Os programas 'Fanáticos' e 'Pais en apuros' chegan este domingo á grella de verán da TVG - CRTVG
Os programas 'Fanáticos' e 'Pais en apuros' chegan este domingo á grella de verán da TVG
‘Fanáticos’, presentado polo influencer Juan Sieira, segue a pista de artistas festivaleiros, co cometido de entregarlles unha pandeireta moi especial
Presentado por María Mera, ‘Pais en apuros’ é un espazo didáctico e divertido que ofrecerá unha morea de consellos para a crianza dos fillos

Santiago, 28.6.2025.- Televisión de Galicia estrea este domingo 'Fanáticos' e 'Pais en apuros', as dúas primeiras novas propostas da grella de verán. ‘Fanáticos’ (23:40 h) é un espazo divertido e cheo de ritmo en que o influencer ribeirense Juan Sieira percorre os grandes festivais de verán en Galicia cunha misión moi clara: entregar a pandeireta oficial do programa a artistas de primeiro nivel. Pero achegarse a eles non sempre será doado…
Entre intentos, equívocos e encontros inesperados, Juan vivirá todo o ambiente e a emoción dos festivais, ao tempo que coñece a xente, comparte momentos co público e se deixa levar pola música.
Na súa primeira aventura, ‘Fanáticos’ viaxa ata o festival O Son do Camiño, onde o protagonista intentará atopar a Bad Gyal, unha das figuras máis destacadas da música urbana en España. Mentres investiga por onde pode andar a artista, falará coa xente, descubrirá a pegada que deixa entre os seus fans e deixará, como sempre, moitas risas polo camiño.
'Pais en apuros', consellos sobre a crianza
Amais, a Televisión de Galicia estrea este domingo ‘Pais en apuros’ (11:30 h), un programa de televisión que dá resposta a todas as dúbidas que teñen as nais e pais de Galicia. Con María Mera á cabeza desta familia, un equipo de expertos de diferentes eidos ofrecerá de xeito didáctico e divertido unha morea de consellos prácticos e solucións creativas para os problemas que se presentan acotío na crianza dos fillos.
Nesta primeira entrega, ‘Pais en apuros’ desmontará mitos relacionados coa actividade deportiva da cativada e repasará os numerosos beneficios que ten facer deporte e practicar danza desde que son pequenos.
