div-crtvg-top1

Publicidade

Menú de navegación

Logo de CRTVG

Ruta de navegación

Rosa Vilas recolleu o Premio Paraugas honorífico do Clúster da Comunicación en recoñecemento á súa carreira

Este premio enxalza o seu destacado labor como xornalista e tamén o seu papel como pioneira no sector xa que foi a primeira muller en dirixir, no 2009, a Televisión de Galicia

crtvg.gal 27/11/2023 11:04

Ferrol, 17.11.2023.- Rosa Vilas, adxunta á dirección xeral da CRTVG, recolleu este venres o Premio Paraugas honorífico do Clúster da Comunicación de Galicia, en recoñecemento a súa traxectoria profesional. Nunha gala celebrada no Teatro Jofre de Ferrol, a xornalista foi homenaxeada pola súa carreira e como pioneira xa que foi a primeira muller en dirixir a Televisión de Galicia, no 2009.

Na súa intervención, Rosa Vilas agradeceu e recoñeceu o importante papel dos equipos da TVG na súa carreira e tivo tamén unha lembranza para outra xornalista pioneira, Rosa Martínez, recentemente falecida, compañeira e ex-directora da Radio Galega. Rematou as súas palabras adicando o premio aos seus dous fillos aos que agradeceu, emocionada, "o apoio incondicional e a vosa comprensión por tantas ausencias durante todos estes anos".

A traxectoria de Rosa Vilas (Cambados, 1966) está vencellada á historia dos medios públicos galegos, xa que antes de dirixir a canle de televisión fora tamén a primeira muller que exerceu como redactora xefa e subdirectora de informativos da TVG. Este Premio Honorífico dos VIII Premios Paraugas enxalza, por tanto, o seu destacado labor como xornalista e tamén o seu papel como pioneira no seu sector. Licenciada en Xornalismo pola Universidade Complutense de Madrid, en 1989 comezou a súa traxectoria na CRTVG, nos primeiros anos como presentadora e editora do ‘Telexornal mediodía’, e posteriormente en cargos directivos.

En 2014, Rosa Vilas pasou a ser a directora da División de Radio e Televisión de Galicia da CRTVG. Máis adiante, en 2017, foi nomeada directora adxunta á Dirección Xeral da CRTVG e, posteriormente, directora de Organización e Xestión do Cambio, adxunta á Dirección Xeral da CRTVG responsable do deseño e desenvolvemento da dixitalización e do modelo produtivo da CRTVG como operadora dixital multimedia, multiplataforma e multicanle. Ao longo da súa carreira profesional, Rosa Vilas recibiu distincións como o Premio Talento de Televisión da Academia da Televisión en 2014 ou o Premio Enrique Beotas na modalidade de entrevista en 2016.

Premios Paraugas

O Clúster da Comunicación de Galicia puxo marcha hai oito anos os Premios Paraugas para poñer en valor a calidade do traballo do sector da comunicación en Galicia. Cada ano, neste 2023 por primeira vez fóra de Ourense, os galardóns recoñecen traballos de creativos, axencias de publicidade, entidades, imprentas, e proxectos de comunicación de marketing feitos desde Galicia.

www.clustercomunicacion.gal

Publicidade
Publicidade
Publicidade
CRTVG VIVA

div-crtvg-top2

Publicidade