div-crtvg-top1

Publicidade

Menú de navegación

Logo de CRTVG

Ruta de navegación

Televisión de Galicia celebra o Nadal con espazos de entretemento para toda a familia

Un especial de ‘Land Rober Tunai Show’ acompañará os galegos en Noiteboa, mentres que na última noite do ano serán X.R. Gayoso, Noelia Rey e Rocío Durán os que tomarán as uvas desde a praza do Obradoiro

A TVG propón espazos co Nadal como protagonista: a competición gastronómica ‘A cea máis galega do mundo’, ‘Nadal Challenge’, que busca a casa mellor iluminada, e ‘Os reis do mando’, centrada no goce en familia da televisión pública galega

‘A cabina dos desexos’, ‘Soño contigo’, ou ‘Sala G’, unha homenaxe ás salas de festas dos anos 80, son outras das estreas de entretemento para estas semanas

Alba Mancebo, presentadora de 'Soño contigo' Alba Mancebo, presentadora de 'Soño contigo'
crtvg.gal 19/12/2023 13:24

Santiago, 19.12.2023.-  Arranca esta semana a programación de Nadal da TVG: co lema ‘Fixémolo por ti’, a canle pública adapta a súa grella con espazos moi familiares e entretemento para todas as idades cos que quere agradecer a fidelidade da audiencia.

Este mércores 20 chega a pantalla o especial ‘A cea máis galega do mundo’, unha competición entre os produtos e pratos de Nadal que enchen as mesas de sabor nestes días. O venres 22, a canle pública galega retransmitirá o anual ‘Sorteo da Lotaría de Nadal’, cun programa presentado por Iria Soengas e Sevi Martínez, e unha ampla despregadura por toda Galicia na busca de posibles afortunados.

Chega o Nadal tamén ao concurso ‘Atrápame se podes’, que a partir do día 23 será protagonizado por ‘dúos imposibles’ con personaxes famosos enfrontados polos seus estilos, traballos ou idades. E haberá tamén ‘Atrápame se podes Kids’, en que os máis pequenos da casa terán a oportunidade de participar nun clásico da grella da TVG.

E ese mesmo sábado 23, pola noite, a Galega ofrecerá unha nova entrega do programa especial ‘A Liga das Familias Extraordinarias’, en que os artistas poderán subir ao escenario coas súas persoas máis achegadas.

Noiteboa e día de Nadal

O 24, a Noiteboa da Galega será a máis falcatrueira, con Roberto Vilar e a tropa do ‘Land Rober Tunai Show’ nunha edición especial. E o día de Nadal a programación encherase de propostas para unha xornada en familia. Pola tarde, emitirase o ‘Nadal Challenge’ entre casas de toda Galicia que competirán por conseguir ser a mellor iluminada das festas. A continuación, estrearase ‘A cabina dos desexos’, en que seis persoas recibirán unha sorpresa e cumprirán os soños que sempre quixeron realizar. E pola noite os seguidores da serie de éxito ‘Saudade de ti’ poderán gozar co especial ‘Que bonito é vivir en Abrente’, que lles permitirá ver como sería a vida nesta vila de ficción se o tráxico accidente en que morreron Olga e mais a súa irmá Uxía nunca tivese sucedido.

O 27 de decembro estrearase ‘Soño contigo’, unha serie de programas que reflicte  a paisaxe e aspectos estéticos de Galicia desde a óptica dun dron, Liciña. A primeira emisión do espazo, presentado pola xornalista Alba Mancebo, fará un percorrido pola iluminación de Nadal de cidades, vilas e aldeas galegas, e a segunda achegarase o día de Aninovo aos principais cabos de Galicia, amosándoos como nunca se viran.

O sábado 30 pola noite abrirá as súas portas ‘Sala G’, serie de tres programas especiais que desvelará os segredos das salas de festas dos anos 80. A TVG lembrará aqueles tempos con este concurso musical dedicado aos cantantes de orquestra, aos xurados e concursantes dos talent shows e aos programas da canle pública galega.

Gala de fin de ano e badaladas con X. R. Gayoso

Os espectadores da TVG están convidados a pasar a Noitevella na compaña de Xosé Ramón Gayoso na ‘Gala de Fin de Ano’ xunto ás Tanxugueiras, con Carlos Baute, Bustamante, Camela e Twin Melody entre os artistas convidados. Arredor da medianoite, o presentador trasladarase á praza do Obradoiro para retransmitir as badaladas, tarefa en que estará acompañado por Noelia Rey e Rocío Durán.

Primeiros días de 2024: ‘Os reis do mando’, música e cabalgata de Reis Magos

No primeiro día do ano, a TVG abrirá as portas dos salóns galegos para descubrir como diferentes familias e amigos comparten e gozan da televisión galega. O programa especial ‘Os reis do mando’ será testemuña das reacción reais, sen guión, divertidas, emotivas e sorprendentes que lles transmiten aos espectadores os momentos máis especiais da programación de 2023.

E o 3 de xaneiro será o momento de escoller ‘A mellor orquestra do ano’ cunha competición entre catro grandes e imprescindibles da verbena galega: Panorama, París de Noia, Los Satélites e El Combo Dominicano.

A programación de Nadal da TVG rematará na tarde do día 5 de xaneiro, como non podía ser doutro xeito, coa tradición de ofrecer en directo as cabalgatas de Reis desde as rúas galegas con conexións coas principais cidades e vilas para seguir os seus desfiles, cos que comeza a noite máis máxica do ano.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
CRTVG VIVA

div-crtvg-top2

Publicidade