O Deportivo-Elxe pecha a Liga de Segunda División no ‘Galicia en goles’ do domingo - CRTVG
O Deportivo-Elxe pecha a Liga de Segunda División no ‘Galicia en goles’ do domingo
Rácing de Ferrol-Sporting de Xixón, partido destacado o sábado

Santiago, 30.05.2025.- Esta fin de semana remata a Liga de Segunda División no fútbol español e tamén a competición ACB de baloncesto na fase regular. O venres, desde as oito e media do serán, o ‘Galicia en goles’ contará o Valencia-Breogán e resumirá cos protagonistas o partido adiantado á tarde entre o Basquet Coruña e o Baskonia. A Gala da Federación Galega de Atletismo e a última hora do fútbol galego completarán a oferta do día.
O sábado, desde as dúas e media da tarde, a atención estará posta no fútbol profesional. O Rácing de Ferrol pecha a temporada na categoría de prata recibindo o Sporting de Xixón, que desde a semana pasada xa ten garantida a permanencia. Vai ser a despedida do equipo departamental do fútbol profesional e tamén do preparador Alejandro Menéndez, que reemprazou sen éxito a Cristóbal Parralo no obxectivo de evitar a caída á Primeira RFEF. Durante a tarde, o programa atenderá tamén á final da Copa Deputación de Ourense entre O Barco e o Velle, ademais de dar cobertura ao fútbol de ascenso co enfrontamento na Lomba de Vilagarcía entre a Céltica e o Lalín. Pola noite, adestradores e xornalistas debaterán sobre a final da Champions League entre o Inter de Milán e o París Saint-Germain.
Xa o domingo, a edición matinal comeza ás doce menos cuarto do mediodía co Liceo-Reus da semifinal de hóckey a patíns, xunto ao torneo de categoría base de balonmán en Bueu, o ciclismo de montaña no Páramo e o campionato galego de augas abertas en Arzúa. Desde as dúas e media da tarde, o interese pasará polo Deportivo-Elche, no que o cadro visitante pode lograr o ascenso matemático á Primeira División. O fútbol máis modesto estará presente desde A Ribela co Sarriana-Estradense, na apertura da final de ascenso á Segunda RFEF. A partir das dez da noite, os especialistas de ‘Ao Contraataque’ pasarán consulta para debater sobre os resultados dos nosos equipos e a actualidade do fútbol galego.
Audios nos operadores televisivos
Esta fin de semana, os afeccionados que teñan previsto seguir por televisión os partidos Rácing de Ferrol-Sporting de Xixón e Deportivo-Elxe poderán escoller nas opcións de audio a emisión da Radio Galega coas narracións íntegras.
#GaliciaEnXogo
O sábado, ás once da noite, o proxecto que leva o cancelo de #GaliciaEnXogo actualizará os datos do mundo do motor e a partir das once e media tomará o mando a información olímpica, con atención aos deportistas galegos que xa están preparando os Xogos dos Ánxeles 2028.