div-crtvg-top1

Publicidade

Menú de navegación

Logo de CRTVG

Ruta de navegación

Bases 'Sinxelo'

A Corporación RTVG dentro das #acciónsG de RSC creou, en colaboración coa Universidade de Vigo, un servizo pioneiro en España para ampliar a accesibilidade e difundir información audiovisual en galego nun formato baseado na lectura sinxela.

Desde febreiro de 2022, e a través das redes sociais da Corporación RTVG, achéganselle ás persoas con algunha clase de dificultade cognitiva videos de lectura sinxela.

Neles séguense os criterios de “lectura sinxela”, método que aplica pautas e recomendacións á redacción de textos, o ritmo das imaxes ou ao deseño e maquetación de documentos, sempre coa finalidade de facer accesible a información ás persoas con dificultades de comprensión, fundamentalmente, aínda que non só, a persoas con síndrome de Down.

Con esa acción, a Corporación RTVG ampliou o seu plan de accesibilidade: difunde información audiovisual en galego nun formato que se basea no antedito tipo de lectura.

O proxecto conta con tres fases. Para desenvolver esta terceira, que se estima como a máis de callado e utilidade social, “Sinxelo” conta con servir de plataforma ás propias creacións de asociacións, colexios e fundacións de persoas con discapacidade cognitiva, e que se convertan non só en receptores de información senón en creadores e promotores de contidos. Outorgar visilibilidade á propia comunidade á que vai destinada a acción. Para isto, a Corporación RTVG ofrece a súa colaboración e posta a disposición dos seus medios de difusión destes traballos que serán publicados nas súas canles.

FORMA DE PARTICIPAR

Os interesados deberán enviar os seus videos realizados en formato de lectura sinxela á dirección: sinxelo@crtvg.gal.

Deberá indicarse unha persoa de contacto, que será a responsable perante a Corporación RTVG dos contidos remitidos e do cumprimento do aquí establecido.

REQUISTOS DOS CONTIDOS

Os vídeos deberán ter unha duración mínima de 30 segundos e máxima de un minuto e medio.

Deberan cumprir os requisitos técnicos seguintes:

.-Cumprir cos requirimentos de “Linguaxe sinxela”

.-Calidade broadcast.

Deberá respectar os criterios reitores da dirección editorial da Corporación RTVG, S.A. aprobados polo Consello de Administración (http://www.crtvg.es/files/CRITERIOSREITORES.pdf e deberán cumprir o resto de normativa de aplicación, especialmente o establecido na lexislación de comunicación audiovisual, así como á normativa reguladora do dereito ao honor, á intimidade persoal e familiar e á propia imaxe e a protección de menores.

Deberá contar coa autorización de todas as persoas que participen ou figuren na gravación do vídeo, consonte permiten a reprodución e a comunicación pública da súa imaxe e intervención nas condicións aquí establecidas.

Non poderán incluír ningún tipo de publicidade.

 

DEREITOS CEDIDOS

Polo feito de remitir o vídeo á Corporación RTVG, cédelle a esta os dereitos de reprodución, comunicación pública por calquera que sexa o sistema e modos de emisión empregados; así a televisión dixital terrestre (TDT), satélite, cable/IPTV e internet, e calquera modalidade de emisión análoga ás mencionadas. Tamén comprende a posta a disposición do público (previa reprodución instrumental da obra) por procedementos con ou sen fíos, de tal forma que calquera persoa poida acceder ao vídeo dende o lugar e no momento que elixa; a título enunciativo e non excluínte inclúense os servicios baixo calquera modalidade de “catch up”, vídeo baixo demanda (VOD) e a videogravación remota e calquera outra análoga ás anteriores. Tamén se poderá reproducir e realizar a posta en disposición a través de redes sociais e plataformas de compartición de contidos de forma integra ou fragmentada. Estes dereitos son cedidos sen límite de pases e para todo o mundo.

A Corporación RTVG poderá realizar as modificacións técnicas necesarias dos vídeos.

SELECCIÓN DOS VÍDEOS

Os vídeos emitidos por calquera das canles da Corporación RTVG serán aqueles que a Corporación RTVG considere que se adecúan aos fins perseguidos con este proxecto. Nos existe compromiso por parte da Corporación RTVG de emisión dos vídeos recibidos.

PROTECCIÓN DE DATOS.

A Corporación Radio e Televisión de Galicia, S.A. (CORPORACIÓN RTVG) informa que, con base no Regulamento UE 2016/679 do Parlamento Europeo e do Consello de 27 de abril de 2016, relativo á protección de persoas físicas respecto ao tratamento de datos de carácter persoal e á libre circulación deses datos (RGPD) e a lei orgánica 3/2018, de 5 de decembro, de Protección de Datos Persoais e garantía dos dereitos dixitais, a finalidade da recollida e tratamento dos datos de carácter persoal, e que fai referencia a datos de carácter persoal, resultan necesario para a emisión dos contidos. Os ditos datos non serán cedidos a terceiros sen o expreso consentimento salvo obriga legal ou base xurídica que o lexitime e serán conservados unicamente polo tempo que legalmente corresponda. Os interesados poderán exercitar os seus dereitos de Acceso, Rectificación, Supresión, Oposición, Limitación e Portabilidade por correo postal á dirección propia da CRTVG indicada no encabezado do contrato, ou mediante correo electrónico na dirección lopd@crtvg.es, en ambos casos xuntando copia do DNI. Tamén poderá presentar unha reclamación perante unha autoridade de control.

Os vídeos deberán cumprir con toda a normativa de aplicación en materia de protección de datos.


 

div-crtvg-top2

Publicidade