A Radio Galega desprega este domingo en Balaídos un amplo equipo para a retransmisión do partido Celta-Raio Vallecano - CRTVG
A Radio Galega desprega este domingo en Balaídos un amplo equipo para a retransmisión do partido Celta-Raio Vallecano
O sábado destaca en Riazor o Deportivo-Granada

Santiago, 16.05.2025.- A temporada está chegando á súa fin e a Radio Galega presta unha especial atención aos encontros máis importantes do calendario. As retransmisións da xornada comezan na tarde do venres, ás oito e media da tarde, co Obradoiro-Palencia que abre os cuartos de final polo ascenso á Liga ACB de baloncesto. A eliminatoria é ao mellor de cinco, cos dous primeiros na capital de Galicia.
O sábado festivo, desde as dúas e vinte, o ‘Galicia en goles’ atenderá primeiro as conferencias de prensa de Claudio Giráldez e Alejandro Menéndez na previa dos enfrontamentos Celta-Raio Vallecano e Rácing de Ferrol-Cádiz. A partir das tres, Xoán Galán conducirá o Deportivo-Granada programado no estadio de Riazor, onde vai debutar Pacheta ao fronte do equipo andaluz tras a destitución do preparador Fran Escribá. Despois do fútbol da Segunda División profesional chegará a penúltima quenda da Primeira RFEF, con horario unificado dada a importancia dos puntos en xogo. O Lugo xoga boa parte das opcións de permanencia no Anxo Carro ante o Zamora, que aínda pode aspirar á quinta praza para xogar a fase de ascenso. Mentres, o Arenteiro recibe o filial da Real Sociedad co obxectivo de asegurar os puntos que certifiquen a continuidade na categoría. Ao seu favor pode xogar o feito de que o rival xa está preparando o play-off con destino á Segunda División. Para o Celta Fortuna e o Ourense C. F. os compromisos semellan ser intranscendentes, xa que alcanzaron a cifra de 50 puntos e teñen garantida a permanencia, polo que os seareiros poderán ver encontros tranquilos nos enfrontamentos ante Athlétic de Bilbao B e Amorebieta, respectivamente. O baloncesto ACB completará a oferta da tarde, coa visita do Breogán a Granada e o Basquet Coruña-Andorra no Coliseum.
Xa o domingo, a edición matinal chegará aos oíntes desde o estudio móbil que Roberto Carlos Carballo instalará na festa dos afeccionados do Celta, horas antes do partido máis importante da temporada, o último no que actuará como local. Os de Claudio Giráldez certificarán a entrada nas competicións europeas, xa na penúltima xornada, sempre e cando puntúen ante o Raio Vallecano. Durante a mañá, a partir das doce menos cuarto, o programa tamén estará pendente do Vilalbés-Sarriana da fase de ascenso á Segunda RFEF, xunto ao Madrid C. F.-Deportivo que pecha a Primeira División feminina e o Deportivo-Tenerife da Copa de Campións xuvenil. A partir das dúas menos cuarto chegará o Rácing de Ferrol-Cádiz, da Segunda División, e ao remate volverá estar presente a festa de Vigo antes da retransmisión do encontro, programado para as sete da tarde dentro do horario unificado decretado pola Liga e pola Federación. No caso de que o Celta consiga o obxectivo europeo, a Radio Galega manterá unha programación especial ata as doce da noite, para contar as celebracións do equipo e dos seareiros.
Durante a tarde, o ‘Galicia en goles’ tamén informará do Obradoiro-Palencia, correspondente á segunda quenda dos cuartos de final polo ascenso á Liga ACB.
As retransmisións da Radio Galega, nas televisións
Os espectadores poden combinar a imaxe televisiva coa emisión da Radio Galega nas opcións de audio do seu operador durante a retransmisión dos seguintes partidos: Deportivo-Granada, Rácing de Ferrol-Cádiz e Basquet Coruña-Andorra.
#GaliciaEnXogo
Este sábado festivo o proxecto que leva o cancelo de GaliciaEnXogo continúa fiel á audiencia. Ás once da noite, Rodrigo Pérez emitirá o mellor do Rally da Mariña desenvolvido a pasada semana, coas entrevistas aos principais pilotos. A partir das once e media, Toni López achegará unha nova entrega sobre os deportistas galegos que preparan os Xogos dos Ánxeles 2028.