O Lugo-Zamora da Primeira RFEF e a final europea de balonmán Valur-Porriño protagonizan a tarde do sábado na G2 e en AGalega.gal - CRTVG
O Lugo-Zamora da Primeira RFEF e a final europea de balonmán Valur-Porriño protagonizan a tarde do sábado na G2 e en AGalega.gal
O domingo, segundo partido da fase de ascenso á ACB entre o Obradoiro e o Palencia

Santiago, 15.05.2025.- A fin de semana festiva das Letras Galegas é tamén decisiva para o deporte galego. A Televisión de Galicia, a través da segunda canle, e a plataforma AGalega.gal teñen programada unha ampla oferta que comeza o sábado ao mediodía no campo Julio Mato, onde o Noia e o Estradense abren a primeira eliminatoria polo ascenso á Segunda RFEF. O Noia converteuse na sorpresa da Terceira Federación ao entrar como quinto clasificado na última xornada, ao gañar en Betanzos e aproveitarse do empate entre os dous favoritos, Arousa e Alondras.
A tarde do sábado estará reservada na quenda das cinco para o desenlace da final da European Cup de balonmán feminino entre o Valur de Islandia e O Porriño. O empate a 29 goles da ida deixa aberta a competición, e malia ter o factor cancha en contra, as galegas aspiran a se converter en campioas continentais. A partir das sete, a atención estará posta na penúltima xornada da Primeira RFEF co enfrontamento no Anxo Carro entre o Club Deportivo Lugo e o Zamora. O empate en Tarragona foi insuficiente para que o cadro que agora dirixe Alex Ortiz escapase dos postos de descenso á Segunda RFEF. Para evitar a caída necesita sumar a vitoria, depender doutros resultados e seguramente gañar en Amorebieta o sábado 24.
Xa o domingo, a fase de ascenso á Segunda RFEF volverá ter presenza, desta volta no campo da Madalena a partir das doce do mediodía co derbi provincial entre o cuarto e o terceiro clasificados do campionato regular. O Rácing Vilalbés ten xa experiencia neste tipo de eventos, non así o rival que leva pouco tempo na categoría nacional. Pola tarde, ás seis e cuarto, o Multiúsos Fontes do Sar acollerá as cámaras da G2 para dar cobertura ao segundo partido dos cuartos de final polo ascenso á Liga ACB entre o Obradoiro de Santiago e o Palencia. De saída, a eliminatoria promete igualdade, entre o quinto e o sexto clasificados na fase regular.
Deportes nos telexornais
A primeira canle da Televisión de Galicia presta cada día atención ao deporte, con amplos espazos a continuación dos telexornais ‘Bos días’, ‘Telexornal mediodía’ e ‘Telexornal serán’. O sábado destacan as conexións en directo con Islandia, onde O Porriño disputa unha final histórica da European Cup de balonmán. O domingo o protagonismo durante toda a xornada estará en Balaídos, porque antes do Celta-Raio Vallecano os afeccionados organizarán unha multitudinaria festa nos arredores para celebrar o último partido como local na presente temporada.
‘En xogo’
Ao remate da xornada, contra as dez e vinte e cinco minutos, a noite do domingo na TVG2 é para o histórico programa ‘En xogo’, que continúa celebrando durante o 2025 os corenta anos en antena de xeito ininterrompido. Os espectadores terán amplos resumos dos partidos Celta-Raio Vallecano, Deportivo-Granada e Rácing de Ferrol-Cádiz, xunto a todos os goles das ligas profesionais e da Federación.