‘Galicia en goles’ remata a temporada coas últimas finais de fútbol e o deporte de verán - CRTVG
‘Galicia en goles’ remata a temporada coas últimas finais de fútbol e o deporte de verán
A Radio Galega dedica esta fin de semana 25 horas ás retransmisións deportivas

Santiago, 26.6.2025.- O equipo deportivo da Radio Galega pecha esta fin de semana a temporada regular. O venres, ás oito e media do serán, Roberto Carlos Carballo conduce a primeira edición de ‘Galicia en goles’, co repaso a toda a actualidade dos nosos deportivas e a última hora do mercado de fichaxes no fútbol galego.
O sábado, desde as dúas e vinte, os árbitros terán protagonismo porque por unha vez no ano vístense de curto para xogar ao fútbol e non para impartir xustiza. O trofeo Silbato é xa un clásico cando comeza o verán, e os campos da Torre na Coruña acolleran a celebración dunha morea de encontros con equipos chegados desde distintos puntos da xeografía española. Na Cheda, mentres, o portelo dixital FutbolInLugo organiza a quinta edición, que reúne os mellores xogadores e as mellores xogadoras da provincia. O fútbol base estará presente no campo de Navia coa Vigo Cup e en Chapela-Redondela a Liga de traiñeiras celebra a primeira bandeira da temporada. A Copa de España de pump truk en Mondariz e os primeiros cruzamentos dos oitavos de final do Mundial de clubs completan a axenda da xornada.
Xa o domingo, ás doce menos cuarto, a edición matinal xirará arredor das finais da Copa Deputación da Coruña, na localidade de Mera, no concello de Oleiros. Victoria B da Coruña e Concello de Boiro xogarán polo título feminino e a continuación comezará a loita polo título masculino entre o Montañeiros da Coruña e o Negreira. A xornada final do Mundial Multideporte en Pontevedra, a Galicia Cup de fútbol base no Porriño e o Mundial de pitch & putt en Oroso, preto de Santiago de Compostela, serán outros asuntos de interese. A partir das dúas e media volverá tomar o mando o fútbol, primeiro co torneo feminino polos 50 anos do Taragoña e a xornada de oitavos de final no Mundial de Clubs. Ademais, o balonmán praia tan do verán contará con presenza no punto de directo de Bueu, onde se disputa unha das xornadas da Xira Galega.
Ao remate da xornada, contra as dez da noite, Toni López capitaneará o faladoiro dos especialistas de ‘Ao contraataque’ para debater sobre a actualidade do fútbol galego, cos primeiros movementos no mercado de cara á próxima temporada.
#GaliciaEnXogo
O sábado, de once a doce da noite, o proxecto que leva o cancelo de #GaliciaEnXogo estará na antena da Radio Galega con dous espazos especializados. O primeiro, dedicado ao mundo do motor unha semana despois da disputa do Rally de Ourense e a sete días da celebración doutra proba puntuable para o campionato de España, o Rías Baixas. Ás once e media, a sección olímpica continuará presentando os deportistas da nosa comunidade que planifican a preparación para acudir aos Xogos dos Ánxeles no ano 2028.