div-crtvg-top1

Publicidade

Menú de navegación

Logo de CRTVG

Ruta de navegación

O ‘Galicia en goles’ da RG arranca o 2024 con tres días de fútbol

O Celta pecha a primeira volta o mércores en Balaídos ante o Betis

crtvg.gal 28/12/2023 14:57

Santiago, 28.12.2023.- A primeira semana do 2024 chega chea de deporte, polo que a Radio Galega programou seis días de emisión do ‘Galicia en goles’. A primeira edición estará en antena o martes desde as 18:00 h, coa retransmisión do derbi galego da Primeira RFEF entre o Club Deportivo Lugo e o Celta Fortuna. Vai ser o primeiro partido do adestrador portugués Paulo Alves, que se estrea ante o líder da categoría.

O mércores, tamén a partir das 18:00 h, o equipo deportivo da Radio Galega fará unha ampla despregadura desde Balaídos para contar o final da primeira volta na Primeira División profesional. O Celta, en postos de descenso e a dous puntos da salvación, recibe o Betis, sétimo clasificado. No programa haberá tamén información do Ponferradina-Arenteiro, da Primeira RFEF, e do primeiro encontro da repesca da Champions de baloncesto entre o Pinar Karsiyaka e o Breogán de Lugo.

Xa o xoves, o ‘Galicia en goles’ volverá comezar ás 18:00 h, para retransmitir desde Riazor o Deportivo-Real Sociedade B, da Primeira RFEF. O equipo donostiarra, que chegou a ser o líder da categoría, visita A Coruña ocupando a cuarta praza, mentres o cadro galego, pese a medrar varios postos nas últimas semanas, segue fóra da promoción de ascenso.

A Liga protagonizará durante tres días a actualidade futbolística, que se centrará na Copa do Rei a partir do venres 5 de xaneiro. Desde as 20:30 h, o equipo deportivo da Radio Galega analizará o calendario da fin de semana, escoitando as conferencias de prensa dos adestradores e a opinión dos especialistas.

O sábado, desde as 15:00 h, o interese pasará polo estadio Anxo Carro, onde o Lugo recibe o Atlético de Madrid. Mentres, o domingo a atención estará posta a partir das 23:45 h en Urritxe co Amorebieta-Celta. Xa pola tarde, desde as 14:45 h, o Rácing de Ferrol-Sevilla converterase na Malata no encontro destacado.

Durante o sábado 6 e o domingo 7, o ‘Galicia en goles’ tamén estará atento ao regreso das competicións de Liga na Segunda e Terceira RFEF, ademais de ofrecer os primeiros partidos do 2024 na Liga ACB de baloncesto. Xunto ás conexións pola FM, os afeccionados terán ocasión de escoitar de xeito íntegro o domingo o Breogán-Granada, ás 12:30 h, e o Barcelona-Obradoiro, ás 17:00 h, a través das plataformas radiogalega.gal e g24.gal/deportes.
 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
CRTVG VIVA

div-crtvg-top2

Publicidade