div-crtvg-top1

Publicidade

Menu Display

Logo de CRTVG

Camiño de navegación

A 'Sala G' da TVG enfronta esta semana a Julio Iglesias contra Todos

A música do artista, que acaba de mercar casa en Galicia, enfrontarase a toda unha xeración disposta a demostrar que a verbena é tan inmortal como os seus boleros

crtvg.gal 28/06/2025 00:01

Santiago, 28.6.2025.-    Este sábado, a TVG vístese de gala para vivir unha noite histórica: Julio Iglesias volve a Galicia, e esta vez de forma literal. O mito do pop romántico acaba de mercar unha impresionante casa na aldea de Villarino, no concello ourensán de Piñor, transformándose no novo veciño máis ilustre da comarca. Unha mansión con lago, piscina e xardín de estilo inglés onde Julio planea pasar longas tempadas para reencontrarse coas súas raíces galegas.

Para celebralo, ‘Sala G’ (21:55 h), o gran show musical da TVG, réndelle homenaxe esta noite á súa traxectoria cunha nova entrega titulada ‘Julio Iglesias contra Todos’ e pono a competir cun equipo de artistas galegos dispostos a dar guerra. Dirixe e presenta Arturo Fernández, coa retranca marca da casa, o árbitro Fran Nogueira repartirá tarxetas sen miramentos e DJ Rokiño manterá o público bailando ata o último minuto.

Para defender a honra do novo veciño galego, no equipo de Julio Iglesias estará Luís Iglesia, que co seu estilo manterá viva a esencia do cantante; Manu Tenorio, a voz flamenca que fará soñar a toda Galicia; Ángel Sevilla, mestre en provocar risas e aplausos; Raúl Romero, que retará o seu irmán César; Dani Gigirey, a nova promesa da verbena galega, e Moncho Lemos, o cronista sentimental, garante de que non escape nin un dato de Julio.

No equipo de Todos, atreveranse a retar a Julio Iglesias Andrade, o estratega experto en armar emboscadas musicais; a voz volcánica de Awa Fami; Laura Añón, a diva da bachata galega; Xurxo Fernandes, que achega a tradición galega renovada, César Romero, co seu repertorio de boleros; G Face e o seu ritmo urbano con identidade galega; Pan Sen Fron, cuxos coros farán vibrar a ‘Sala G’, e Capitán Sabrosura.

Así pois, a ‘Sala G’ converterase esta semana nun ring de cancións, lembranzas e novos himnos. Soarán clásicos inmortais, boleros para murmurar e bachatóns para bailar agarrados: ‘Me va, me va’, ‘Un canto a Galicia’, ‘Soy un truhán, soy un señor’... fronte a éxitos actuais, verbena galega, fusión urbana e moito vacile. Non faltarán retos insólitos, coreografías improvisadas e confesións que ninguén esperaba. Cada equipo pelexará polo aplauso do público, cuxo voto que decidirá quen domina o escenario e quen terá que recoller o confetti do chan.
 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
CRTVG VIVA

div-crtvg-top2

Publicidade