Código de autorregulación sobre contidos televisivos e infancia - CRTVG
Código de autorregulación sobre contidos televisivos e infancia
Preámbulo
A autorregulación en materia de programación televisiva é unha esixencia que se vén reiterando desde hai tempo polas institucións comunitarias. Xa se recolleu na Resolución do Parlamento Europeo, do 24 de outubro de 1997, sobre o Libro Verde relativo á protección dos menores e da dignidade humana nos novos servizos audiovisuais e de información. E vaise expresando cada vez con maior contundencia. Así, por exemplo, o 19 de setembro do 2000, o propio Parlamento Europeo declarou "urxente que todos os operadores televisivos europeos establezan un código de autorregulación en materia de protección de menores que conteña mecanismos de control social e cláusulas severas de sanción en caso de incumprimento" (Informe sobre a comunicación da Comisión: "Estudo sobre o control exercido polos pais sobre os programas de televisión").
O contido dun código de autorregulación debe ser aceptable por todas as televisións que o asinan, á hora de establecer os principios que se deben respectar ao programar contidos televisivos. A adopción dun código común non impide que cada operador manteña a súa propia liña editorial ou normas deontolóxicas internas, ou que, incluso, desenvolva os principios do código establecendo esixencias maiores. Fíxanse unhas guías ou principios inspirados, fundamentalmente, en normas que xa se atopan en vigor, pero de maneira dispersa, en multitude de regulacións diversas: sobre protección da infancia e da mocidade, sobre protección da saúde e do dereito ao honor, sobre publicidade, etc.
Os principios básicos deste código fundaméntanse na propia Constitución española, en particular no seu artigo 39.4 polo que se establece unha protección específica para os dereitos da infancia, que se consolida coa ratificación por parte de España, en novembro de 1990, do Convenio da Organización das Nacións Unidas do 20 de novembro de 1989 sobre os dereitos do neno. O presente código elaborouse coa intención de facer compatibles entre si valores que informan o actual Estado social e democrático de dereito: a liberdade de expresión con respecto aos dereitos da personalidade; interdición da violencia; a discriminación e a intolerancia, e a protección da infancia e da mocidade.
O código establece unha serie de principios xerais para mellorar a eficacia, dentro da franxa horaria comprendida entre as seis e as vinte e dúas horas, da protección legal dos menores respecto da programación televisiva que se emita no devandito horario.
Así mesmo e sendo as televisións asinantes conscientes de que, dentro do concepto de menores utilizado pola lexislación vixente, é conveniente diferenciar entre o público infantil e o xuvenil, o presente código contempla unhas determinadas franxas de protección reforzada para o público infantil, entendendo por tal os menores de trece anos. Nestas franxas, as televisións asinantes evitarán a emisión de contidos inadecuados para eses menores, incrementando, á súa vez, a sinalización daqueles para facilitar o control dos pais.
As televisións adheridas a este código consideran que o sistema de autorregulación levado a cabo no ámbito da publicidade na televisión, mediante a sinatura do Convenio de data do 13 de xuño do 2002, citado no apartado I.3, é idóneo e mostrouse eficaz para conseguir a aplicación correcta e o cumprimento do disposto na Lei de Televisión sen Fronteiras, respecto á protección da infancia e da mocidade en relación coa publicidade en televisión.
As cadeas asinantes teñen o convencemento de que os pais ou titores e os menores que saiban utilizar os medios audiovisuais contando co apoio de sistemas eficaces de autorregulación e clasificación de contidos, estarán mellor preparados para facer un bo uso da programación televisiva.
En todo caso, hai que remarcar que a mellor protección á infancia e á mocidade esixe un comportamento activo dos pais e educadores, aos que de forma máis directa lles atinxe a responsabilidade da educación dos nenos e dos mozos.
Neste sentido, os operadores adheridos a este código tan só se poden comprometer a demandar o correcto exercicio de tal responsabilidade, sen prexuízo da necesaria colaboración que un medio de comunicación tan influínte coma a televisión lles debe prestar aos pais e educadores. Esta colaboración diríxese á preservación de determinados contidos nas franxas horarias protexidas e, sobre todo, nun esforzo de mellora e incremento do sistema vixente de cualificación e sinalización da programación, como mellor modo de dotar os pais ou titores dunha ferramenta eficaz para que poidan exercer a súa responsabilidade de controlar os contidos televisivos seguidos polos menores ao seu cargo.
O presente código parte da consideración básica de que a clasificación do contido audiovisual desempeña un papel relevante na protección televisiva dos menores. Non debemos esquecer que estes acceden, cada vez máis, a contidos idénticos ou similares a través de diversos medios audiovisuais, tales como o cinema, vídeo, videoxogos e Internet. Por iso, é desexable que os sistemas de clasificación de contidos por idades sexan máis homoxéneos e coherentes entre si. Os criterios de clasificación que se recollen no anexo do código establecéronse coa referencia das cualificacións por idades outorgadas polo Instituto das Ciencias e Artes Audiovisuais (ICAA) ás películas cinematográficas, en especial ás cualificadas como non recomendadas para menores de trece anos.
Os criterios orientadores para a clasificación dos contidos televisivos buscan axeitarse á actual
realidade social española.
As televisións asinantes coñecen a especial incidencia do público infantil durante as vacacións escolares e deixan constancia expresa da súa intención de mostrar unha especial sensibilidade
cara á ese feito á hora de elaborar a programación televisiva. As cadeas de televisión que subscriben este código teñen unha vontade clara e inequívoca de lle conferir credibilidade e de lle outorgar confianza pública. Por iso, deseñáronse dous órganos que garantan o seu respecto e cumprimento. Un primeiro nivel ou instancia estará constituída por un Comité de Autorregulación, que resolverá as dúbidas que xurdan e tramitará as queixas e reclamacións que se presenten sobre a aplicación do código. Ademais, instáurase unha Comisión Mixta de Seguimento que actuará como segunda instancia nos casos nos cales os ditames do Comité de Autorregulación non foran atendidos.
I. Acordos, códigos ou protocolos precedentes
1. Convenio sobre principios para a autorregulación das cadeas de televisión en relación con determinados contidos da súa programación referidos á protección da infancia e á mocidade formulado polo Ministerio de Educación e Ciencia, as Consellerías de Educación das Comunidades Autónomas e as Cadeas de Televisión, asinado en marzo de 1993
2. Convenio polo que se establece un sistema uniforme de sinalización da clasificación dos programas de televisión en función do seu grao de idoneidade para os menores, subscrito o 21 de outubro de 1999.
3. Convenio subscrito o 13 de xuño de 2002, por Antena 3 Televisión, RTVE, Publiespaña-Tele 5, Sogecable, FORTA, a Asociación para a Autorregulación da Comunicación Comercial (AUTOCONTROL), e a Asociación Española de Anunciantes.
4. Acordo para o fomento da autorregulación da actividade publicitaria no medio televisivo con data do 19 de decembro de 2003, subscrito pola Secretaría de Estado de Telecomunicacións e para a Sociedade da Información e a Asociación para a Autorregulación da Comunicación Comercial polo que se recoñece o Convenio citado no anterior punto 3.
II. Menores e programación televisiva en horario protexido (06:00 a 22:00horas)
1. Principios
a. Garantir o respecto aos dereitos fundamentais dos menores que participen na programación televisiva.
b. Fomentar o control dos pais, de modo que se lles facilite aos pais ou titores unha selección crítica dos programas que ven os nenos.
c. Colaborar nunha alfabetización dos nenos correcta e adecuada, evitando a linguaxe indecente ou insultante, incluíndo, expresamente, as mensaxes SMS que aparecen en pantalla.
d. Evitar la incitación aos nenos á imitación de comportamentos prexudiciais ou perigosos para a saúde, especialmente: a incitación ao consumo de calquera tipo de droga e o culto á delgadeza extrema.
e. Evitar a utilización instrumental dos conflitos persoais e familiares como espectáculo, creando desconcerto nos menores.
f. Evitar as mensaxes ou escenas de explícito contido violento ou sexual que carezan de contido educativo ou informativo nos programas propios da audiencia infantil, así como nos cortes publicitarios.
g. Asignar profesionais cualificados aos programas destinados ao público infantil.
h. Sensibilizar cos problemas da infancia a todos os profesionais relacionados coa preparación da programación ou das emisións, do xeito que considere oportuno cada empresa televisiva.
i. Fomentar que os presentadores ou condutores de programas en directo advirtan das situacións que poidan afectar á protección dos menores de forma que se minimicen os prexuízos eventuais que lles poidan causar.
j. Evitar as demostracións de ciencias ocultas ou de culto ás seitas, sen finalidade educativa ou pedagóxica para alertar os menores.
2. Presenza dos menores na programación televisiva: programas, informativos e publicidade
a. Non se emitirán imaxes nin mencións identificativas de menores como autores, testemuñas ou vítimas de actos ilícitos.
b. Non se utilizarán imaxes nin mencións identificativas de menores con patoloxías graves ou incapacidades con obxecto propagandístico ou en contra da súa dignidade.
c. Non se mostrará a menores identificados consumindo alcol, tabaco ou substancias estupefacientes.
d. Non se entrevistará a menores identificados en situacións de crise (fugados da súa casa, que intentaran o suicidio, instrumentalizados por adultos para o crime, involucrados na prostitución, con seus pais ou familiares próximos implicados en procesos xudiciais ou recluídos no cárcere, etc.).
e. Non se permitirá a participación de menores nos programas nos que se discuta sobre o outorgamento da súa tutela en favor de calquera dos seus proxenitores ou sobre a súa conduta.
f. Non se utilizará os menores en imitacións de comportamentos adultos que resulten vexatorias.
3. Os menores como telespectadores dos informativos
a. Evitarase a emisión de imaxes de violencia, tratos vexatorios, ou sexo non necesarias para a comprensión da noticia.
b. Evitarase a emisión de secuencias particularmente crúas ou brutais.
c. Nos casos de relevante valor social ou informativo que xustifiquen a emisión das noticias ou imaxes antes referidas, avisarase aos telespectadores da súa inadecuación para o público infantil.
4. A publicidade
En En todo o referido á publicidade na televisión estarase ao establecido no Acordo do 19 de decembro de 2003, citado no apartado I.4 anterior, polo que a Secretaría de Estado de Telecomunicacións e para a Sociedade da Información recoñeceu expresamente a utilidade do procedemento de autorregulación creado no mencionado Convenio do 13 de xuño do 2002, que se achega como anexo ao presente código.
III. Menores e programación televisiva. Franxas de protección reforzada
1. Principios
a. Evitar o tratamento común de infancia e xuventude, dada a diferenza obvia. O horario legal de protección dos menores (06:00-22:00) inclúe ambas categorías, polo que o que se debe buscar é a determinación das franxas de protección reforzada para a infancia, entendendo por tal o segmento de idade máis vulnerable: <13 anos, seguindo un criterio de uniformidade coas táboas de cualificación por idades seguidas polo ICAA e o Real Decreto 410/2002, do 3 de maio, que elevou a categoría de norma de aplicación xeral o Convenio do 21 de outubro de 1999, citado no anterior apartado I.2 deste código.
b. O establecemento destas franxas parte do recoñecemento de que, neste tramo horario, o público infantil pode non estar apoiado pola presenza dun adulto, nin dispoñer do control dos pais.
2. Franxas de protección reforzada
a. De luns a venres: de 08:00 a 9:00 e de 17:00 a 20:00 horas.
b. Sábados e domingos: entre as 9:00 e as 12:00 horas.
c. Será de aplicación a franxa de protección horaria de sábados e domingos aos seguintes días:
- 1 e 6 de xaneiro
- Venres santo
- 1 de maio
- 12 de outubro
- 1 de novembro
- 6, 8 e 25 de decembro
d. Para o caso dos operadores adheridos a este código, cuxo ámbito territorial de cobertura non sexa estatal, engadiranse ao listado de días asimilados á franxa de sábados e domingos os que sexan festivos no seu territorio.
e. Nos períodos de vacacións escolares serán de aplicación as franxas de protección reforzada establecidas con carácter ordinario nos apartados anteriores para o conxunto do ano. Non obstante e atendendo ás especiais circunstancias deses períodos, os asinantes deste código mostrarán unha especial sensibilidade e coidado na programación.
f. No suposto de se produciren acontecementos de acusada relevancia informativa, que leven aos operadores de televisión a difundir noticias de transcendencia nas franxas de protección reforzada, estarase ao previsto no apartado II.3.c) deste código.
IV. Clasificación, sinalización e emisión de programas televisivos
1. Principio xeral
Fomentar o control dos pais, de modo que se lles facilite a estes ou aos titores unha selección crítica dos programas que ven os menores, para o cal, as televisións adheridas ao presente código comprométense a reforzar a aplicación do sistema de sinalización da programación televisiva.
2. Clasificación
Axúntanse como anexo a este código, os criterios orientadores para a clasificación dos programas televisivos en función do seu grao de adecuación ao público infantil e xuvenil.
3. Sinalización
a. Aplicarase o sistema de sinalización actualmente vixente, non só aos programas, senón tamén aos espazos de promoción deses programas.
b. Evitarase a promoción de programas cualificados para maiores de idade nas franxas de protección reforzada.
c. Sinalizaranse de forma permanente os programas non recomendados para todos os públicos que se emitan nas franxas de protección reforzada.
d. Evitarase que as promocións que se emitan entre las 06:00 e as 22:00 h. de programas cualificados para maiores de idade inclúan as imaxes ou sons que sexan a causa da súa cualificación para adultos.
e. Incluirase a sinalización actualmente vixente na información da programación que se ofrece ao público a través de medios distintos (páxina web, prensa diaria, revistas, etc.).
4. Emisión de programas televisivos
a. Horario protexido: Non se poderán emitir programas clasificados como “non recomendados para menores de 18 anos”.
b. Franxas de protección reforzada: No se poderán emitir programas clasificados como “non recomendados para menores de 13 anos”.
V. Control e seguimento da aplicación do código
As televisións adheridas ao presente código de regulación realizarán un seguimento estreito da
súa aplicación, corrixindo de forma inmediata os posibles incumprimentos que se detecten.
Para o seguimento e control deste código establécense dous órganos:
1. O Comité de Autorregulación
a. Composición
- Operadores de televisión asinantes do código.
- Produtoras de contidos televisivos.
- Xornalistas.
b. Funcións
- Emitir ditames relativos ás dúbidas presentadas polos operadores de televisión adheridos ao código sobre a adecuación de determinados contidos ás normas nel establecidas. O Comité de Autorregulación elaborará un procedemento para a tramitación das dúbidas que se puideran presentar.
- Emitir ditames relativos ás queixas ou reclamacións presentadas por asociacións de pais, educadores, de xuventude e infancia e consumidores e usuarios con implantación en todo o territorio español. O Comité de autorregulación elaborará un procedemento para a tramitación das reclamacións que se puidesen presentar.
- Eses ditames deberán concluír cunha das seguintes recomendacións:
- Non se aprecian inconvenientes para a emisión.
- Aprécianse inconvenientes que deben ser solucionados no sentido que se indique
- A emisión non se pode producir no tramo horario de protección reforzada.
- A emisión só se pode efectuar no horario non protexido.
- Elaborar informes de actividade periódicos que se lle remitirán á Comisión Mixta de Seguimento.
2. A Comisión Mixta de Seguimento
A Comisión Mixta de Seguimento do código reunirase de forma ordinaria cunha periodicidade trimestral, e de forma extraordinaria en calquera momento, a instancia de, polo menos, catro dos seus membros cunha antelación mínima de cinco días. Nas sesións desta Comisión darse conta da aplicación do código no período precedente e avaliarase o seu cumprimento por parte
de cada un dos operadores de televisión.
a. Composición
Unha representación paritaria de:
- membros do Comité de Autorregulación e organizacións representativas da sociedade civil relacionadas co obxecto deste código
- A Administración poderá estar presente, con voz pero sen voto, asumindo a secretaría da Comisión.
b. Funcións
- Velar polo correcto cumprimento do código.
- Analizar os aspectos relacionados coa aplicación do código.
- Emitir ditames, que se poderán facer públicos, sobre as cuestións propostas e adoptar as resolucións que se estimen pertinentes.
- Emitir un informe anual, que será público, sobre os resultados da aplicación do código.
- Colaborar co Comité de Autorregulación trasladándolle as suxestións e queixas que se desen en relación cos contidos televisivos e os menores, para a adopción por parte dos adheridos ao código das medidas oportunas no marco do establecido nel.
c. Procedemento
- Á Comisión Mixta de Seguimento poderanse dirixir os operadores adheridos ao código e as asociacións antes citadas, con dúbidas, queixas ou reclamacións que teñan sido obxecto de ditame do Comité de Autorregulación e tal ditame non fose atendido.
- Se a Comisión confirmase a persistencia dun incumprimento do código, poderase dirixir ao operador de televisión, obrigándoo ao seu cumprimento. En caso de desatención por parte do operador, a Comisión dará conta pública de dito incumprimento e, no suposto de considerar que puidese supoñer unha vulneración da lexislación vixente en materia de contidos televisivos, poñeríase en coñecemento da Administración competente para a tramitación do expediente sancionador correspondente, se procedese.
- En caso de detectar un incumprimento do código, a Comisión dirixirase ao Comité de Autorregulación para que inicie o procedemento correspondente ante a cadea infractora, para a súa inmediata adecuación ao código.
d. Constitución e acordos
- Para a súa constitución válida será necesaria na primeira convocatoria a presenza de, polo menos, dous terzos dos seus compoñentes con voz e voto e abondará na segunda convocatoria a maioría simple dos seus membros.
- Para a adopción das súas resolucións requirirase o voto da maioría dos seus membros presentes con dereito a voto.
VI. Medidas adicionais
1. Alfabetización mediática
As novas tecnoloxías e a innovación nos medios de comunicación dan lugar a unha evolución do panorama mediático que fai necesario que tanto os nenos coma seus pais ou os seus titores aprendan a utilizar os medios audiovisuais dunha forma máis eficaz. Saber ónde se pode atopar a información e cómo interpretala é, hoxe en día, unha tarefa esencial. Os operadores asinantes deste código colaborarán coas autoridades públicas e coas entidades privadas interesadas en fomentar o uso responsable dos medios audiovisuais, en concreto, do medio televisivo en todas as súas formas de difusión.
2. Control dos pais na televisión dixital
No desenvolvemento do principio básico de fomento do control dos pais, os operadores asinantes deste código consideran imprescindible abordar a protección dos menores nos novos servizos televisivos dixitais. Para isto, deberá garantirse que os pais ou titores dispoñan de información adecuada e de medios técnicos eficaces que lles permitan exercer a súa responsabilidade e autoridade nos contidos televisivos que ven os menores ao seu cargo. Os operadores asinantes deste código colaborarán e promoverán a mellor utilización, no ámbito da televisión dixital, de medios técnicos tales como códigos persoais de acceso, programas informáticos de “bloqueo”, guías electrónicas de programación (EPG). En especial, seguiranse as decisións ou directrices que proveñan do Grupo de traballo constituído no foro DVB para desenvolver sistemas de clasificación e de filtrado aplicables a contidos audiovisuais.
VII. Compromiso das televisións públicas
Os operadores públicos adheridos ao presente código que xestionen nos seus respectivos ámbitos territoriais de cobertura máis dunha canle xeneralista (é dicir, que as súas programacións non teñan características temáticas específicas) emitidos en aberto, comprométense a que, nas franxas de protección reforzada, polo menos nunha das ditas canles se emita preferentemente unha programación especificamente infantil ou ben, alternativamente, educativa, cultural, informativa ou deportiva, e, en todo caso, clasificada para
todos os públicos.
VIII. Ámbito subxectivo e difusión do código
1. Ámbito subxectivo do código
a. O presente código é de aplicación exclusivamente para as emisións en aberto que efectúen os operadores de televisión adheridos a el, como alternativa aos sistemas de filtrado que permiten un control estrito dos pais a través de medios técnicos como tarxetas ou “chaves”, códigos persoais de acceso, programas informáticos de “bloqueo”, etcétera.
b. A súa aplicación enténdese sen menoscabo da normativa vixente en materia de contidos televisivos.
c. Os operadores asinantes poden, unilateralmente, asumir maiores niveis de esixencia ca os establecidos no presente código.
2. Difusión do código
As empresas televisivas asinantes deste código comprométense a:
a. Dar difusión ampla ao presente código a través do medio televisivo, en espazos de grande audiencia, particularmente durante os primeiros seis meses da súa vixencia.
b. Difundir periodicamente os contidos do código e as referencias de sinalización da programación televisiva.
c. Realizar e difundir periodicamente unha campaña de sensibilización para un uso responsable do medio televisivo.
IX. Revisión e vixencia do código
1. Revisión
O Comité de Autorregulación poderá promover, co acordo previo de, polo menos, dous terzos dos seus membros, a revisión do código, que deberá ser aprobada por unanimidade.
2. Vixencia
O presente código ten unha vixencia indefinida.
Disposición transitoria
Dada a complexidade que supón a aplicación do presente código, especialmente en todas aquelas cuestións derivadas da clasificación dos programas, e a adecuación destes ao disposto no texto, o Comité de Autorregulación articulará a súa entrada progresiva en vigor, tendo como límite máximo para a súa plena vixencia, noventa días naturais a contar desde a súa sinatura.
No mes seguinte ao da sinatura constituiranse os órganos previstos no apartado V deste código.
Durante este período, os operadores asinantes extremarán o seu celo na aplicación dos principios contidos neste código, velando por iso o Comité de Autorregulación, que dará conta das súas actividades á Comisión Mixta de Seguimento.
Disposición final
Os asinantes do presente código comprométense a poñelo en coñecemento da Administración
competente.
CÓDIGO DE AUTORREGULACIÓN SOBRE CONTIDOS TELEVISIVOS E INFANCIA
(ANEXO – Apartado IV.2)
CRITERIOS ORIENTADORES PARA A CLASIFICACIÓN DE PROGRAMAS TELEVISIVOS
Estes criterios teñen un carácter meramente orientador e teñen por obxecto ofrecerlles aos responsables de aplicar nos servizos de televisión a cualificación de programas, uns elementos de referencia homoxéneos que faciliten o seu labor. A enumeración de casos ou exemplos concretos non ten carácter limitativo, pois é unicamente indicativa e non limitativa nin exhaustiva.
Os criterios enfocáronse cara a dúas grandes variables: comportamentos sociais e temática conflitiva. Ademais, pola súa especial significación social, establecéronse criterios específicos para o tratamento da violencia e do sexo.
A clasificación aplicable a un programa será a que corresponda á restrición máis alta que apareza en relación con calquera das catro temáticas analizadas para efectuar a cualificación.
CLASIFICACIÓN DE PROGRAMAS
I.- PROGRAMAS ESPECIALMENTE RECOMENDADOS PARA A INFANCIA
Comportamentos sociais:
Programas que impliquen unha descrición positiva de comportamentos infantís ao impulsar valores como a solidariedade, a igualdade, a cooperación, a non violencia e a protección do medio natural.
Violencia:
Programas nos que haxa ausencia de violencia.
Temática conflitiva:
Programas nos que a temática conflitiva estea limitada a pequenos conflitos propios da infancia, resoltos positivamente.
Sexo:
Programas de carácter educativo ou pedagóxico para a formación sexual, especificamente dirixidos a menores de sete anos.
II.- PROGRAMAS PARA TODOS OS PÚBLICOS
Comportamentos sociais:
Esta cualificación permite a descrición de comportamentos adultos, non conflitivos, aínda que poidan non ser intelixibles para menores de sete anos, sempre que non poidan perturbar o seu
desenvolvemento.
Violencia:
Esta cualificación permite a presenza dunha violencia mínima que non afecte a personaxes asimilables do ámbito afectivo dun menor ou que facilite o distanciamento polo seu tratamento
paródico ou humorístico.
Temática conflitiva:
Esta cualificación permite a presenza de elementos de angustia ou medo, sempre que sexa mínima ou estea compensada polo uso da caricatura ou do humor para atenuar o seu impacto.
Sexo:
Esta cualificación permite, o espido casual ou inocente, sen manifestación erótica nin cualificacións vexatorias, ou a presentación de relacións afectivas sen connotacións sexuais.
III. PROGRAMAS NON RECOMENDADOS PARA MENORES DE 7 ANOS (NR 7)
Comportamentos sociais:
1. A descrición de comportamentos, actitudes e costumes inintelixibles para o menor de sete anos cando lle poidan crear desconcerto.
2. A presentación de actitudes intolerantes ou que impliquen menosprezo a un semellante, sen
finalidade educativa ou pedagóxica.
3. A presentación non crítica de accións contra os dereitos humanos, a igualdade e o medio
natural.
4. A utilización, mostra ou mención de drogas ilícitas, salvo que sexa con fins informativos ou
educativos.
Violencia:
A presenza, incluso esporádica, de violencia verbal ou física. Non obstante, deberase ter en conta se esta violencia non afecta a personaxes reais (persoas ou animais) e/ou se está tratada en clave de humor ou con intención paródica, que lle permita ao menor de sete anos unha clara percepción do seu carácter ficticio.
Para a avaliación da violencia presente no programa, deberase ter en conta, se os personaxes ou as situacións forman parte do imaxinario infantil, é dicir, se corresponden a narracións ou a
personaxes (contos infantís, meigas, ogros, etc.) integrados no proceso habitual de aprendizaxe dun menor de sete anos.
Non obstante, e en sentido inverso, esta avaliaicón deberá considerar, incluso nestes casos, a
morosidade e intensidade con que se presenten os actos ou as situacións de violencia e se estas afectan ao ámbito familiar do menor.
Temática conflitiva:
1. Os programas de ficción cun argumento en que sexa difícil para o menor de sete anos discernir o maniqueísmo elemental entre “bos” e “malos”.
2. A presentación de conflitos de orde social, cultural, relixioso, político, sexual, etc., que afecten dramaticamente ao ámbito familiar dun menor, ou que requiran un mínimo (re)coñecemento da súa existencia por parte do menor de sete anos, ou afecten negativamente á comprensión do seu ámbito habitual.
3. As escenas ou imaxes, incluso esporádicas, susceptibles de provocar angustia ou medo, como, por exemplo, as relativas a fenómenos paranormais, exorcismos, vampirismo ou aparicións diabólicas, etc.
4. A presentación explícita e inútil de cadáveres e restos humanos, aínda cando non afecten a
personaxes próximos ao ámbito familiar ou afectivo dun menor.
A avaliación das presentacións ás que se refiren os puntos 3 e 4 debe ter en conta se os
personaxes forman parte do imaxinario infantil, así como o grao de distanciamento que lle permitan ao menor de sete anos, mediante o humor e a caricatura.
En sentido inverso, terase en conta a morosidade e intensidade coa que se presenten as situacións de medo ou angustia.
Sexo:
Os materiais de carácter educativo ou pedagóxico para a formación sexual, non especificamente dirixidos a menores de sete anos.
IV. PROGRAMAS NON RECOMENDADOS PARA MENORES DE 13 ANOS (NR 13)
Comportamentos sociais:
1. A presentación de comportamentos e actitudes que, sen unha finalidade educativa ou
informativa, incite á imitación de actitudes intolerantes, racistas, sexistas e violentas; condutas
competitivas que non respecten as regras ou os dereitos dos demais; arribismo a calquera prezo; linguaxe ordinaria ou blasfema; inadecuada para o menor de trece anos; prostitución, etc.
2. A presentación positiva de situacións de corrupción institucional (pública ou privada); a
presentación non detallada da corrupción de menores e da trata de brancas, salvo que a finalidade sexa especificamente informar, educar e previr aos menores.
3. A presentación non crítica de situacións e manifestacións denigrantes cara ás relixións, culturas, ideoloxías, filosofías etc., salvo que o contexto histórico ou xeográfico permita o distanciamento do menor de trece anos. Exceptúase o tratamento informativo dun acontecemento negativo asociado a relixións, culturas, ideoloxías, filosofías, etc.
4. A presentación do consumo de substancias (tabaco, alcohol) que poidan ser prexudiciais para a saúde, ou a presentación do culto á extrema delgadeza, cando esta presentación sexa susceptible de crear condutas imitativas.
5. A presentación da utilización habitual e os efectos do consumo de drogas ilícitas, excepto no
caso de que se faga con fins educativos e informativos.
Violencia:
1. A presenza de violencia física con danos graves a persoas, que sexa susceptible de crear
condutas imitativas.
2. A presentación da violencia como forma de solucionar os problemas.
3. A presentación realista, cruel ou detallada de actos violentos.
4. A presentación de violencia inxustificada ou gratuíta, aínda que sexa de nivel baixo de intensidade, ou a levada a cabo por protagonistas ou personaxes “positivos” que aparezan como autores de actos violentos individuais.
Ademais do establecido nos puntos anteriores aplicables con carácter xeral, o grao de violencia
presente nos programas de ficción deberá ser valorado tendo en conta o “xénero do programa” (oeste, policial, bélico, de romanos, ficción científica, etc.). Ademais deberase ter en conta o contexto histórico no que se desenvolve o argumento, entendendo que existen unha serie de convencións narrativas que poden facer asumible unha maior presenza de violencia. Tamén se avaliará se o comportamento violento foi recompensado ou premiado ou se a violencia inxustificada quedou sen castigo.
Temática conflitiva:
1. A presentación como positivos de persoas ou personaxes que asumen comportamentos e condutas nocivas, violentas ou ilícitas.
2. A presentación explícita e sen solución positiva de conflitos emocionais graves (por exemplo, a vinganza, o odio no seo da familia, os malos tratos, os problemas de identidade sexual, o incesto, o divorcio traumático, a violencia doméstica, etc.), e de conflitos exacerbados de carácter racial, político, social, relixioso, etc.
3. A proposta de dilemas morais xeradores de angustia, pola ausencia de solución positiva e as
súas consecuencias negativas irreversibles, e a aparición de escenas e imaxes baseadas no predominio do medo e do terror, con abuso deste.
4. A presentación explícita da morte de personaxes próximos ao ámbito familiar ou afectivo dun
menor, cando a situación non se resolve sen provocar angustia.
5. A presentación de terror, con recreación nos efectos de angustia, non atenuados polo humor.
Sexo:
A presentación de relacións afectivo-sentimentais que aparezan con manifestacións sexuais explícitas, a insinuación procaz, de actos de carácter sexual e/ou contido erótico, excepto naqueles casos nos que o romanticismo sexa predominante, ou o seu tratamento humorístico ou paródico xere un efecto de distanciamento e atenuación do carácter erótico.
V. PROGRAMAS NON RECOMENDADOS PARA MENORES DE 18 AÑOS (NR 18)
Comportamentos sociais:
1. A presentación positiva e compracente de actitudes intolerantes ou discriminatorias e de condutas delitivas.
2. Os programas que baseen o seu contido na presentación ou análise do exercicio da prostitución, ou conteñan a descrición explícita da corrupción de menores ou da trata de brancas, salvo que a finalidade sexa especificamente informativa ou educativa para alertar os menores.
3. A presentación positiva ou de forma que poidan incitar ao consumo da adicción ás drogas ou a
substancias nocivas para a saúde (alcoholismo ou tabaquismo, drogadicción), ou do culto á delgadeza extrema.
Violencia:
1. A presentación de violencia física de forma explícita, con resultados manifestos de lesións e
morte de persoas mostrados de forma aberta e detallada.
2. A presentación minuciosa de torturas, homicidios e outras violacións da dignidade humana tales como os malos tratos en xeral, malos tratos por razón de raza, relixión, sexo, idade, etc,
3. A exaltación de condutas violentas ou que presenten a violencia como a mellor forma de solucionar conflitos.
Temática conflitiva:
1. A presentación explícita e instrumental de conflitos emocionais graves (por exemplo, a vinganza, o odio no seo da familia, os malos tratos, os problemas de identidade sexual, o incesto, o divorcio traumático, a violencia doméstica, etc.), sen un tratamento construtivo.
2. A presentación con detalle e como irresolubles, ou só solucionables por medio da violencia, de conflitos sociais, políticos, relixiosos, sexuais, raciais, etc.
Sexo:
1. A presentación de relacións sexuais de forma obscena.
2. A presenza nas relacións sexuais de elementos sadomasoquistas, ou doutras prácticas que
supoñan unha degradación da dignidade humana.
3. A pornografía.