Os espectadores de ‘Cos pés na terra’ probarán o shiitake, un manxar chegado de Asia, esta noite no prime time da TVG - CRTVG
Os espectadores de ‘Cos pés na terra’ probarán o shiitake, un manxar chegado de Asia, esta noite no prime time da TVG
Ademais, o espazo meterase de cheo nun curso de preparadores de vacas de concurso onde se aprende a lavar, peitear e manexar estes animais
Deseguido, na entrega desta semana de ‘Os ríos da vida’, Laura Vaqueiro percorrerá o Umia desde o seu nacemento na Raigosa, entre os concellos da Estrada e Forcarei
Santiago, 11.06.24.- Esta noite, no prime time, TVG ofrece unha nova entrega de ‘Cos pés na terra’, seguido do espazo ‘Os ríos da vida’, no que se coñecerá todo o percorrido do río Umia desde o seu nacemento ata a ría de Arousa. No ‘Cos pés na terra’ deste martes van saltar chispas, concretamente as que deixa detrás de si Álvaro, un rapaz afeito a transformar o ferro en coitelos.
Ademais, os espectadores están convidados a probar o shiitake por Pazos, produtor deste manxar chegado de Asia, un manxar que en Galicia non tratamos nada mal. E tamén, da man do mestre Avelino, ‘Cos pés na terra’ meterase de cheo nun curso de mozos preparadores de vacas de concurso. Alí os nenos van aprender a lavar, peitear e manexar estes animais.
Deseguido, o programa ‘Os ríos da vida’ realiza esta semana un itinerario polo Umia, que percorre toda a provincia de Pontevedra. Na entrega desta noite, Laura Vaqueiro percorrerá o río desde que nace na Raigosa, entre os concellos da Estrada e Forcarei, xusto a medio camiño entre os ríos Deza e Lérez. Despois percorre 60 quilómetros, toda a provincia de Pontevedra, para desembocar en Cambados, formando un fermoso esteiro na ría de Arousa.