma o accidente aéreo de Montrove -xa dispoñible na plataforma AGalega- ou momentos irrepetibles, como o da movida viguesa ou o achado duns aneis medievais con supostos poderes milagreiros, e que se irán estreando en exclusiva na nova canle dixital da CRTVG.

Primeiro mes de vida de AGalega

O 17 de xaneiro naceu para o gran público a plataforma dixital AGalega, acompañada das app AGalegaAudio e Xabarín. No seu primeiro mes de vida rexistrou 396.000 sesións repartidas en 125 países distintos. En total, sumando estas tres novas canles, son máis de 9.000 os contidos dispoñibles.

Actualmente, a AGalega pode accederse vía web (www.agalega.gal), e tamén pode descargarse desde Google Play e Apple Store. A recomendación é empregar sempre a última actualización, xa que nesta fase de lanzamento as melloras de usabilidade son diarias. No que respecta ás smart tv, pode accederse a través de 4 opcións: descargando a app directamente en televisores LG e no Chromecast con Google TV; enviando o sinal desde un teléfono Iphone tanto ao Chromecast como directamente aos televisores intelixentes que conten con tecnoloxía Air Play, como os Samsung; enviando o sinal desde un dispositivo Android (tablet ou teléfono) á smart tv a través do duplicador de pantalla, e finalmente, enviando o sinal ao smart tv directamente desde o navegador de  www.agalega.gal. Proximamente as apps estarán tamén dispoñibles para a descarga directa noutros televisores intelixentes e en Fire TV.

ler máis

Este mércores, un novo capítulo da comedia 'Na Gloria', en exclusiva na plataforma dixital AGalega

Santiago, 20.02.2024.-    ‘Na Gloria’, a serie nativa dixital dispoñible en exclusiva na plataforma dixital da canle pública, AGalega, estrea este mércores o seu segundo capítulo, titulado ‘O triángulo’. Cada semana, a plataforma contará cunha entrega nova desta comedia de 15 episodios dirixida ao público familiar, que foi a primeira grande estrea de ficción na OTT da CRTVG. A serie está protagonizada pola actriz galega Cristina Castaño, o intérprete andaluz Dani Rovira, Xosé Antonio Touriñán, David Perdomo e Lucía Veiga.

Rodada en Culleredo (A Coruña), ‘Na Gloria’ é un proxecto orixinal de Andrés Mahía, Xosé Castro e Xosé Antonio Touriñán, coa produción de Tex45 e Undodez. A trama desenvólvese na imaxinaria A Gloria, unha pequena localidade ao pé do Camiño Francés onde unha executiva en crise existencial (Cristina Castaño) decide darlle un cambio radical á súa vida e converter a casa dos seus avós nun hotel para peregrinos. Para levar a cabo o seu soño conta coa axuda do seu mellor amigo, un chef vegano de fama internacional (Dani Rovira). A chegada dos dous chocará coa vida da aldea, en que a protagonista viviu os felices veráns da infancia, pero onde agora vai atopar todo tipo de situacións de estrés.

No capítulo que se estrea este mércores, Pati, a dona do hotel, precisa da axuda de Lolo e os seus requirimentos son interpretados erroneamente. Lolo pensa que Pati está intentando seducilo e, de súpeto, vese convertido nunha sorte de obxecto sexual de usos múltiples. Menos mal que desta vez as cousas tampouco son o que parecen ser.

Primeiro mes de vida de AGalega

O 17 de xaneiro naceu para o gran público a plataforma dixital AGalega, acompañada das app AGalegaAudio e Xabarín. No seu primeiro mes de vida, rexistrou 396.000 sesións repartidas en 125 países distintos. Tras España, coa meirande parte deste rexistro, en segundo lugar sitúanse os Estados Unidos con case 6.000 sesións. Terceiro posto para Suíza, con máis de 5.000, e, en cuarto lugar, o Reino Unido, con 4.700. Por riba das 2.000 sitúanse Alemaña, Francia, A Arxentina, e logo seguen destacados Portugal, O Brasil, Holanda, México e O Canadá, todos eles por riba das mil sesións. Completan esta lista de 125 países algúns tan dispares como Seychelles, Togo ou Uzbekistán.

O humor triunfa en AGalega, xa que o máis visto neste tempo son as estreas das comedias nativas dixitais, como ‘Na Gloria’, ou ‘Ghuasapp’, que se poden ver en exclusiva na plataforma. A estas comedias seguen as longametraxes ‘Jacinto’, ‘Cuñados’ e ‘O que arde’. En total, sumando as tres novas canles -AGalega, Xabarín e AGalegaAudio-, son máis de 9.000 os contidos dispoñibles.

Actualmente, a AGalega pode accederse vía web (www.agalega.gal), e tamén pode descargarse desde Google Play e Apple Store. A recomendación é empregar sempre a última actualización, xa que nesta fase de lanzamento as melloras de usabilidade son diarias. No que respecta ás smart tv, pode accederse a través de 4 opcións: descargando a app directamente en televisores LG e no Chromecast con Google TV; enviando o sinal desde un teléfono Iphone tanto ao Chromecast como directamente aos televisores intelixentes que conten con tecnoloxía Air Play, como os Samsung; enviando o sinal desde un dispositivo Android (tablet ou telefóno) á smart tv a través do duplicador de pantalla; e finalmente, enviando o sinal ao smart tv directamente desde o navegador de  www.agalega.gal. Proximamente as apps estarán tamén dispoñibles para a descarga directa noutros televisores intelixentes e en Fire TV.

ler máis

Superdomingo en ‘Galicia en goles’, cos partidos Osasuna-Celta, Rácing-Eibar e Deportivo-Fuenlabrada 

Santiago, 01.02.2024.- A fin de semana de retransmisións deportivas comeza na noite do venres na Radio Galega, cun completo calendario de baloncesto. A partir das 20:30 h, Roberto Carlos Carballo repartirá xogo no Força Lleida CE-Leyma Basquet Coruña da LEB Ouro e, na Liga Feminina, cos encontros Lointek Gernika Bizkaia-Baxi Uni Ferrol, IDK Euskotren- Real Club Celta Baloncesto e Ensino Lugo-C.B. Jairis.

O sábado, a partir das 15:00 h, a atención estará posta no fútbol da Primeira RFEF. Primeiro, co U.E. Cornellá-Celta Fortuna e, xa pola noite, co Real Unión de Irún-Club Deportivo Lugo. Ademais, o programa conectará co Coruxo FC-CD Guijuelo e o Arandina C. F.-Deportivo Fabril, da Segunda RFEF, xunto ás citas adiantadas da Terceira. No polideportivo destacan os encontros de balonmán feminino BM Porriño-Super Amara Bera Bera e Atlético Guardés-Aula Valladolid, ademais das semifinais da Supercopa de fútbol sala feminino STV Roldán-Poio Pescamar e Pescados Rubén Burela - Atlético Navalcarnero.

Xa o domingo, o ‘Galicia en goles’ volverá ter unha edición maratoniana de máis de trece horas. A partir das 11:45 h, o programa seguirá os tres encontros da Terceira RFEF. Ás 14:00 h, a atención estará na Malata, co Rácing de Ferrol-Éibar, no que estará en xogo o segundo posto da Segunda División profesional. A partir das 16:00 h, o estadio Sadar será o punto de referencia, co C. A. Osasuna-R. C. Celta, da Primeira División. A última parada será Riazor, na Primeira RFEF, co R. C. Deportivo-C. F. Fuenlabrada. Durante o programa, os oíntes terán información puntual do resto do calendario, na Segunda e Terceira RFEF. Cando remate o xogo, ás 23:00 h, será o momento de reunir na mesa de debate aos especialistas de ‘Ao contraataque’ para analizar o sucedido nos terreos de xogo.

 

Baloncesto e AgalegaAudio.Gal

O sábado, desde as 17:55 h, os afeccionados ao baloncesto teñen unha cita na plataforma agalegaaudio.gal para escoitar de xeito íntegro o partido da Liga ACB entre o Zaragoza e o Breogán. Mentres, o domingo ás 16:55 h o micrófono azul estará no Sar de Santiago, para a retransmisión do Obradoiro-Gran Canaria.

 

Escoitar o ‘Galicia en goles’ na televisión

Os afeccionados do Celta e do Rácing de Ferrol que teñan previsto seguir os partidos pola televisión teñen a opción de escoitar as retransmisións da Radio Galega nas opcións de audio do operador televisivo. Esta semana, os seareiros do Obradoiro tamén disporán desta posibilidade para combinar a imaxe co audio da canle autonómica.

 

#GaliciaEnXogo

O sábado é o día que a Radio Galega dedica ao proxecto #GaliciaEnXogo coa emisión de tres entregas. A primeira chega ás 13:00 h, desde o concello de Xunqueira de Ambía. Alí, o colexio Padre Crespo converteuse nunha referencia no sistema educativo.

Na última hora do día, o motor será o protagonista ás 23:00 h e, a partir das 23:30 h, chegará a edición olímpica, na conta atrás para os Xogos de París 2024.

ler máis

Melody, Alazán, a orquestra París de Noia e a mellor música galega, esta noite en 'Luar'

Santiago, 26.01.2024.-    Un venres máis, público e espectadores de ‘Luar’ poderán gozar do mellor folclore galego, que esta noite se acompañará de ritmos andaluces, cunha artista que, a pesar da súa mocidade, leva moito tempo enriba dos escenarios, Melody.

Logo de dúas décadas interpretando temas do máis animado e co récord de ser a primeira cantante española en acadar o número un en 15 países, cun millón de copias vendidas aos dez anos, Melody volve ao escenario de ‘Luar’ para presentar os seus últimos traballos. Desde que, de cativa, interpretara na TVG o seu famoso ‘El baile del gorila’, é unha incondicional do musical dos venres. 

Tamén convidarán a bailar a público e espectadores a orquestra París de Noia e o dúo composto por Aroa e Encarna, compoñentes de Alazán, dúas artistas da raza, que continúan a saga musical da súa familia, da que forman parte Azúcar Moreno e Los Chunguitos. 

E, no capítulo de música galega, esta noite o programa que presentan Xosé Ramón Gayoso e Esther Estévez contará coas Pandeireteiras María Soliña, a Agrupación Folclórica Traspés e Xabier Díaz e as Adufeiras de Salitre. No concurso ‘Recantos’ participarán Bea García, en representación de Terras do Eume, e Mírima Cea, pola Mariña. 

ler máis

A TVG producirá oito obras de teatro galego para televisión

Santiago, 25.01.2024.- A TVG emitirá obras de teatro galego adaptadas para televisión nun proxecto audiovisual que inicia a produción nos próximos días. En total, en 'Fila 1, Butaca G' programaranse oito obras recoñecidas polo público e a crítica, que se gravarán no auditorio do Grove (Pontevedra) con presenza de público e con artistas convidados. Deste xeito creativo preténdese poñer en valor, e a disposición dos televidentes, algúns dos mellores exemplos da dramaturxia galega.

    O proxecto, que desenvolve a produtora Tamboura, abrangue oito obras teatrais: ‘Somos criminais’, de Aíné Producións; ‘Hoy puede ser mi gran noche’, de Teatro en Vilo; ‘Saaabor!’, de Cultura Activa; ‘Chungo’, de Luís Zahera; ‘Unha inimiga do pobo’, de Talía Teatro; ‘Códice K’, de Ainé Producións; ‘Amantis’, de Rebordelos, e ‘DEP, unha comedia de morte’, de Malasombra Produciones.

    O obxectivo da televisión pública galega é aproveitar e divulgar o traballo realizado polas compañías, actores e actrices para levar o teatro a todos os galegos a través dos medios públicos. Isto permitirá destacar o calibre artístico dos profesionais da representación galegos e brindarlles unha plataforma de visibilidade. Ademais, 'Fila 1, Butaca G' poñerá en valor  destacados directores como Cándido Pazó ou Tito Asorey. A aparición de caras coñecidas que falen e comenten o espectáculo desde o humor e cos seus coñecementos artísticos, completará o proxecto, presentando cada obra, contextualizándoa e achegando unha reflexión final.
 

ler máis

Este martes, especial ‘Galicia en goles’ na Radio Galega co partido de Copa do Rei de fútbol entre o Celta e a Real Sociedade

Santiago, 22.01.2024.-    O Celta de Vigo afronta este martes o partido máis importante do que levamos de temporada contra a Real Sociedade. Desde as 21:00 h, a Radio Galega poñerá en marcha nas emisións de FM e agalegaaudio.gal a retransmisión da eliminatoria de cuartos de final da Copa do Rei de fútbol, que se decide a partido único. O equipo vigués conta co factor campo ao seu favor, pero o rival parte como favorito.

Os dous equipos enfrontáronse o sábado pasado na competición de Liga, con vitoria donostiarra por 0-1 e gol marcado por Brais Méndez, ex-xogador do Celta. Así e todo, a ilusión do cadro de xogadores e da afección aumenta a medida que se achega o día, porque está en xogo a clasificación para as semifinais do torneo do k.o.

Paco Santos dirixirá a edición especial de ‘Galicia en goles’, con Roberto Carlos Carballo, Víctor López e Moncho Carnero situados no estadio municipal de Balaídos. Ao remate do xogo comezará ‘Ao contraataque’, desta volta conducido por Toni López García. No programa, os oíntes poderán escoitar aos adestradores Rafa Benítez e Imanol Alguacil desde a sala de prensa e, posteriormente, aos mellores xogadores na zona mixta. A emisión prolongarase ata as 01:00 h.

O Celta-Real Sociedade do martes abre unha semana chea de eventos deportivos no calendario. Así, o sábado a atención estará posta no fútbol da Primeira RFEF co Arenteiro-Teruel e o Lugo-Real Sociedade B, ademais do Manresa-Breogán de baloncesto. Xa o domingo, a xornada será maratoniana para o equipo deportivo da Radio Galega, que ten programada a emisión de ‘Galicia en goles’ de 11:45 h ata as 01:00 h. Durante as máis de trece horas de programación, os oíntes escoitarán as retransmisións do Celta-Xirona, Spórting de Xixón- Rácing Ferrol, Celta Fortuna-Deportivo, Baskonia-Obradoiro e a final da Copa Princesa entre o Estudiantes e o Basquet Coruña.
 

ler máis

A TVG estrea 'Noite Xigante', o novo show do sábado noite

María Mera e César Romero conducirán a 'Noite Xigante' da TVG

Santiago, 18.01.2024.-    Un novo programa semanal para toda a familia chega á Televisión de Galicia. ‘Noite Xigante’ é a nova aposta para as noites dos sábados, un concurshow de ritmo frenético cheo de música e baile, que sorprenderá o público con grandes actuacións musicais, probas, premios e convidados famosos con ganas de pasalo ben. 

A nova festa dos sábados na TVG comezará ás 22:00 h e terá como mestra de cerimonias a todo terreo María Mera (presentadora de ‘Carballeira’ e ‘A Liga dos Cantantes Extraordinarios’), que estará acompañada nesta aventura polo cantante César Romero, membro da orquestra Cinema, como polifacético colaborador. Neste primeiro programa, estarán acompañados polo carismático cantante Carlos Baute, ademais de recibir a visita de Diana Nogueira e Manuel San Martín, todo amenizado coa animación da Fanfarria Farruca

O caldeirón porá a proba a valentía dos concursantes

‘Noite Xigante’ é un concurshow, cheo de sorpresas e espontaneidade, onde cinco concursantes, cargados de boa enerxía, porán a proba a súa intuición, nervios e pericia en distintas probas. A valentía dos concursantes tamén se medirá co caldeirón, un aparello xigante que lanza un líquido viscoso que promete converterse no momento estrela do programa. 

Como non podía ser doutro xeito, o show contará con probas moi orixinais para que os seus concursantes demostren o que valen: unha cámara oculta con sorpresa, unha rolda rápida de preguntas, diversas probas de pericia visual ou física e ata retos musicais.

O concursante que sexa capaz de superar as distintas probas chegará á final, onde poderá gañar o premio dos premios: un grande escaparate valorado en milleiros de euros, con agasallos como unha viaxe ao Caribe, unha bicicleta, varios aparellos tecnolóxicos, un reloxo e outros produtos que mesmo poderán ser tamén para o público do programa.

ler máis

A Radio Galega retransmite este mércores desde Mestalla o Valencia-Celta, dos oitavos de final da Copa do Rei

Santiago, 17.01.2024.-    O Celta de Vigo afronta hoxe unha nova eliminatoria da Copa do Rei de fútbol fóra da casa. Desta volta, o rival xa é un equipo da Primeira División e con tradición nesta competición. A partir das 19:45 h, Paco Santos porá na antena da Radio Galega unha edición especial de ‘Galicia en Goles’ coa retransmisión desde o estadio de Mestalla do partido Valencia-Celta, correspondente aos oitavos de final.

Ata o momento pasaron os favoritos a cuartos de final tras a xornada do martes, coas vitorias do Athlétic de Bilbao, Sevilla e Mallorca. Os prognósticos danlle vantaxe ao equipo local, primeiro porque xogará arroupado pola súa afección e, en segundo lugar, porque está mellor clasificado na liga regular.

Roberto Carlos Carballo narrará desde o campo laranxa todo o que suceda sobre o terreo de xogo, arroupado polos comentarios dos adestradores José Valtierra e Moncho Carnero. En canto remate o encontro, os oíntes poderán escoitar os adestradores na sala de prensa e os principais protagonistas na zona mixta. A partir das 23:00 h, o Valencia-Celta tamén será a portada do espazo ‘Ao Contraataque’, da man de Pedro Pablo Alonso, que contará coa opinión dos especialistas na mesa de debate.

Xa na fin de semana, o ‘Galicia en Goles’ ten programadas 25 horas de emisións deportivas. O venres, a partir das 20:30 h e ata a medianoite, un dos puntos de directo estará na LEB Ouro de baloncesto, coa cobertura do Melilla-Ourense.

O sábado, a partir das 15:00 h, a atención pasará polo Celta-Real Sociedade, de Primeira, e o Rácing de Ferrol-Oviedo, da Segunda. Estes dous partidos tamén poderán escoitarse nas canles de audio de Movistar, a televisión posuidora dos dereitos.

O domingo, ás 11:45 h, a Primeira RFEF será a protagonista con tres citas con presenza galega: Sabadell-Celta Fortuna, Real Unión de Irún-Arenteiro e Nástic de Tarragona-Lugo. Esta categoría tamén centrará a función da tarde, desde as 15:00 h, co Deportivo-Ponferradina, en Riazor.

O baloncesto, mentres, estreará as emisións na nova plataforma dixital da CRTVG. Así, o sábado ás 18:00 h os oíntes poderán escoitar de xeito íntegro o Obradoiro-Tenerife, mentres o domingo ás 12:30 h a quenda será para o Breogán-Xirona. Nos dous casos, a narración tamén chegará a través do audio 2 das retransmisións televisivas de Movistar.

ler máis

A CRTVG presentou este venres en Santiago a súa nova serie para o público xuvenil 'Os argonautas'

Santiago, 12.01.2023.- A CRTVG presentou este venres en Santiago de Compostela a súa nova ficción de aventuras para o público infantil e xuvenil, ‘Os argonautas e a moeda de ouro’, nun acto no auditorio Abanca. Destinada a rapaces de 8 a 12 anos, a serie estrearase na nova plataforma dixital dos medios públicos, en que quedará dispoñible para o consumo á carta. Esta plataforma dixital entrará en funcionamento este mes de xaneiro.

Escolares de primaria e secundaria gozaron hoxe do primeiro episodio da serie nunha proxección en Santiago. Coñeceron os cinco amigos protagonistas, Alba, Lucas, Sali, Olivia e Nil, que viven un emocionante verán nunha vila mariñeira (Laxe, A Coruña), enfrontándose a perigos e descubrindo o valor da amizade. A produción inspírase en grandes clásicos literarios e cinematográficos coma 'The Breakfast Club' ou 'The Goonies', adaptándoos aos cativos do século XXI. 

Dirixida por Toño López e Lucía Estévez, ‘Os argonautas e a moeda de ouro’ é unha ficción integradora, con nenos de realidades diversas. O elenco está composto, entre outros, por Eva Fernández, Xosé Antonio Touriñán, Víctor Mosqueira, Denis Gómez, César Cambeiro, Federico Pérez e os mozos Aliyah Fidalgo, Sarela Montes, Brais Sixto, Claudia Pujaldes, Juan Rodríguez, Lúa Varela e Xoel Río.

TVG participa nesta ficción coproducida por RTVE e a produtora galega Portocabo, e que conta ademais co apoio do Hub Audiovisual da Xunta de Galicia financiado polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER) dentro do Eixo REACT-UE. 


Primeiro capítulo: o inicio do verán

A serie arranca coa chegada de Alba á vila de pescadores Rodas para pasar as vacacións na casa da súa tía Helena. Aínda que agarda un verán aburrido e solitario, pronto fará novos amigos: Lucas, Sali, Olivia e Nil. Xuntos farán un descubrimento extraordinario: atoparán unha moeda de ouro da época romana. O descubrimento levaraos ao rastro dun tesouro, aínda que, polo camiño, se atoparán con poderes escuros, encabezados por Nina, que quere construír unha urbanización de luxo na cidade, que tratarán de facelos fracasar. E mentres unen forzas, descubrirán que a súa amizade é máis forte que todos os obstáculos que poidan atopar.
 

‘Os argonautas e a moeda de ouro’ / Ficha técnica

⦁    Xénero: Kids live action
⦁    Episodios e duración: 20 x 22 minutos
⦁    Creada por: Jose Rubio e Alfonso Branco
⦁    Produción executiva: Alfonso Blanco (Portocabo) e Borja Gálvez (RTVE)
⦁    Dirección: Toño López e Lucía Estévez
⦁    Guión: José Rubio, Alexis Barroso, Sara Gómez, Carlota Dans, Nina Hernández, Nano López Moure e Manuel Darriba
⦁    Dirección de produción: Paula Fernández
⦁    Dirección de fotografía: Lucía C.Pan
⦁    Música orixinal: Santi Jul e Iván Laxe
⦁    Dirección de arte: Andrea Pozo
⦁    Edición: Lu Rodríguez
 

ler máis

A Radio Galega retransmite os partidos de Copa Amorebieta-Celta, Lugo-Atlético de Madrid e Rácing de Ferrol-Sevilla 

Santiago, 03.01.2024.- A emisións deportivas da Radio Galega na fin de semana de Reis centraranse nas competicións de Liga e Copa. O venres, desde as 20:30 h, Roberto Carlos Carballo conduce o ‘Galicia en goles’, coa última hora dos equipos galegos e o seguimento ao partido da Liga LEB Ouro de baloncesto entre Castellón e Basquet Coruña.

O sábado, ás 15:00 h, Xoán Galán poñerá en marcha unha ampla despregadura do equipo deportivo da RG no Anxo Carro, onde o Club Deportivo Lugo se enfronta ao Atlético de Madrid nos dezaseisavos de final da Copa do Rei. Ademais, o programa estará pendente do Ourense CF-Avilés, da Segunda RFEF.

Xa o domingo, ‘Galicia en goles’ terá unha duración de trece horas. A partir das 11:45 h, o interese estará posto no Amorebieta-Celta, de Copa, xunto ao Compostela-Raio Cantabria, de Segunda RFEF. A partir das tres menos cuarto, o torneo de k.o. volverá ser protagonista desde A Malata, co Rácing de Ferrol-Sevilla. Durante a tarde, a atención tamén estará posta na xornada de Segunda e Terceira Federación.  A partir das 23:00 h, os especialistas de ‘Ao contraataque’ pasarán consulta para avaliar os resultados dos equipos galegos na primeira mesa de debate do 2024.

Mentres, os afeccionados ao baloncesto gozarán dun domingo cheo de emocións nas plataformas radiogalega.gal e g24.gal/deportes coa emisión íntegra dos partidos con presenza galega na xornada da Liga ACB. Ás 12:30 h, desde o Pazo de Lugo, os especialistas da Radio Galega narrarán o Breogán-Granada, mentres as 17:00 h a quenda será para o Obradoiro na súa visita ao Palau Blau Grana, onde se medirá co F. C. Barcelona.

 

#GaliciaEnXogo

Esta fin de semana o proxecto #GaliciaEnXogo terá máis presenza nas emisións por FM da Radio Galega. Así, o venres, de 22:30 h a 00:00 h, Rodrigo Pérez e Toni López García resumirán o 2023 no motor e no olimpismo. O sábado, ás 13:00 h, Alfonso Pardo continuará cos mellores momentos da temporada pasada nas súas visitas aos concellos galegos. E, xa pola noite, ás 23:30 h e tras a xornada de Copa do Rei, haberá unha nova entrega do espazo olímpico, na conta atrás para os Xogos de París.
 

ler máis

Televisión de Galicia ofrece este venres, en directo, a Cabalgata dos Reis Magos

Momento dunha Cabalgata de Reis na Coruña

Santiago, 04.01.2023.-     Os espectadores da Televisión de Galicia poderán seguir este venres pola tarde, en directo, a chegada dos Reis Magos ás diferentes cidades galegas. A canle pública realizará, a partir das 18:00 h, un programa especial que retransmitirá a cabalgata da Coruña, na que tamén viaxará o autobús da canle infantil, a G2, cos personaxes do ‘Xabarín Club’ e ‘Os Bolechas’. TVG conectará tamén, en directo, cos desfiles de Santiago de Compostela, Pontevedra, Vigo, Ourense, Lugo e Ferrol ao longo da tarde.

Na antesala da noite máis máxica do ano para milleiros de nenos e nenas, Trisha Fernández presentará este especial ‘Cabalgata de Reis’ desde o Obelisco da Coruña, con cámaras situadas ao longo dun percorrido que este ano comezará no Barrio das Flores para, desde aí, percorrer as rúas ata a praza de María Pita. Convidados como Paco Lodeiro, Lucía Rodríguez, César Romero ou Fran Cañotas e parte do elenco da serie ‘Saudade de ti’ achegaranse tanto ao set central coma aos diversos puntos en directo para vivir coas súas familias un día tan especial.

As reporteiras Fátima Pego, Carlota Mosquera, Laura Vaqueiro, Tamara Pérez e Miguel Mandayo encargaranse de que os espectadores non perdan detalle das Cabalgatas de Reis deste ano, diferentes en cada cidade. En Vigo a decoración e espectáculos que acompañan as súas maxestades de Oriente xiran arredor do ‘Mar e a Fantasía’, mentres que en Lugo as carrozas teñen como eixo central a viaxe ata Belén. En Pontevedra, os espectadores coñecerán a figura das carboeiras, que cada ano lles lembran aos cativos e cativas que, de portárense mal, levarán carbón. En Ourense asistirán a un espectáculo de fogos de artificio e na vila de Boqueixón estarán cos Bolechas.

Nesta retransmisión, a TVG rescatará a ‘Cabina dos desexos’, que logo do seu paso polos programas especiais de Nadal e Aninovo, estará presente para amosar que lles piden aos Reis Magos os rapaces e rapazas galegos. O programa especial da tarde do 5 de xaneiro rescatará os Cantares de Reis, e coñecerá un grupo de veciños que mantén vivo este costume na vila de Arnoia e unha Carteira Real que realiza o seu reparto en vilas e aldeas do rural. Ademais, porá a proba a grandes e pequenos con divertidas enquisas a pé de rúa, en que terán que responder correctamente preguntas sobre Melchor, Gaspar, Baltasar e a súa gran viaxe.

ler máis

Os medios públicos galegos retransmiten a mensaxe de fin de ano do presidente da Xunta, Alfonso Rueda

Santiago, 29.12.2023. Este domingo, antes do 'Telexornal mediodía', arredor das 14:20 h., a Televisión de Galicia emitirá a tradicional mensaxe que o presidente da Xunta de Galicia ofrece nesta data. Este ano o discurso de Alfonso Rueda ofrécese desde a que fora a sede do primeiro Parlamento galgo, o Pazo de Xelmírez, en Santiago. 

    O discurso do presidente galego poderá seguirse con subtítulos a través das opcións da TDT e tamén con lingua de signos na súa redifusión pola G2 (15:30 h.) Así mesmo, estará accesible en G24.gal, o portal da información da Corporación, e poderá escoitarse na Radio Galega. 

ler máis

O derbi de baloncesto feminino entre o Baxi Ferrol e o Celta, último directo de deportes do ano na CRTVG

Santiago, 29.12.2023.-  A CRTVG ofrece nesta fin de semana de peche do ano baloncesto feminino. Este sábado, enfróntanse na Liga Endesa o BAXI Ferrol e o Celta Zorka Recalvi ás 19:00 h. O derbi galego retransmitirase en directo desde o Estadio Municipal da Malata de Ferrol, tanto pola G2 coma pola web dos medios públicos. As xogadoras adestradas por Lino López atópanse en no décimo terceiro posto da táboa, mentres o equipo vigués, en oitava posición, está cinco puntos por riba. 

O deporte en directo volverá á CRTVG no 2024, co partido de fútbol de 1ªRFEF entre o Club Deportivo Lugo e o Celta Fortuna, o vindeiro martes 2 de xaneiro ás 19:00 h. Tamén poderá seguirse en ambas canles. O conxunto vermello e branco, dirixido polo portugués Paulo Alves, estreará adestrador no derbi do Anxo Carro. Ascendido á Primeira Federación tras once temporadas na categoría de prata, atópase en oitava posición na táboa, con 26 puntos, a dous dos postos de promoción de ascenso directo. Os vigueses, pola súa banda, abrirán o ano como líderes da clasificación e máximos marcadores do Grupo 1, con 32 goles, e sendo ademais o equipo con máis vitorias da categoría. 

Os medios públicos continuarán a primeira semana do ano ofrecendo fútbol. O xoves, enfróntanse R. C. Deportivo e Real Sociedade B, na 1ª RFEF, ás 19:00 h, encontro que se retransmitirá en directo pola G2 e a crtvg.gal.

ler máis

O ‘Galicia en goles’ da RG arranca o 2024 con tres días de fútbol

Santiago, 28.12.2023.- A primeira semana do 2024 chega chea de deporte, polo que a Radio Galega programou seis días de emisión do ‘Galicia en goles’. A primeira edición estará en antena o martes desde as 18:00 h, coa retransmisión do derbi galego da Primeira RFEF entre o Club Deportivo Lugo e o Celta Fortuna. Vai ser o primeiro partido do adestrador portugués Paulo Alves, que se estrea ante o líder da categoría.

O mércores, tamén a partir das 18:00 h, o equipo deportivo da Radio Galega fará unha ampla despregadura desde Balaídos para contar o final da primeira volta na Primeira División profesional. O Celta, en postos de descenso e a dous puntos da salvación, recibe o Betis, sétimo clasificado. No programa haberá tamén información do Ponferradina-Arenteiro, da Primeira RFEF, e do primeiro encontro da repesca da Champions de baloncesto entre o Pinar Karsiyaka e o Breogán de Lugo.

Xa o xoves, o ‘Galicia en goles’ volverá comezar ás 18:00 h, para retransmitir desde Riazor o Deportivo-Real Sociedade B, da Primeira RFEF. O equipo donostiarra, que chegou a ser o líder da categoría, visita A Coruña ocupando a cuarta praza, mentres o cadro galego, pese a medrar varios postos nas últimas semanas, segue fóra da promoción de ascenso.

A Liga protagonizará durante tres días a actualidade futbolística, que se centrará na Copa do Rei a partir do venres 5 de xaneiro. Desde as 20:30 h, o equipo deportivo da Radio Galega analizará o calendario da fin de semana, escoitando as conferencias de prensa dos adestradores e a opinión dos especialistas.

O sábado, desde as 15:00 h, o interese pasará polo estadio Anxo Carro, onde o Lugo recibe o Atlético de Madrid. Mentres, o domingo a atención estará posta a partir das 23:45 h en Urritxe co Amorebieta-Celta. Xa pola tarde, desde as 14:45 h, o Rácing de Ferrol-Sevilla converterase na Malata no encontro destacado.

Durante o sábado 6 e o domingo 7, o ‘Galicia en goles’ tamén estará atento ao regreso das competicións de Liga na Segunda e Terceira RFEF, ademais de ofrecer os primeiros partidos do 2024 na Liga ACB de baloncesto. Xunto ás conexións pola FM, os afeccionados terán ocasión de escoitar de xeito íntegro o domingo o Breogán-Granada, ás 12:30 h, e o Barcelona-Obradoiro, ás 17:00 h, a través das plataformas radiogalega.gal e g24.gal/deportes.
 

ler máis

As retransmisións dos partidos Obradoiro-Murcia, Gran Canaria-Breogán e Básquet Coruña-Ourense pechan o 2023 na Radio Galega

Santiago, 07.12.2023.- O ano 2023 toca a súa fin e o equipo deportivo da Radio Galega ten preparada unha ampla despregadura desde o venres 29 ata o domingo 31 de decembro, coa emisión de 18 horas de información deportiva.

A primeira edición do ‘Galicia en goles’ adianta o venres a súas emisión ás 20:10 h para narrar desde o Multiúsos Fontes do Sar o partido da Liga ACB de baloncesto entre o Obradoiro e o Murcia. Ademais, o programa trasladará o estudio central ao Pazo dos Deportes de Riazor, onde se disputa o derbi galego da LEB Ouro entre o Básquet Coruña e o Ourense. Vai ser algo máis ca un evento deportivo, xa que o equipo local ten preparado un espectáculo de cor, luces e música para despedir o ano, mesmo agasallando coas doce uvas a todos os seareiros que asistan á cita.

O sábado será un día solidario no primeiro treito do ‘Galicia en goles’, de 15:00 a 17:00 h. Xoán Galán situará o estudio do programa na tenda Decathlon da Coruña, para convidar os atletas da San Silvestre a participar nun espazo en que os oíntes coñecerán o carácter da proba, a beneficio da Cociña Económica. O segundo treito do programa comezará 20:00 h, coa retransmisión do encontro da Liga ACB entre o Gran Canaria e o Breogán. Ademais terá cobertura a última xornada do ano na Liga Feminina, co derbi Uni Ferrol-Celta, ademais do Ensino-Bembibre, no Pazo de Lugo.

Xa o domingo, a edición matinal comezará ás 11:45 h, con tres puntos de directo, nas San Silvestre da Coruña, Lugo e Vigo. A partir das 15:00 h, o atletismo seguirá sendo protagonista, desta volta coas carreiras de Pontevedra, Santiago e Ourense. Durante a fin de semana, os oíntes tamén estarán informados do ciclocrós galego en Panxón e do fútbol benéfico en Muros, organizado polo xornal dixital ‘Que pasa na Costa’.

O equipo deportivo da Radio Galega case non terá descanso tras a intensa xornada da fin de semana. A partir do día 6 traballará na emisión de seis días ininterrompidos de retransmisións. O martes, co Lugo-Celta Fortuna, desde o Anxo Carro; o mércores co Celta-Betis, desde Balaídos, ademais do Ponferradina-Arenteiro e o Karasiyaka de Turquía-Breogán da Champions de baloncesto, mentres que o xoves será a quenda para o Deportivo-Real Sociedad B. Os tres días, o ‘Galicia en goles’ comezará ás 18:00 h. Desde o día 5 de xaneiro, o programa volverá aos horarios habituais da temporada, o venres ás 20:30 h, o sábado ás 15:00 h e, o domingo, a partir das 11:45 h.
 

 

ler máis

'A Radio Conta' volve á RG o 30 de decembro, cun programa desde a Coruña dedicado á Asociación de Bulimia e Anorexia ABAC

Santiago, 26.12.2023.-  A Radio Galega participa un ano máis en ‘A Radio Conta’, unha iniciativa en que colaboran todas as emisoras da Coruña, públicas e privadas, o vindeiro 30 de decembro. De 17:00 h a 20:00 h, realizará nun programa de tres horas desde o Teatro Colón. Os coruñeses e visitantes á cidade que queira asistir como público, poderán facelo de xeito gratuíto, acudindo desde as 16:15 h ata o espazo cultural.  

A décimo primeira edición de ‘A Radio Conta’ estará dedicada á Asociación de Bulimia e Anorexia da Coruña (ABAC). O público do programa poderá adquirir camisetas, chapas e outros produtos en apoio á entidade, mentres os oíntes poderán facer o seu donativo a través de Bizum (01903).

O xornalista Moncho Viñas conducirá un ano máis o programa, que contará nesta edición coa colaboración do actor David Perdomo, a artista Cristina Pato e o presentador Rodrigo Vázquez, entre outros. Ademais, oíntes e público poderán gozar das actuacións de The Rapants, Grupo Fua, Lúa Mosquetera e Namy and The Band. 

O programa emitirase simultaneamente nas oito emisoras que participan na iniciativa, á que a Radio Galega achega a montaxe técnica. O resto de cadeas participantes son RNE, Radio Coruña Cadena SER, Radio Voz, Onda Cero, COPE, Radio Marca e InterCoruña, así como nas súas respectivas canles de streaming. 
 

ler máis

A CRTVG ofrece o sorteo da lotaría de Nadal, con máis de cinco horas de información e nove puntos de directo

Santiago, 21.12.2023.-  Os medios públicos galegos despregan este venres un amplo dispositivo técnico e humano para achegarlles aos espectadores unha das xornadas máis ilusionantes do ano, a da sorte, que marca o inicio das festas de Nadal. Conducido por Sevi Martínez, e Almudena R. de Urzáiz, o especial ‘Sorteo Lotaría de Nadal 2023’ da TVG comezará ás 8:30 h e estenderase, en función dos premios que caian en Galicia, ata os informativos centrais da faixa do mediodía, con máis de cinco horas en directo. 

Desde o estudio 150 de San Marcos, a Televisión de Galicia seguirá toda a actualidade da mañá, con nove puntos de directo. Desde primeira hora, conectará co Teatro Real de Madrid, onde Iria Soengas e Sabela Romar narrarán o máis destacado da xornada. Ademais, o programa establecerá conexións coa Coruña, Santiago, Ourense, O Porriño, Lugo, A Illa de Arousa, Ferrol e A Fonsagrada, o que lle permitirá á canle pública achegarse rapidamente ás localidades premiadas.

O programa especial contará coa presenza no estudio de Moncho Lemos, que comentará todos os datos, as anécdotas e as curiosidades da xornada. Tamén se establecerán conexións en directo coa redacción de informativos, para recoller a última hora deste 22 de decembro.

A Radio Galega e a web da CRTVG levarán a cabo tamén unha cobertura especial do sorteo de Nadal durante toda a mañá. O ‘Especial lotaría’ da RG estenderase das  08:55 h ás 14:00 h. Conducido por Kiko Novoa e Cristina García, contará coa participación especial do humorista Marcos Pereiro e unha importante despregadura de reporteiros polo territorio galego para recoller os testemuños de posibles gañadores nas localidades agraciadas e contar o máis destacado da xornada. 

Xunto coa información dos premios, durante o ‘Especial lotaría’ a emisora pública sorteará 20 entradas para o espectáculo do Circo do Sol e tamén estancias para as cabanas Limbo de Malpica. 

Pola súa banda, os usuarios de Internet poderán consultar a información da xornada a través de crtvg.gal e tamén comprobar se os seus décimos foron premiados.
 

ler máis

Televisión de Galicia celebra o Nadal con espazos de entretemento para toda a familia

Alba Mancebo, presentadora de 'Soño contigo'

Santiago, 19.12.2023.-  Arranca esta semana a programación de Nadal da TVG: co lema ‘Fixémolo por ti’, a canle pública adapta a súa grella con espazos moi familiares e entretemento para todas as idades cos que quere agradecer a fidelidade da audiencia.

Este mércores 20 chega a pantalla o especial ‘A cea máis galega do mundo’, unha competición entre os produtos e pratos de Nadal que enchen as mesas de sabor nestes días. O venres 22, a canle pública galega retransmitirá o anual ‘Sorteo da Lotaría de Nadal’, cun programa presentado por Iria Soengas e Sevi Martínez, e unha ampla despregadura por toda Galicia na busca de posibles afortunados.

Chega o Nadal tamén ao concurso ‘Atrápame se podes’, que a partir do día 23 será protagonizado por ‘dúos imposibles’ con personaxes famosos enfrontados polos seus estilos, traballos ou idades. E haberá tamén ‘Atrápame se podes Kids’, en que os máis pequenos da casa terán a oportunidade de participar nun clásico da grella da TVG.

E ese mesmo sábado 23, pola noite, a Galega ofrecerá unha nova entrega do programa especial ‘A Liga das Familias Extraordinarias’, en que os artistas poderán subir ao escenario coas súas persoas máis achegadas.

Noiteboa e día de Nadal

O 24, a Noiteboa da Galega será a máis falcatrueira, con Roberto Vilar e a tropa do ‘Land Rober Tunai Show’ nunha edición especial. E o día de Nadal a programación encherase de propostas para unha xornada en familia. Pola tarde, emitirase o ‘Nadal Challenge’ entre casas de toda Galicia que competirán por conseguir ser a mellor iluminada das festas. A continuación, estrearase ‘A cabina dos desexos’, en que seis persoas recibirán unha sorpresa e cumprirán os soños que sempre quixeron realizar. E pola noite os seguidores da serie de éxito ‘Saudade de ti’ poderán gozar co especial ‘Que bonito é vivir en Abrente’, que lles permitirá ver como sería a vida nesta vila de ficción se o tráxico accidente en que morreron Olga e mais a súa irmá Uxía nunca tivese sucedido.

O 27 de decembro estrearase ‘Soño contigo’, unha serie de programas que reflicte  a paisaxe e aspectos estéticos de Galicia desde a óptica dun dron, Liciña. A primeira emisión do espazo, presentado pola xornalista Alba Mancebo, fará un percorrido pola iluminación de Nadal de cidades, vilas e aldeas galegas, e a segunda achegarase o día de Aninovo aos principais cabos de Galicia, amosándoos como nunca se viran.

O sábado 30 pola noite abrirá as súas portas ‘Sala G’, serie de tres programas especiais que desvelará os segredos das salas de festas dos anos 80. A TVG lembrará aqueles tempos con este concurso musical dedicado aos cantantes de orquestra, aos xurados e concursantes dos talent shows e aos programas da canle pública galega.

Gala de fin de ano e badaladas con X. R. Gayoso

Os espectadores da TVG están convidados a pasar a Noitevella na compaña de Xosé Ramón Gayoso na ‘Gala de Fin de Ano’ xunto ás Tanxugueiras, con Carlos Baute, Bustamante, Camela e Twin Melody entre os artistas convidados. Arredor da medianoite, o presentador trasladarase á praza do Obradoiro para retransmitir as badaladas, tarefa en que estará acompañado por Noelia Rey e Rocío Durán.

Primeiros días de 2024: ‘Os reis do mando’, música e cabalgata de Reis Magos

No primeiro día do ano, a TVG abrirá as portas dos salóns galegos para descubrir como diferentes familias e amigos comparten e gozan da televisión galega. O programa especial ‘Os reis do mando’ será testemuña das reacción reais, sen guión, divertidas, emotivas e sorprendentes que lles transmiten aos espectadores os momentos máis especiais da programación de 2023.

E o 3 de xaneiro será o momento de escoller ‘A mellor orquestra do ano’ cunha competición entre catro grandes e imprescindibles da verbena galega: Panorama, París de Noia, Los Satélites e El Combo Dominicano.

A programación de Nadal da TVG rematará na tarde do día 5 de xaneiro, como non podía ser doutro xeito, coa tradición de ofrecer en directo as cabalgatas de Reis desde as rúas galegas con conexións coas principais cidades e vilas para seguir os seus desfiles, cos que comeza a noite máis máxica do ano.

ler máis

Fin de semana de fútbol na CRTVG, co Cornellá-Lugo, Coruxo-Vilalbés, Pontevedra-Fabril e Arenteiro-Deportivo

Santiago, 15.12.2023.-  A CRTVG retransmite esta fin de semana fútbol correspondente á 1ª e 2ª RFEF, atletismo e baloncesto feminino. As emisións comezarán na G2 e a web o sábado ás 15:00 h, co U. E. Cornellá- C. D. Lugo da 1ª RFEF. Os galegos atópanse na parte alta da táboa, co que un triunfo impulsaríaos directamente a postos de cabeza, pero os cataláns tamén precisan a vitoria, pola súa proximidade á zona vermella. A CRTVG emitirá este encontro tanto na G2 coma na web. 

Ás 17:00 h, comezará, tamén en ambas canles, o partido no Vao entre o Coruxo F. C. e o Rácing Club Vilalbés, último encontro do ano e penúltimo da primeira volta da Segunda Federación. Os vigueses atesouran cinco vitorias nos últimos seis partidos e son décimos con 20 puntos, tres menos que os vilalbeses, en sétima posición. 

O domingo, as emisións dos medios públicos comezarán con atletismo. Entre as 10:55 h e as 12:00 h, G2 e web retransmitirán a Carreira Sin-Son 10k. Ás 12:30 h ofrecerán baloncesto feminino, co partido da Liga Endesa entre Barcelona CBS e Baxi Ferrol, encontro que se retransmitirá tamén na G2 e en crtvg.gal. 

A xornada continuará ás 17:00 h, co derbi galego entre Pontevedra C. F. e R. C. Deportivo Fabril no Estadio Municipal de Pasarón. Trátase dunha confrontación con moita historia. Os granates enfrontáronse aos coruñeses ata en 48 ocasións, entre encontros de Liga e Copa do Rei. E, a pesar disto, non coincidían nun partido oficial desde a temporada 18-19, en que se atopaban na Segunda B. Para saber que sucede nesta ocasión haberá que seguir o partido pola  G2 ou a web da CRTVG.

A fin de semana deportiva dos medios públicos rematará ás 19:00 h. O campo do Espiñedo, no Carballiño, acolle o C. D. Arenteiro-R. C. Deportivo, do Grupo I da Primeira Federación. Atópanse, respectivamente, nos postos 9 e 10 da táboa clasificatoria, empatados a puntos, de aí a transcendencia do encontro. 

E, coma cada fin de semana, os programas ‘A xornada en xogo’ (23:00 h) e ‘En xogo’ (22:30 h) ofrecerán un resumo de mellores momentos e anécdotas da fin de semana deportiva, o sábado e o domingo, respectivamente.
 

ler máis
— 20 Resultados por páxina
Mostrando o intervalo 21 - 40 de 45 resultados.

div-crtvg-right1

Publicidade

div-crtvg-right2

Publicidade

div-crtvg-right3

Publicidade

div-crtvg-top2

Publicidade