A CRTVG abre o prazo de presentación de propostas do concurso 'A canción do verán 2025' - CRTVG
A CRTVG abre o prazo de presentación de propostas do concurso 'A canción do verán 2025'
Premiarase con 1.500 euros o mellor tema inédito, orixinal e en galego que será difundido na TVG e a Radio Galega
As bases están dispoñibles en crtvg.gal e as propostas poden presentarse ata o vindeiro 8 de xuño
Con este certame os medios públicos queren apoiar a música en galego e descubrir novos talentos

Santiago, 12.05.2025.- A CRTVG anda á procura da melodía deste verán coa novena convocatoria do certame ‘Canción do verán’, que ten como obxectivo apoiar a música en galego e descubrir novos talentos. O premio, 1.500 euros e a difusión do tema nas canles da TVG e a Radio Galega, será para un tema inédito e orixinal escrito e cantado en lingua galega.
No proceso de selección o xurado valorará a orixinalidade, a calidade técnica e o acompañamento dun vídeo musical. O veredicto coñecerase o 12 de xuño. As bases do certame poden consultarse na web da Corporación (https://www.crtvg.gal/w/bases-concurso-canción-do-verán-2025-).
Os intérpretes e grupos interesados en participar teñen ata o 8 de xuño para enviar as propostas, que non deberán exceder dos 2 minutos de duración e que poderán ir acompañadas dun vídeo musical. As cancións deberán enviarse en formato mp3 a canciondoveran2025@crtvg.gal, nun correo cos datos dos participantes e remitilas en formato mp4, no caso de presentar un vídeo.
A canción gañadora desta edición sucederá a ‘Vaivén’, o tema elixido a edición pasada, do artista de Tomiño Gface.