A final galega de ascenso entre a Sarriana e o Estradense protagoniza a tarde do domingo na G2 - CRTVG
A final galega de ascenso entre a Sarriana e o Estradense protagoniza a tarde do domingo na G2
Pola mañá dispútase o Liceo-Reus a través de AGalega.gal

Santiago, 30.05.2025.- As retransmisións deportivas continúan na grella da segunda canle da Televisión de Galicia e na plataforma AGalega.gal. O sábado, desde as sete da tarde, e o domingo, a partir das dez da mañá, o fútbol base é o protagonista desde o campo de fútbol da Senra, en Ribadumia, coa disputa da fase final da Arousa F7 Cup da categoría alevín. A organización reuniu nesta vixésimo oitava edición vinte equipos que representan as mellores canteiras de Galicia, o resto de España e Europa.
O domingo, só a través da plataforma AGalega.gal, chegará o segundo partido da semifinal polo título da Liga de hóckey sobre patíns entre o Liceo da Coruña e o Reus Deportivo, desde o palacio dos deportes de Riazor a partir das doce e media do mediodía. O cadro que prepara Juan Copa sufriu para pasar dos cuartos de final, xa que necesitou do desempate ante a súa afección tras comezar a serie perdendo logo dunha prórroga. Na sobremesa, os afeccionados ao deporte gozarán do Gran Premio de Alemaña de MXGP, coa primeira manga programada para as dúas da tarde e a segunda a partir das cinco.
O fútbol regresará á grella na tarde do domingo co comezo da final galega da fase de ascenso á Segunda RFEF. O campo da Ribela acolle a cita da ida, entre a Sarriana e o Estradense. O equipo lugués sufriu para eliminar no derbi provincial ao Vilalbés, mentres o Estradense pasou menos apuros para dobregar ao Noia.
Último ‘En Xogo’ da temporada
Este domingo, primeiro de xuño, o equipo de Deportes da Televisión de Galicia ofrecerá a última edición da temporada do programa ‘En Xogo’. A partir das dez e vinte e cinco minutos da noite, os espectadores poderán ver o resume máis completo do encontro da Segunda División entre o Deportivo da Coruña e o Elxe, no que está en xogo o ascenso para o equipo ilicitano. Todo apunta a que será a despedida de Óscar Gilsánz como preparador herculino, que abandonou o filial en plena competición para reemprazar a Imanol Idiakez. Outra das citas destacadas é o adeus do Rácing de Ferrol á Segunda División recibindo na Malata o veciño Sporting de Xixón. Durante a noite, o ‘En Xogo’ analizará o resto da xornada na Segunda División, xunto ao resumo da final de ascenso á Segunda RFEF entre a Sarriana e o Estradense.
Deportes nos Telexornais
Os informativos ‘Bos Días’, ‘Telexornal Mediodía’ e ‘Telexornal Serán’ dedican amplos espazos á actualidade deportiva. Ademais do fútbol, os afeccionados ao deporte coñecerán todo o que suceda na Liga ACB de baloncesto, coa disputa da última xornada na que o Breogán visita o Valencia e o Basquet Coruña se despide da categoría ante o Baskonia. Outra competición que remata é a Liga Asobal de balonmán, na que o Cangas visita o Anaitasuna de Pamplona.