div-crtvg-top1

Publicidade

Menú de navegación

Logo de CRTVG

Ruta de navegación

Xabarin.gal amplía a súa oferta para un Nadal cheo de aventuras e divertimento infantil

Personaxes como Shin Chan, Doraemon, Os Bolechas, Betty Atómica, Bibopalula ou os pingüíns de ‘Happy Feet’ serán os encargados de encher de maxia e entretemento estas festas

O día de Noiteboa estréase ‘A LEGO película’, coas aventuras da figuriña de Lego Emmet

Xabarín.gal é a maior oferta audiovisual en galego para a cativada da historia da televisión en Galicia, con 4.500 contidos dispoñibles

crtvg.gal 20/12/2024 11:32

Santiago, 20.12.2024.-   A plataforma infantil da CRTVG Xabarín.gal amplía este Nadal a súa oferta audiovisual coa incorporación de máis contidos, entre eles 20 novos episodios de ‘Bibopalula’, a primeira serie musical de animación en galego, coproducida pola CRTVG con Undodez e dirixida a nenos de ata 4 anos, que Xabarín.gal estreou en exclusiva este mes.

O luns, 23 de decembro, Xabarín.gal estreará unha sección especial de Nadal, amais dun especial protagonizado por Betty Atómica. O día de Noiteboa a cativada poderá gozar de ‘A LEGO película’, unha aventura chea de humor e acción que conta a historia de Emmet, unha figuriña de Lego destinada a salvar o mundo.

Xabarín.gal despide o ano coa estrea de 30 capítulos da serie familiar ‘Chupóns’ (27 de decembro), unha banda de amigos cuxas personalidades chocan constantemente; e coa película ‘Happy Feet: Na gran colonia dos pingüíns emperador’ (31 de decembro), onde o pingüín bailarín Mumble trasladará os espectadores ata a Antártida. Complétanse as estreas infantís de Nadal co lanzamento da serie clásica ‘Marco’ (3 de xaneiro) e a película ‘Cegoñas’ (6 de xaneiro).

A plataforma dispón tamén de tres longametraxes recentemente estreadas: ‘3 minutos para salvar ao mundo’ e ‘Mil e unha aventuras’, coas peripecias de Shin Chan e Doraemon como protagonistas, respectivamente, ou a serie ‘Os Bolechas. Orquestra de Nadal’, cos seus personaxes rodeados de música, ledicia, ritmos e instrumentos musicais.

Xabarín.gal é a maior oferta audiovisual en galego para a cativada da historia da televisión en Galicia, con 4.500 contidos dispoñibles. Nunca antes houbera un lugar onde os pícaros tiveran un lugar de seu á carta onde gozar de contidos exclusivos e categorizados por idades. O mellor xeito para desfrutar de Xabarín.gal é rexistrándose gratuitamente na plataforma. Está tamén dispoñible para descargar en versión iOS e Android.

Ademais, e no marco das súas #AcciónsG de Responsabilidade Social Corporativa, a CRTVG está levando a cabo neste mes de decembro unha campaña de presentación dos seus contidos infantís en galego á comunidade educativa. Esta iniciativa, en colaboración coa Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude, está dando a coñecer a plataforma en centros de Educación Infantil e de Primaria das principais cidades de Galicia co obxecto de incrementar o emprego do galego entre os máis cativos.

Esta acción divulgativa terá continuidade no 2025, ano en que os medios públicos galegos celebrarán o seu 40º aniversario, cun plan de actividades para achegarlle á cidadanía os contidos e canles da Corporación.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
CRTVG VIVA

div-crtvg-top2

Publicidade