div-crtvg-top1

Publicidade

Menu Display

Logo de CRTVG

Camiño de navegación

Fin de semana das Letras na CRTVG, con música, cine e homenaxe ás cantareiras na súa programación

A premiada longametraxe 'O corpo aberto', participada pola TVG, estréase o sábado 17 no ‘prime time’ da canle pública

A programación especial inclúe a emisión do ‘Concerto das Letras’ do Consello da Cultura Galega, o especial 'Zigzag', a ‘Gala DígochoEu’ de vídeos escolares e o documental ‘As cantoras da montaña luguesa’ 

A Radio Galega modifica os seus contidos e emite en directo os actos institucionais desde o ‘Galicia por Diante’

As plataformas dixitais AGalega.gal e AGalegaAudio.gal recollen todos os contidos especiais 
 

crtvg.gal 16/05/2025 11:30

Santiago, 16.05.2025.-   A CRTVG conmemora o Día das Letras Galegas cunha fin de semana chea de contidos especiais nas súas canles de televisión, radio e plataformas dixitais. Os medios públicos propoñen unha programación que mestura o seguimento informativo dos actos conmemorativos con homenaxes e espazos dedicados á tradición oral, á música popular galega e á creación audiovisual.

O propio Día das Letras, a TVG inicia a festividade coa emisión de ‘As cantoras da montaña luguesa’, documental que recolle as singularidades dos cantos tradicionais das mulleres das serras dos Ancares e O Courel. Esta xornada emitirase a Gala de entrega dos Premios Escolares DígochoEu 2025, celebrada esta semana na Cidade da Cultura. E pola tarde, a canle ofrecerá unha edición especial do ‘ZigZag das Letras’, cun percorrido pola vida e obra das homenaxeadas e a súa pegada no presente.

O prime time do sábado estará reservado á estrea da longametraxe galega ‘O corpo aberto’, coproducida pola TVG e cinta triunfadora nos Premios Mestre Mateo 2023. Amais, a G2, o mesmo sábado 17, emitirá na faixa nocturna a película ‘Eroski Paraíso’.

Tamén a Radio Galega se suma á celebración cunha cobertura informativa especial. O ‘Galicia por diante’, en colaboración co ‘Diario cultural’, ofrecerá programación en directo adaptada para seguir os actos institucionais da xornada, como o pleno extraordinario da Real Academia Galega ou o acto oficial da Xunta. Ao longo do día, haberá entrevistas e espazos dedicados á poesía oral e ás protagonistas do 17 de maio, ademais dun ‘Diario cultural especial’ en horario de tarde.

Concerto das Letras do Consello da Cultura Galega

A programación especial inclúe a emisión do ‘Concerto das Letras’ do Consello da Cultura Galega. A G2 vai emitilo o propio día 17, no prime time, e tamén quedará dispoñible na plataforma AGalega.gal. O concerto estará a cargo de Do Bertau, unha formación efémera coordinada por Richi Casás e creada expresamente para esta ocasión. 

O domingo, estrea de ‘Pandeireta Tok’

O domingo, a programación especial das Letras comeza a media mañá coa estrea de ‘Pandeireta Tok’, un formato novo que achega a música tradicional á mocidade. Ao longo da tarde, poderá verse de novo ‘O asombroso caso de... As Tanxugueiras’ e a programación especial pecharase na medianoite co documental producido pola Real Academia Galega ‘Se canto é porque quero’, que tece a través de tres capítulos un mosaico de testemuños e olladas que retratan o mundo das cantareiras e da poesía popular oral.  

As plataformas AGalega.gal e AGalegaAudio.gal achegarán unha canle temática con contidos especiais, desde documentais como ‘Dorothé na vila’ ata espazos como ‘Non canto por cantare’ ou os capítulos de ‘Alalá’ dedicados ás cantareiras. A plataforma de audio recollerá entrevistas, reportaxes e materiais do Arquivo Sonoro. 

Para multiplicar a difusión, as canles dixitais e as redes sociais da CRTVG tamén darán eco á programación e á actualidade. E a efeméride será, como cada ano, protagonista a nivel institucional dunha das #AcciónsG anuais dentro da Responsabilidade Social Corporativa da CRTVG.
 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
CRTVG VIVA

div-crtvg-top2

Publicidade