div-crtvg-top1

Publicidade

Menu Display

Logo de CRTVG

Camiño de navegación

A Semana das Letras Galegas chega cargada de estreas exclusivas en AGalega.gal

Nova canle temática e carrusel especial arredor das Letras Galegas 2025

A música, o cinema e o documental son protagonistas dunha semana de gran contido cultural

‘O corno’, gañadora da Cuncha de Ouro, encabeza a programación de cine
 

crtvg.gal 12/05/2025 13:19

Santiago, 12.05.2025.– A plataforma dixital AGalega.gal celebra as Letras Galegas 2025 coa estrea de contidos que poñen en valor a lingua, a identidade e a creatividade galega. Nesta semana especial, a oferta inclúe cinema premiado, concertos, documentais, series completas e espazos dedicados á cultura popular.

O mércores 14 chega unha das grandes novidades da semana: a serie documental ‘Non canto por cantare’, coas homenaxeadas nas Letras Galegas 2025 como protagonistas. A través delas técese unha historia sobre a transmisión e un relato colectivo sobre os sons tradicionais. ‘Non canto por cantare’ celebra o rexurdir da música popular nos torreiros do século XXI, conectando o pasado co presente. AGalega.gal oferta tamén o luns 12 o documental ‘A muller do eternauta’, que relata a vida e loita de Elsa Sánchez, viúva do escritor arxentino Héctor G. Oesterheld, desaparecido pola ditadura xunto coas súas fillas. Un testemuño de dor e esperanza, convertido nun símbolo da resistencia pacífica.

Os usuarios da plataforma AGalega.gal poderán gozar o xoves 15 da estrea de ‘EntreTerras’, o novo espectáculo de SonDeSeu, a única orquestra folk sinfónica do país. Nesta proposta vibrante e chea de luz, a música tradicional galega dialoga con outras sonoridades da península, celebrando a irmandade cultural ibérica.

A canle temática dedicada ás Letras Galegas, dispoñible durante un mes incluirá un carrusel especial con contidos como o documental ‘Pandeireitatok’, as series documentais ‘Se canto é porque quero’ e ‘Non canto por cantare’, o documental ‘Dorothè na vila’, o especial das Letras do Zigzag e o ‘Concerto das Letras’ do Consello da Cultura Galega. Estrearase tamén o programa dixital ‘Bótalle azucre’, e poranse a disposición todos os máis de 200 capítulos de ‘Alalá’, xunto coa Gala dos premios #DígochoEu 2025.

Cine e outros contidos

Desde o sábado 10 está tamén dispoñible a longametraxe ‘O corno’, a primeira película en galego que conseguiu a Cuncha de Ouro no Festival de San Sebastián. Dirixida por Jaione Camborda e participada pola TVG, está ambientada na Illa de Arousa dos anos 70. Narra a historia de María, unha mariscadora que tamén axuda nos partos con métodos tradicionais. Un suceso inesperado obrígaa a fuxir e atravesar a fronteira con Portugal por unha das rutas do contrabando. Estará dispoñible durante 30 días. Incorporouse tamén á plataforma a comedia francesa ‘Vacacións en África’, onde un grupo de celebridades viaxa a un recuncho remoto do continente como parte dun especial televisivo de Nadal. 

Outra estrea desta semana é a nova entrega de ‘Galician Friki’, programa centrado no fenómeno do cosplay e o K-pop, que nesta entrega se achega á creación de videoxogos, asiste á Lérez Up en Pontevedra e conta co creador de contidos Wismichu. E o primeiro episodio do docushow ‘Desafíos criminais’, que reconstrúe o secuestro do empresario Abel Diéguez en 2014, chega tamén a AGalega.gal

Por último, a serie ‘Punto Nemo’ chega ao seu desenlace coa estrea do último episodio. Todos os capítulos estarán dispoñibles durante 15 días. Ademais, lanzarase un novo capítulo do videopodcast ‘Satélite Xabarín’.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
CRTVG VIVA

div-crtvg-top2

Publicidade